As alarmas saltan en España tras notificar oito falecementos por afogamento en 24 horas. O pasado mes de xuño foi o segundo con máis mortes por este tipo de accidentes dos últimos nove anos. Foron 57 falecementos en zonas acuáticas e só 2017 supera esta cifra con 70. En xullo notificáronse 62 mortes e tres delas tiveron lugar en Galicia, que xa suma 22 falecementos no que vai de ano. O 2017 foi o período con máis casos na península: rexistráronse 481 mortes. No que levamos de ano en España faleceron 222 persoas segundo o Informe Nacional de Afogamentos realizado pola Real Federación Española de Salvamento e Socorrismo (RFSS), que recopila datos dende 2015. É unha cifra que indica unha tendencia crecente.
Dende a RFSS confirman un aumento das mortes nos espacios acuáticos españois durante este ano, despois de que en maio faleceran 33 persoas, unha cifra que supera só o maio de 2016, con 54 afogamentos mortais. Nos seis primeiros meses de 2023 perderon a vida 169 persoas afogadas, 29 máis que o mesmo período de 2022. Só 2016, con 211 mortes, e 2017, con 209, superan ao 2023 entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño no número de mortes por esta causa, segundo datos da RFSS que leva un rexistro diario xestionado polo Sistema Integrado de Xestión de Datos de Incidencias no Medio Acuático (SIFA).
O director de prevención e Seguridade da Real Federación Española de Salvamento e Socorrismo, Francisco Cano Noguera, apunta que a cifra de mortes en xuño “acrecenta a problemática dos afogamentos nos espacios acuáticos españois”. “Lamentablemente, por moito esforzo que se fai a través da difusión de consellos para previr os afogamentos, quen ten que aplicalos é a poboación e as cifras indican que non se están aplicando”, expón.
Andalucía é a rexión con máis mortes durante este ano, con 37 casos. Séguelle Cataluña e Comunidade Valenciana con 32 e Canarias con 31. Galicia ocupa a quinta posición. Baleares e Asturias notificaron 13 falecementos, Castela e León 11 e País Vasco oito. Murcia sete, Cantabria seis, e Aragón, Castela A Mancha, Estremadura e Navarra unha en cada comunidade. En Ceuta morreron tres persoas, e en Madrid e A Rioxa unha.
As persoas maiores de 45 anos son as máis afectadas
As persoas maiores de 45 anos son as máis vulnerables a este tipo de accidentes, concretamente, este grupo conforma as 41 das 57 mortes que tiveron lugar en xuño. Dez delas foron de entre 45 e 54 anos, outras moitas de 55 e 64, oito de entre 65 e 74 e trece de 75 ou máis anos. Segundo indica a RFSS, do tramo ata os 17 anos de idade produxéronse tres mortes, unha de catro a seis anos, dúas de 11 a 17 e outras dúas de 18 a 25; cinco de 26 a 34 anos e tres de 35 a 44 anos. Un total de 44 dos 57 falecementos por afogamentos produxéronse entre as 10 e as 22 horas, e, concretamente, 18 déronse entre as 10.00 e as 14.00 horas.
Do total dos bañistas falecidos ao longo deste ano en España, a maioría (126) estaban no mar; por detrás, os que nadaban na piscina, 34; e despois, os que faleceron nos ríos, que foron 27. Segundo os datos de RFSS, en 2023 faleceron 194 homes fronte a 39 mulleres.
Os afogamentos en zonas acuáticas son a terceira causa de morte no mundo por traumatismo non intencionado
A Organización Mundial da Saúde (OMS) apunta que os afogamentos en zonas acuáticas son a terceira causa de morte por traumatismo non intencionado en todo o mundo, representando o 75% de todas as mortes relacionadas por traumatismos. A nivel global, aproximadamente 236.000 persoas perden a vida cada ano por accidentes deste tipo. O Consello Xeral de Enfermería, encabezado polo seu presidente, Florentino Pérez Raya, pediu ás familias que estivesen alerta e sigan as recomendacións dos profesionais para evitar este tipo de traxedias.
O Ministerio de Sanidade identificou varios factores que inflúen nos afogamentos, como a adopción de condutas de risco, os momentos de relaxación cos menores, bañarse en zonas sen vixilancia, o consumo de alcohol e outras drogas preto ou dentro da auga, as condicións médicas como a epilepsia e os turistas non familiarizados coas particularidades das augas locais. Os afogamentos prodúcense de forma rápida e silandeira. En ocasións, pérdese á vítima de vista durante menos de cinco minutos.
Os primeiros momentos son clave. As persoas que intentan socorrer á vitima poden correr riscos e empeorar a situación. Hai que ter claro o que se debe facer nestas situacións. A falta de osíxeno pode danar múltiples órganos, incluíndo o cerebro, e nos casos máis graves, provocar un paro cardíaco. O Consello Xeral de Enfermaría ofrece as seguintes recomendacións para conseguir reducir o número de falecementos e concienciar á poboación.
- Familiarizarse coa piscina.
- Non nadar por riba das súas posibilidades.
- Coñecer a profundidade do vaso.
- Non inxerir alcohol nin comidas moi pesadas antes de nadar.
- Colocar valos con ferrollos.
- Vixiar sempre aos menores e non deixalos nunca ao coidado doutro menor.
- Elixir zonar vixiladas para nadar en praias e piscinas.
- Ensinar aos nenos en idade escolar a nadar.
- Formar ás persoas da contorna sobre técnicas de rescate seguro e reanimación.