Foi unha eminencia da medicina de guerra e ao longo da súa vida participou en todas as frontes de batalla, desde a contenda de Marrocos e a revolta do Rif, ata as dúas guerras mundiais. Mariano Gómez Ulla, nado en Compostela en 1877, forxou unha carreira pola que aínda é lembrado: o gran Hospital da Defensa, en Madrid, leva o seu nome.
Nado nunha familia acomodada, a temperá morte do seu pai levou aos irmáns Gómez Ulla a unha infancia con dificultades, a pesar do que dous deles conseguiron estudar Medicina e un terceiro, Farmacia. Mariano Gómez Ulla cursou Medicina en Fonseca e licenciouse cun grande expediente en 1897, nun momento en que a asepsia e a anestesia estaban xa consolidadas como as grandes revolucións para a cirurxía.
En 1899, mentres preparaba o doutoramento, sacou as oposicións do Corpo de Sanidade Militar, logrando o número 1 da súa promoción co que foi destinado en 1900 ao hospital de Zaragoza e, tras o seu ascenso a capitán, en 1905, ingresaba na Beneficiencia Municipal de Madrid. Mentres tanto, continuaba os seus estudos e, en 1909, lía a súa tese doutoral, titulada ‘A desinfección no exército’. Ese mesmo ano, iniciábanse os conflitos no norte de Marrocos, con ataques á Compañía Española de Minas, cuxa base estaba situada moi próxima a Melilla. Alí foi destinado Gómez Ulla como capitán médico, á fronte da ambulancia montada número 1, coa que participou na ocupación de Tahuima, Nador e Zeluán, campañas polas que recibiu varias condecoracións.

De regreso á península, en 1911 foi destinado como médico ao hospital de Madrid- Carabanchel, onde destacou o seu labor asistencial. Curiosamente, ese centro médico sería o xerme do hospital que hoxe, situado no mesmo lugar, leva o seu nome: o Hospital Central da Defensa Gómez Ulla, no distrito de Latina, que pertence ao Ministerio de Defensa e é famoso nos últimos anos por ser o centro de referencia en enfermidades altamente infecciosas, como o caso de ébola de 2014 que afectou á enfermeira galega Teresa Romero.
No hospital que levaría o seu nome, Gómez Ulla foi felicitado polos adiantos técnicos que incorporou, varios deles produto das súas frecuentes viaxes de estudos a París, Berlín e Roma, onde entrou en contacto coas últimas metodoloxías cirúrxicas, especialmente no eido da cirurxía de guerra.
De novo no conflito de Marrocos, o médico compostelán ideou un hospital cirúrxico de campaña que podía ser transportado en módulos desmontables a lombos de 60 mulas, o cal foi un éxito absoluto nas montañas do Rif, o que axudou a reducir a mortalidade das tropas e levouno ao recoñecemento xeral en España.
Tamén deseñou un cartón de diagnóstico, triaxe e evacuación de feridos de guerra, o primeiro que se aplica no exército en España e que mereceu un artigo da Revista de Sanidade Militar en 1921.

En 1925, durante o desembarco de Alhucemas, coordinou a evacuación dos feridos desde os hospitais de campaña ata os barcos hospitais para o seu traslado á Península.
Parte da súa experiencia proviña de visitar previamente as frontes de batalla da Primeira Guerra Mundial, na que estivo na fronte alemá e a francesa, onde coñeceu a varias personalidades da cirurxía gala como Duval, Pacuchet e Gosset, da Facultade de Medicina de París.
A súa carreira foi recoñecida con condecoracións polo rei Alfonso XIII, o ditador Primo de Rivera e, posteriormente, o presidente da República Española. Da súa ideoloxía política, adóitase dicir que era conservador, monárquico e demócrata. Por iso, cando estala a guerra civil continúa traballando en Madrid, primeiro no hospital de Carabanchel e, máis tarde, no quirófano instalado baixo o lucernario do hotel Palace. Pero, co avance da guerra, tenta pasarse ao bando sublevado, o que é descuberto polas autoridades e remata encarcerado. Líbrase do fusilamento pola negociación diplomática da Cruz Vermella e as cartas ao seu favor escritas por importantes sociedades científicas europeas, incluíndo unha do doutor Marañón, que estaba exiliado en París. Finalmente, foi liberado na fronteira francesa, tras a mediación tamén do fisiólogo arxentino Bernardo Alberto Houssay, quen sería Premio Nobel de Medicina en 1947.
Ao remate da contenda, con todo, foi tamén sinalado polo franquismo. Abríuselle un expediente de depuración, acusado de ‘faccioso’ por atender e operar aos feridos republicanos durante os primeiros anos da guerra, aínda que resultou finalmente exonerado. Máis tarde, por petición expresa do goberno, organizou a asistencia sanitaria da División Azul na fronte rusa, sumando un novo conflito internacional á súa longa experiencia de medicina de guerra: a Segunda Guerra Mundial.
O gran cirurxián santiagués faleceu en Madrid o 24 de novembro de 1945. Ao ano seguinte, en 1946, o Hospital Militar de Madrid recibiu o seu nome e aínda hoxe segue a chamarse ‘Gómez Ulla’, na honra deste xeneral médico galego que viviu todas as guerras.