Descuberta unha casa castrexa na cidade romana de Armea

Durante a última campaña arqueolóxica no xacemento de Allariz atopáronse os primeiros vestixios dun poboado da Idade de Ferro

O xacemento da ‘cibdá’ romana de Armea, en Allariz, é coñecido tamén como o “castro de Armea”, a pesar de que non se tiñan atopado nel restos castrexos. Porén, despois de máis dunha década traballando neste enclave, o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo conseguiu localizar este verán os primeiros vestixios do seu poboado castrexo.

Este mércores realizouse unha visita institucional ao xacemento e unha presentación dos resultados da XII campaña arqueolóxica realizada este verán no enclave. “Deu moi bos resultados. Despois de 12 anos traballando no xacemento de Armea atopamos restos do seu antigo castro”, explica Adolfo Fernández, vicedecano da Facultade de Historia do campus de Ourense, membro do GEAAT e director do proxecto arqueolóxico en Armea. Na zona leste da finca da atalaia do xacemento, indica, “localizamos en niveis moi inferiores, a case tres metros de profundidade, unha casa redonda, circular, que estaba destruída polas construcións romanas posteriores”. Desa casa, detalla, “recuperamos materiais arqueolóxicos asociados e non é material romano, é un casa pre-romana e de tipo castrexo”. Polo tanto, indica o arqueólogo, “podemos dicir que atopamos ese castro de Armea que estaba baixo das construcións romanas, podemos asegurar que debaixo da cidade romana de Armea consérvase un poboado castrexo, da Idade de Ferro”.

Publicidade

Fortificación medieval

Non foi a localización de restos castrexos a única novidade destacada desta XII campaña, na que participou un amplo equipo do GEAAT e alumnado en prácticas. Segundo explica Adolfo Fernández, na busca destes vestixios castrexos tamén fixeron pequenas sondaxes na zona coñecida como alto dos pendóns, pois, apunta, “de existir estes restos criamos que estaría nas zonas máis elevadas”. Porén, nas sondaxes non se atoparon vestixios castrexos pero si “un pequeno castelo ou fortificación, aínda non sabemos moi ben, de época medieval”. Probablemente, apunta o arqueólogo, “estemos perante a torre que aparece no escudo da parroquia de Santa Mariña, que non se sabía moi ben de onde viña”.

Na campaña de verán tamén se avanzou na escavación da zona da atalaia. Na súa domus leste escavouse por completo o atrio central da casa, o patio interior, do que Adolfo Fernández destaca que “é espectacular, porque está todo moi ben conservado, coas columnas caídas in situ, con capiteis, as escaleiras que dan acceso ao segundo piso… É un atrio único a día de hoxe polo seu estado de conservación e que permite visualizar perfectamente como era unha casa romana”. Por último, o equipo do GEAAT salienta da campaña deste verán a localización de “cultura material” moi rica, entre a que destacan dous denarios de prata do século I antes de Cristo, “que son poucos habituais en contexto galaico”, e tamén un brazalete tipo torques, de bronce e “moi ben decorado”.

Publicidade

Brazalete de bronce.

A campaña foi froito dun convenio de colaboración existente entre a Universidade de Vigo e o Concello de Allariz e contou co apoio da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense.


Podes ler a noticia completa do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A tecnoloxía galega que permite analizar datos sen comprometer a privacidade

Investigadores de atlanTTic desenvolven ferramentas criptográficas para mellorar o deseño das políticas públicas

Do CINBIO a Sudáfrica para estudar a recombinación da covid: historia dunha viaxe

O grupo CME da UVigo leva anos estudando a evolución dos virus a través da bioinformática e centra parte dos seus estudos na monitorización do SARS-CoV-2

Revolución cuántica dende Vigo: así será a cátedra de computación óptica

A iniciativa da UVigo, co apoio de Zona Franca, crea un laboratorio pioneiro para desenvolver microprocesadores baseados en fotóns e transferir ao tecido empresarial galego

O océano do futuro estúdase en Vigo: dúas décadas construíndo un referente europeo da investigación mariña

O Centro de Investigación Mariña da UVigo celebra o seu décimo aniversario xunto ao vixésimo da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla. Por Daniel Rey, do CIM