O 9% dos afogamentos en Galicia corresponden a intentos de suicidio

Un estudo da USC e da UVigo conclúe que o maior número de casos se produce nos maiores de 65 anos, en contornas rurais e sen testemuñas

A análise das historias clínicas dos afogamentos ao longo de 18 anos en Galicia permitiu constatar que o 9% destes episodios corresponden a intentos de suicidio. Esta porcentaxe ascende a preto do 14% no caso dos maiores de 65 anos, que foron ademais o grupo de idade con máis casos de suicidio ou intento de acabar coa vida no período analizado. Concretamente, o 53% dos casos rexistrados correspondíanse con esta franxa de idade, na que a taxa de mortalidade foi do 50%. Así o recolle un estudo das universidade de Santiago e Vigo que acaba de publicarse na Revista Española de Salud Pública.

O equipo analizou os afogamentos que se rexistraron en Galicia entre 2004 e 2021 co obxectivo de “identificar e describir as características e factores asociados aos afogamentos intencionais”. Os resultados deste traballo constitúen “o primeiro estudo que hai en España” sobre este tipo de episodios.

Publicidade

A investigación parte da análise das historias clínicas dos 1.083 casos de afogamento, mortais e non mortais, que neste período foron asistidos por unidades de soporte básico e avanzado do 061 e nos centros hospitalarios do Sergas. “Colléronse todas as historias clínicas e vimos onde había evidencia de que foran afogamentos intencionais”, explican. Detectándose 99 casos, o 9% do total. Non obstante, os autores apuntan tamén a unha posible “subrepresentación de casos”, dada a dificultade para determinar se unha morte por afogamento é resultado dunha tentativa de suicidio ou dun accidente.

Incidencia da idade e da presenza de testemuñas

A análise destes 99 casos levou o equipo a pór o foco na incidencia da idade nun maior risco de suicidio ou intento de suicidio por afogamento, xa que o 53% dos casos correspondían a persoas de 65 anos ou máis. As situadas entre os 34 e o 64 anos representaban un 36% do total de vítimas, situándose no 9% a porcentaxe de persoas afectadas de entre 18 e 35 anos. No 60% dos casos, as persoas afectadas eran mulleres, o que contrasta, como apuntan os investigadores, cos afogamentos accidentais, no que a porcentaxe de vítimas masculinas é superior ás femininas.

Publicidade

En 63 dos 99 casos analizados, as persoas afectadas sobreviviron á tentativa de suicidio, mais os índices de mortalidade neste tipo de episodios presentan importantes variacións en función da idade das persoas implicadas e da presenza ou non de testemuñas. “Os datos globais mostraron que, aproximadamente, nun de cada dous intentos de suicidio había unha testemuña presente”, sinalan os autores. Nestes casos a porcentaxe de supervivencia foi do 95%, fronte ao 28% das persoas que afogaron en solitario.

Neste caso, obsérvase tamén unha maior porcentaxe de tentativas de suicidio sen testemuñas no caso das persoas maiores de 65 anos, que remataron en falecemento en máis da metade dos casos, mentres que a supervivencia das persoas afectadas roldou o 80% no caso das persoas de entre 34 e 64 anos, sen que se rexistrase ningún episodio mortal nas persoas de entre 18 e 34 anos. “A maior parte dos afogamentos con fins suicidas en mozos ocorreron en contornas urbanas e en presenza de testemuñas”, mentres que no caso dos maiores tiveron lugar “principalmente no ámbito rural e sen testemuños”.

O 99% das vítimas destes episodios eran persoas que “foran diagnosticadas previamente dalgún trastorno de saúde mental”, sinalan. “O afogamento intencional é un problema de saúde complexo e pouco estudado, polo que deberían pórse en marcha estratexias de prevención e saúde pública para diminuír estas mortes evitables”, indican. Os autores apuntan a importancia de implantar “programas de educación e concienciación que inclúan a identificación de risco de suicidio, incluíndo as contornas acuáticas”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O xenoma do anisakis permite desenvolver unha nova ferramenta para o control do parasito

Un estudo con participación galega senta as bases para mellorar os programas de vixilancia e contribuír a un consumo de peixe máis seguro

Atopados os restos óseos dun individuo durante a escavación da foxa de Beira, en Carral

Un equipo da USC busca espazos de violencia franquista na parroquia coruñesa, onde foron enterradas entre agosto e setembro de 1936 un mínimo de 18 vítimas na contorna da igrexa

O virus da encefalite transmitida por carrachas chega a Galicia: un estudo detecta anticorpos en animais

Un equipo da USC confirma a circulación do patóxeno, considerado unha ameaza de saúde pública pola gravidade dos síntomas neurolóxicos que pode causar

Un estudo da USC revela que a poboación española avalaría un endurecemento das medidas antitabaco

O artigo sinala que as propostas con menor apoio son a prohibición de fumar en terrazas e o aumento da idade mínima de venda ata os 21 anos