Dende o vindeiro 1 de agosto ata o 14 do mesmo mes, investigadores da Universidade de Santiago de Compostela e da empresa de arqueoloxía Tempos Arqueólogos, en colaboración co Concello de Mondoñedo, comezarán a escavación arqueolóxica na Necrópole medieval de San Vicente de Trigás, no Combarro, en Mondoñedo.
O pasado mes de xuño tivo lugar a reunión que xa poñía datas á nova investigación sobre a necrópole de San Vicente de Mondoñedo. Na reunión o arqueólogo municipal Abel Vigo, colaborador do proxecto, e o veciño Miguel Chao, dono dos terreos onde se atopa a necrópole e descubridor da mesma, explicaron ao equipo da Universidade de Santiago, que se desprazou ata o Concello de Mondoñedo, como foi a intervención de urxencia do ano 2013. Durante o transcurso desta reunión elaborouse un plan de estudo que permitirá levar a cabo a escavación arqueolóxica que comeza en agosto.
A intervención na necrópole permitirá comprender mellor distintos aspectos das sociedades e á economía na Alta Idade Media a través dun estudo interdisciplinar formado por especialistas en arqueoloxía, antropoloxía e historia medieval. O obxectivo da intervención será delimitar a necrópole, documentar as tipoloxías das tumbas, así como realizar as análises correspondentes sobre os restos óseos que informan sobre condicións de vida, alimentación, enfermidades ou mobilidade das persoas alí enterradas.
Dinámicas dos grupos sociais
Á fronte desta investigación está o profesor en arqueoloxía medieval na Universidade de Santiago de Compostela, José Carlos Sánchez Pardo “Trátase dunha necrópole singular na que a boa conservación dos restos óseos permitirá comprender os procesos sociais e económicos que estaban a ocorrer arredor da Idade Media na zona norte de Galicia” indica Sánchez Pardo, o investigador principal do proxecto. “A necrópole, escavada parcialmente polo arqueólogo Abel Vigo, ten moito que dicir sobre as dinámicas sociais dos grupos sociais que menos representados están nas fontes escritas.”
A actuación contará cun grupo de investigadoras e investigadores asociados á arqueoloxía medieval galega. “Nesta fase da investigación realizaranse tres sondaxes ampliables que permitirán delimitar a área de enterramento dos individuos”, comenta a arqueóloga Celtia Rodríguez González, doutora en arqueoloxía medieval e directora da intervención. “A delimitación e documentación de todo o conxunto funerario será fundamental para as futuras fases do proxecto que permitirán coñecer dunha maneira interdisciplinar como eran e como se relacionaban estas persoas que viviron na época medieval no norte do territorio de Galicia.”
De igual modo, nesta investigación tamén estará presente Laura Blanco Torrejón, co-directora en campo e doutora en necrópoles altomedievais “A necrópole de Combarro é un bo exemplo para analizar as tumbas delimitadas por laxas que se documentaron en sepulturas vinculadas á Alta Idade Media no territorio”. Indica a investigadora.
Este estudo axudará a comprender individualmente como en conxunto ás persoas foron enterradas neste cemiterio medieval
O estudo desta necrópole contará co bioarqueólogo galego Patxi Pérez Ramallo, quen xa elaborou un informe preliminar sobre a muller atopada nesta necrópole na escavación de urxencia dirixida por Abel Vigo. “A muller tiña uns 35-45 anos, e presentaba desgaste dental, o cal parece indicar que a súa dieta baseábase sobre todo na inxesta de cereais como o millo.” Indica o bioarqueólogo da Universidade do País Vasco. “Este estudo axudará a comprender individualmente como en conxunto ás persoas foron enterradas neste cemiterio medieval”.
O equipo técnico tamén contará con investigadores e arqueólogos asociados á empresa de arqueoloxía Tempos Arqueólogos cunha ampla experiencia neste tipo de contextos funerarios. “Esta intervención é unha oportunidade para coñecer o pasado medieval aproveitando a boa conservación dos restos óseos” Comenta Franciso Alonso Toucido, doutor en arqueoloxía medieval e xestor da empresa Tempos Arqueólogos.
O proceso de escavación, así como os resultados preliminares e o seguimento da intervención será contado a través das redes sociais do Laboratorio de Arqueoloxía Medieval @Labarqmed, grupo integrado por investigadores e especialistas en arqueoloxía medieval galega que engloba todas aquelas investigacións asociadas á Idade Media.
Esta intervención vincúlase aos proxectos “Ecologías y economías locales en la Alta Edad Media” (ECOLOC), financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, e á investigación “Arqueoloxía das paisaxes monásticas na Galicia altomedieval” (ARPAMED) financiado pola Axencia Estatal de Investigación a través da convocatoria do “Plan Nacional Generación de Conocimiento 2020”.














