O sistema europeo de alerta rápida para alimentos e pensos (RASFF) emitiu unha alerta sanitaria pola presenza do pesticia metomilo nun lote de sandías procedente de Marrocos. A Comisión Europea publicou esta comunicación despois de recibir un aviso de España no que indicaba atopar este contaminante nun control fronteirizo. O Goberno central é o encargado de comunicar ás autonomías a retirada deste alimento. O Servizo de Seguridade Alimentaria da Consellería de Sanidade afirma ter constancia da alerta, mais confirma que en Galicia non houbo distribución das sandías.
As sandías contiñan restos do insecticida nunha proporción superior á permitida no mercado europeo. As froitas, concretamente, demostraron conter unha cantidade de 0,38+/-0,19 mg/kg-ppm, cando o seu Límite Máximo de Residuos (LMR) está establecido en 0,015 mg/kg-ppm, apunta Facua. Europa calificou esta incidencia como “grave” e instou ás axencias internacionais a investigar o caso e a distribución destas froitas. Facua alertou de que o metomilo, identificado nun lote de sandías, é unha substancia que se utiliza como pesticida e que poide ter “consecuencias graves” para a saúde nalgúns casos.
O metomilo é un insecticida e acaricida pertencente ao grupo de carbamatos, desenvolto na década dos 50 e que se empregou amplamente na agricultura debido a súa ampla eficacia no control dunha variedade de pragas, así como pola súa capacidade para descompoñerse rapidamente no medio ambiente. Segundo indica na súa web o Instituto Rexional de Estudos en Substancias Tóxicas (IRET) da Universidade Nacional de Costa Rica, esta substancia utilízase para evitar ou controlar a aparición de ovos, larvas e diversos tipos de insectos en alimentos naturais como froitas ou hortalizas.
“A mestura do metomilo co consumo de alcohol pode impactar no sistema nervioso central e periférico, así como chegar a provocar fallos renais”, alertan dende Facua.
A exposición dun ser humano a altas doses pode causar náuseas, vómitos, dores de cabeza, mareos e en casos graves, problemas respiratorios e convulsións. Os niveis de metomilo nos alimentos están regulados polas axencias de seguridade alimentaria. Por iso, este é un caso excepcional e non hai por que deixar de consumir sandías. De todas maneiras, pódense tomar algunhas precaucións como lavar as sandías e outras froitas antes de consumilas para eliminar calquera resto de pesticida, comprar produtos orgánicos e que proveñan de prácticas agrícolas responsables.














