Mércores 21 Febreiro 2024

Un mapa forestal de Galicia para loitar contra os incendios

A investigadora Laura Alonso propón a creación dun inventario específico para non depender do español, que está desactualizado e non ten en conta o minifundio galego

Galicia necesita un inventario propio da súa masa forestal. Grazas a esta caracterización comprenderiamos mellor os incendios, e axudaríanos a montar novas ferramentas de xestión do territorio que poidan axudar a previlos. Ademais, ter o territorio forestal ordenado tamén fai achegas á nosa economía e ao noso patrimonio natural. Todo isto, e moito máis, vén recollido na tese doutoral que este mércores defende Laura Alonso na Escola de Enxeñería Forestal en Pontevedra, que leva por nome Desenvolvemento de novos métodos de caracterización e xestión do patrimonio forestal mediante teledetección, e que se puido seguir mediante streaming en directo.

O principal obxectivo desta tese é buscar ferramentas para mellorar o monitoreo da superficie forestal, especialmente en zonas como Galicia, onde isto resulta moi complicado. Entre as causas desta dificultade destacan o minifundismo, a alta taxa de actividade forestal e a elevada incidencia de cambios que suceden, como poden ser os incendios. “Supón un reto poder obter información actualizada de cousas tan pequenas e que cambian tan continuamente. Buscamos solucións para tratar de monitorear esta situación con novas tecnoloxías”, comenta a investigadora.

Publicidade

Esas novas tecnoloxías das que bota man para os seus estudos refírense sobre todo a información satelital. A maior parte da tese utiliza imaxes de acceso aberto, como as que nos ofrece o satélite Sentinel 2, pero tamén emprega outras, como as do WorldView-3, que é un satélite comercial. Outra tecnoloxía empregada foi o LiDAR. Consiste en formar nubes de puntos que se capturan cun láser e representan a realidade en 3D. Esta técnica proporciona moita información da estrutura dos bosques.

“Necesitas modificar a paisaxe para previr os incendios, pero se non sabes o que tes, é moi díficil planificar”

LAURA ALONSO, autora do estudo

Tamén contamos en España con información de acceso aberto, e tamén se pode obter a través doutros sensores montados en drons ou en sensores portátiles. As imaxes que ofrecen os satélites aparecen cada cinco días. “O que busco é construír mapas da superficie forestal e dos cambios que se producen, para obter mapas actualizados”, apunta Laura Alonso. Agora mesmo a fonte oficial que nos dá mapas sobre Galicia é o mapa forestal español, e o último que se fixo foi en 2011, cunha unidade mínima dunha hectárea. Gran parte da superficie de Galicia, máis do 48%, atópase en parcelas menores de media hectárea. “É moi difícil monitorear todos os cambios e saber o que hai na superficie forestal para facer unha planificación partindo dese mapa, que non se axusta á realidade galega. Por iso propoñemos métodos para actualizar todos estes mapas, que, se os temos actualizados, poden ser útiles para a prevención dos incendios forestais. Necesitas modificar a paisaxe para previr os incendios, pero se non sabes o que tes, é moi díficil planificar”.

A maior vantaxe do traballo recollido na súa tese é que foron capaces de crear mapas con satélites de acceso aberto. Unha vez que está o método creado, sería quen de aplicalo cada ano. Cunha resolución de 10×10 metros poderiamos caracterizar as principais coberturas, é dicir, saber se hai eucaliptos, coníferas ou outras frondosas, ou se hai matogueira. Tamén sería interesante para caracterizar cada ano as cortas que acontencen nesa superficie, ou os incendios que teñen lugar. Como o acceso é aberto, cada temporada podes ter información valiosa e ir planificando a paisaxe. Deste xeito, o custo sería mínimo, en opinión da enxeñeira da Universidade de Vigo, que conta cun máster en Ecoloxía e Xestión da Biodiversidade pola Universidade Autónoma de Barcelona.

Traballos previos

Laura Alonso tiña xa un traballo previo que consistiu na análise de factores fisiográficos do territorio e caracterización da vexetación mediante LiDAR PNOA en Pontecaldelas-Pazos de Borbén, así como a avaliación da súa relación coa severidade de incendios forestais. “Nesta tese observei que non é so a especie que teñas, senón onde está localizada. Por iso é tan importante contar cos mapas. Porque non é o mesmo atopar unha masa de eucalipto a media ladeira, que tela no fondo dun val, ou unha masa de frondosas no fondo dun val, que a media ladeira. É moi difícil falar de especies en canto ao comportamento dos incedios, porque hai moitos factores que interaccionan. Por iso ter estes mapas pode supoñer un avance en prevención, porque axudan a saber, segundo onde están localizadas as masas, como é a evolución dos incendios”.

Laura Alonso, a autora do estudo.

A superficie forestal galega é moi cambiante. Contamos con eucaliptos, que son especies de crecemento rápido, e que se están cortando continuamente, e temos outras especies neste contexto que é Galicia, que coa produtividade que hai, tamén se cortan moi rápido. A nosa comunidade conta cuns servizos de extinción cunha eficacia superior ao 99%, pero aínda así quedan lumes que se poden converter en moi grandes. Por iso é moi importante planificar o territorio e ter os datos actualizados na medida do posible, para deste xeito ser capaces de dar maiores oportunidades aos axentes de extinción, tanto para extinguir os incendios como para autoprotexerse.

É inevitable, agora que se achega o mes de outubro e que nos vén por diante o veraniño de San Miguel, pensar naquela vaga de lumes que tivemos no 2017 en Vigo e na súa área metropolitana. Se iso volvese pasar, segundo a opinión de Laura Alonso, teriamos mellores solucións grazas a coñecer mellor o territorio. “Quizais xa non nos collería tan por sorpresa. No verán de 2022 tivemos incendios parecidos, e a xente xa sabía que algo así podía pasar aquí, algo que antes viamos moi lonxe. Coñecemos mellor o territorio, estase empezando a traballar nisto, e temos conciencia de que temos que cambiar a forma de traballar. Debemos ter máis en conta o que hai, e onde o hai, e cambiar cousas de sitio. A concienciación debe chegar a varios niveis, non só á poboación e ao mundo científico. Necesitamos un inventario específico para Galicia”, conclúe a enxeñeira forestal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da UVigo demostra a viabilidade de ir a Marte con propulsión solar

Investigadores do campus de Ourense presentan o deseño preliminar dun satélite e proban a superiorade deste novo sistema

A UVigo adica febreiro a accións divulgativas polo Día da Muller e a Nena na Ciencia

O programa da Universidade de Vigo polo 11F inclúe obradoiros, feiras divulgativas, charlas e certames

A planta ‘Zostera’, aliada para mitigar os efectos da baixada de salinidade nas rías

Un equipo do CIM realiza un estudo pioneiro nas instalacións de Toralla onde imitan as condicións das mareas e os efectos das precipitacións intensas

Un equipo galego usará IA para detectar contaminantes nas augas termais

Investigadores da UVigo lideran o proxecto Aquapred que predicirá a posibilidade de aparición de bacterias como a lexionela e a E. coli