A fermosa praia de Sartaxéns, fronte a Carril (Vilagarcía de Arousa), é o lugar perfecto para aprezar os parques de cultivo da ameixa. A explotación deste molusco, que se leva a cabo dende hai séculos, é unha das mellores representacións da tradición mariñeira en Galicia. Rodeada de árbores e cunha costa estuárica, de suaves pendentes dende Sartaxéns, a beleza da contorna é aínda máis notable. A diferencia do resto de illas do Parque Nacional das Illas Atlánticas, as areas de Cortegada parecen ser de orixe predominante fluvial.
Se dispoñemos dun microscopio portátil, poderemos observar cuarzo, feldespatos, e os restos de cunchas e de púas de ourizos que se esconden á nosa vista entre as areas da praia. Xusto diante, no camiño de 189 metros que comunica a illa con Carril, e coa marea baixa, pódense ver os parques de cultivo de ameixa. As estacas cravadas no leito mariño son empregadas para diferenciar os viveiros dos distintos propietarios.
Orixes do cultivo da ameixa
Os primeiros escritos que falan do cultivo de bivalvos en Carril remóntanse á Idade Media. Neles, explícase como era a recolección e engorde do marisco nesa zona. Xa no século XIX o negocio do marisqueo refírese máis á explotación e venda do produto en cidades como Santiago de Compostela e outras vilas do interior. Daquelas, a ostra era o molusco con maior produción. No entanto, debido á sobreexplotación desta especie, os mariscadores dirixiron a súa atención cara o mexillón ou a ameixa, que vendían frescos, ou mesmo cocidos nas rexións próximas e, en forma de encurtidos, a mercados máis afastados.
Na década de 1920 comeza a haber datos do notable incremento de persoas da zona adicadas ao cultivo da ameixa babosa (Venerupis corrugata), nos chamados parques agrícolas. Ante este aumento, no ano 1958, as autoridades da mariña de Vilagarcía, en colaboración coa confraría de pescadores, inician un proceso de legalización dos viveiros que aínda estaban en mans da maioría dos veciños, e que seguían sendo transmitindo de pais a fillos.
Este proceso rematou en decembro de 1961, cando se legalizaron un total de 611 parcelas, o que provocou enfrontamentos entre os defensores das explotacións comunitarias e os partidarios das concesións de parques privados. Ante a problemática, xurdiu en 1989, a Asociación de Produtores de Parques de Cultivo de Carril, que cun número aproximado de 650 familias, é unha das empresas máis importantes de toda a ría de Arousa.
Marisqueo
A ameixa é un molusco bivalvo que vive soterrado na area. Aliméntase filtrando a auga do mar para extraer dela o alimento. O feito de que viva soterrado na area fai que os mariscadores e mariscadoras teñan que ir seleccionando a man individuo por individuo. Dependendo de onde se atopen os bancos de ameixas, temos dous tipos de marisqueo: o marisqueo a pé é realizado durante a baixamar, e nel empréganse unhas sinxelas aixadas coas que ir seleccionando as ameixas, e, no caso do marisqueo dende embarcacións, son precisos os raños, uns apeiros que constan dun mango de pau e de dous ou máis dentes de ferro, longos e afiados, que se van arrastrando polo fondo do mar.
En Galicia hai unhas 3.300 bateas
O feito de que a illa de Cortegada forme parte deste Parque Nacional débese á riqueza das súas augas. Proba diso é que, nesta fermosa ría, desenvólvese no mar unha das actividades económicas máis importantes da rexión atlántica: o cultivo de mexillón (Mytilus galloprovincialis) en bateas. Desde 1956, ano no que se instala a primeira batea na ría de Arousa, a produción foi medrando ano tras ano, ata acadar un valor actual de 250.000 toneladas. En Galicia hai un total de 3.300 bateas, das que 2.292 están na ría de Arousa, o que significa que nesta ría ten lugar o 70% da produción total de mexilón de Galicia.