A conduta suicida na mocidade galega: case un 20% presenta un nivel entre moderado e alto de risco

Unha investigación da UVigo baseada en 900 cuestionarios a participantes de entre 15 e 29 anos destaca o peso do contexto familiar, social e educativo

Un de cada cinco mozos e mozas galegos presentan un nivel entre moderado e alto de risco da conduta suicida —un 18,9%—, e un de cada tres adolescentes con intención de suicidarse faino ao ano seguinte. Estes son algúns dos resultados principais do estudo sobre a conduta suicida na mocidade galega liderado pola investigadora e profesora da Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo Paula Frieiro Padín, presentada na xornada G-Night en Pontevedra. “Existía a necesidade de afondar nesta realidade para proporcionar unha evidencia no contexto galego“, subliña a autora.

Frieiro explica que, a pesar de que os centros educativos contan con protocolos sobre conduta suicida, non se coñecía unha radiografía da situación. Para iso, a investigación baséase nas respostas de 900 mozos e mozas de entre 15 e 29 anos residentes en Galicia e norte de Portugal. A ferramenta de estudo foi un cuestionario que tivo que pasar por catro comités de ética — trata unha realidade moi sensible— e permitiu afondar en variables sociodemográficas e factores como a orientación sexual, a orixe, a contorna de residencia (rural ou urbano) ou os vínculos familiares.

Publicidade

O suicidio é a segunda causa de morte nas persoas entre 15 e 29 anos, só detrás dos accidentes de tráfico. Estudos previos realizados en poboación adulta sinalan que, na súa maioría, se suicidan homes de mediana idade por cuestións de socialización de xénero ou patróns culturais, como errar na provisión de subsistencia económica á súa familia. “As tendencias non son iguais na mocidade: as mozas teñen unha maior ideación suicida”, indica Paula Frieiro.

Principais factores de risco

A investigación da UVigo parte dun termo importante: a xustiza social. Frieiro exemplifica que, no México dos anos 60, as mulleres se suicidaban máis porque non existía lexislación contra os abusos e maltratos nas relacións de parella; a partir da aprobación destas normas, a conduta suicida descendeu entre un 22 e 34%. “Estes datos fan evidente que as políticas públicas importan“, subliña a docente.

Publicidade

Os suicidios son unha cuestión multifactorial: Paula Frieiro estuda este fenómeno social dende un modelo socio-ecolóxico, é dicir, a base é o individuo, que se relaciona con comunidades e sociedades. Así, ademais da saúde mental —depresión, condutas adictivas, intentos previos de suicidio—, importan capas como o apoio e contexto familiar, procesos de dó ou o illamento. “Subimos a un supranivel: temos en conta a cohesión social, o acceso á sanidade e atención psicolóxica, redes de apoio comunitarias e políticas públicas”, sinala. En España, ata 2025, non existía un Plan de Acción estatal de prevención do suicidio.

Tamén inflúen as crises económicas, o regulamento de armas letais e o estigma cultural: mentres Lituania ten unha das taxas de suicidio máis elevadas de Europa (18,5 por cada 100.000 habitantes), en España a cifra é de 7,7. En Galicia, a taxa supera a media estatal, cunha taxa de 11,37 por cada 100.000 habitantes. “A contorna cultural importa, así como a diferenza entre o sur e o norte de Europa; non son só variables psicolóxicas, senón tamén culturais”, indica a investigadora. Na mocidade súmanse factores como a presión académica, ademais do uso das redes sociais —percibido como un medio de comparación—.

Que son os factores de protección?

Os factores de protección son as condicións que reducen a probabilidade de condutas suicidas. Dende a UVigo destacan os vínculos fortes —”non soamente familiares, senón relacións positivas e de confianza”— e ter espazos máis inclusivos —contar con protocolos de antiacoso na contorna laboral e escolar—, e medios máis aló das unidades de prevención da conduta suicida e as unidades de atención. Por exemplo, Frieiro explica que na Área Sanitaria de Vigo só hai un psicólogo especializado na conduta suicida: “Precisamos máis recursos”, indica.

En canto a como deberían actuar familias, centros educativos e profesionais, sinala que “ter apoio nos primeiros sinais de conduta suicida é un bo paso, pero non é o habitual“. Explica que a falta de atención é froito do modelo familiar da actualidade: os proxenitores traballan moitas horas fóra da casa, sen ser conscientes da ideación suicida dos mozos e mozas ao seu cargo.

Os mitos

A conduta suicida, a pesar de ser unha realidade delicada, non está exenta de mitos. “Hai que saber falar sobre conduta suicida sen ser sensacionalistas: explicar como se suicidou alguén non aporta nada á prevención; dan ideas e chegan a romantizar”, explica Frieiro. Dende os medios de comunicación débese falar da existencia de recursos, visibilizar números telefónicos como o 024 —liña de atención á conduta suicida, que recibe 500 chamadas á semana—. Cunha boa praxe, prodúcese o coñecido como “efecto Papaxeno”, onde unha cobertura mediática responsable pode reducir as mortes por suicidio.

Outro mito reside en frases como “Faino para chamar a atención”. Con todo, a resposta está no dato: un de cada tres mozos que manifesta unha conduta suicida, remata suicidándose ao ano seguinte.

Medidas de prevención

Na actualidade existen numerosos recursos baseados na evidencia, e o número 024 é só un deles. O máis enfocado á mocidade é o programa escolar YAM (Youth Aware of Mental Health), presente en Galicia dende 2019, pero que aínda non chega a todos os centros. Está dirixido á xuventude entre 13 e 17 anos e aprenden e debaten sobre saúde mental en cinco sesións durante cinco semanas mediante xogos de rol e materiais divulgativos. Quen imparte as sesións son persoas externas, afastándose da figura do docente, que ofrecen máis seguridade e privacidade.

Os resultados dun estudo clínico en Suecia —onde se orixinou o programa— indican que é unha medida eficaz para reducir os novos casos de intentos de suicidio e a ideación suicida grave aproximadamente nun 50%, e aumenta o apoio entre iguais. “Créanse espazos comunitarios onde os mozos e mozas se poden reunir e crear un sitio entre iguais”, engade Frieiro. “Non só se pode falar da prevención do suicidio o día 10 de setembro; temos que ser conscientes todos os días“, conclúe a investigadora.


Referencias: Social Support and Inclusion as Protective Factors Against Suicidal Behavior in Young People (Publicado en International Journal of Social Psychiatry)

Evaluation of Suicidal Behavior in Young Populations: Sociodemographic Factors Associated (Publicado en Journal of the American Psychiatric Nurses Association)

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Arden máis os espazos protexidos? Cando os datos non xustifican o relato

Os estudos dispoñibles non demostran que a protección aumente o risco de incendio nin que unha maior intervención sobre a vexetación sexa a resposta
00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto

Máis aló da madeira: o proxecto galego que busca novos aproveitamentos do monte dende Baroña

Multi-Forest, unha iniciativa impulsada dende Feuga, aplica imaxes satelitais para diversificar os usos do territorio, dende a micoloxía ata o certificado de calidade