As mariscadoras pensan en abandonar o mar: o marisco non medra ou morre

As rías experimentan unha caída da produción derivada da sobreexplotación e o cambio climático. Nas últimas semanas a situación agravouse polas riadas

Son as nove da mañá na praia Compostela, en Vilagarcía de Arousa. É un día gris de chuvia e os refachos de vento axitan o mar. O areal, de máis de tres quilómetros, vese baleiro dende o paseo marítimo, polo que só transcorren aqueles que entran ou saen das vivendas e bares. Quizais, a única persoa que non está de paso nesta praia arousá, que aguanta mirando o mar mentres azouta outra borrasca en Galicia, é Guadalupe Jueguez, unha mariscadora que está a piques de rematar a súa garda contra o furtivismo. Para volver ao paseo ten que atravesar unha longa senda de marisco morto que renxe baixo os seus pés: son as ameixas e berberechos da campaña de Nadal e do ano que vén. É un ruído que lle obriga a pensar que o mar xa non dá de comer e ela, como tantas outras mariscadoras, pensa en buscar outro camiño profesional en terra.

Galicia xa suma máis de 30 días seguidos de chuvia. O luns 13 de novembro as traballadoras de Carril tiñan previsto saír ao mar, pero ás sete da mañá decidiron cambiar de opinión polas condicións meteorolóxicas. Con esta situación atmosférica, remexer o marisco pode resultar aínda peor para a vida do bivalvo. Outro día máis que non levan cartos á casa por mor do tempo.

Publicidade

Ao longo deste mes varias frontes atlánticas atizaron a comunidade con refachos de vento que superaron os 170 km/h no mar e acumulacións de auga que fixeron desbordar ríos e causaron grandes inundacións. Estas circunstancias arrasaron con todas as esperanzas de levantar a produtividade nas rías e devastaron a semente plantada, onde se investiron en Vilagarcía ata 80.000 euros. A baixada da salinidade polo exceso de auga doce matou o marisco e o vento está subindo as especies cara a beira do mar, de aí que se formen alfombras de exemplares mortos en varios puntos do litoral galego, como ocorreu tamén en Noia.

As mariscadoras de Carril xa veñen dun cese de actividade de seis meses porque as riadas do ano pasado mataron todo o marisco dúas veces. Agora, un déjà vu volve sacar a flote a vulnerabilidade económica deste oficio. E, como consecuencia, as expectativas para o ano que vén son as peores.

“Para ser sincera, visualizo que vou acabar en terra. Vou ter que facer o cambio canto antes porque xa teño 43 anos. A partir dos 50 vaime ser moito máis difícil. Téñoo que pensar agora e non esperar a que se afunda o barco de todo”, explica a mariscadora de Carril. Nunha situación similar está a súa compañeira Inma Otero, vicepatroa da confraría. “Acabo de cumprir 50 anos, son nai solteira e teño dúas fillas ao meu cargo. O que se está vendo nas praias é o noso futuro”, alega. Lamenta que, ao vir dun cese de actividade, non teñen dereito a outro, nin tampouco a un paro biolóxico.

O cambio climático altera o ritmo dos bivalvos

Que non haxa marisco que recoller significa que este sector, que suma 3.614 permisos de marisqueo a pé, está investindo nun traballo que non dá beneficios. Tódolos meses pagan un seguro de 250 euros, máis unha cota trimestral de 150 para a semente. En moitas ocasións dan recollido marisco pero, ou non chegan ás cotas, ou as especies non dan a talla comercial, xa que un dos graves problemas que se está vendo cos exemplares —tamén nas bateas— é que non conseguen medrar. Ao longo de todo o ano, o cambio climático non puido escapar da boca das mariscadoras que miran como están mudando os tempos das criaturas mariñas; desaparecen ou aparecen especies depredadoras; multiplícanse as algas; sobe a temperatura e o nivel do mar; e aparecen verteduras e espumas que arrementen contra o ecosistema que os animais necesitan para sobrevivir.

A 25 quilómetros de Carril, as mariscadoras de Rianxo decidiron saír ao mar aínda que o tempo estivese en contra. A presidenta da agrupación, Arancha Abuín, recibía ademais a visita dunha bióloga que faría unhas análises sobre o estado do marisco. “Temos moita cría, pero non medra. Temos o berberecho co mesmo tamaño dende abril”, apunta. A agrupación de Rianxo intentou aproveitar o marisco que estaba por terra. Daban as doce da mañá cando empezaban a chegar á lonxa, onde os rostros serios das extractoras de marisco miraban os números que marcaban as pesas.

A pouco tempo de inaugurar o Nadal, cada unha delas debería chegar con 15 quilos de marisco ás lonxas: nestes momentos, levan nas súas redes entre dous e tres. “Por aquí mal. Estamos moi, moi mal”, comenta unha delas. Os precios están altos, pero de nada lles vale se non teñen produto que vender. Nin Rianxo nin Vilagarcía contan con ter campaña de Nadal. Tampouco Noia. A Illa de Arousa atópase nunha situación similar, zona que experimentou nos últimos meses algúns episodios de mortandade masiva de marisco. As voces máis optimistas cren que poderán quitar algo de partido á campaña de decembro e xaneiro. “Algo poderá sacarse, pero a cousa xa estaba mal antes dos temporais. Agardamos que para 2024 teñamos axudas”, explica un mariscador.

Inma Otero, de Vilagarcía, defende que as mariscadoras son un “réxime especial do mar” e deberían estar rexidas por outra normativa que contemple este tipo de escenarios, especialmente aqueles derivados do cambio climático. “Nós estamos acostumadas ás riadas. Antes producíanse cada catro ou cinco anos. Agora podemos ter dúas ao ano”, apunta. A presidenta da agrupación de Rianxo, cre que se a tónica habitual é esta, “o sector do marisco en Galicia vai acabar”.

Moitas delas non saben poñer palabras ao que ven diariamente na ría. Non se atreven a sacar conclusións biolóxicas, esgrimen que non son científicas, pero observan como os animais desovan antes de tempo, teñen que limpar en pleno decembro invasións de algas que aparecen coas augas cálidas e perciben que o mar cada vez baixa menos: o que antes era unha zona de extracción en seco, agora cobre as pernas ata as inguas. E ademais de todo isto, Jueguez esgrime as políticas forestais como un ataque máis ao marisco. “Galicia é carballo e non eucalipto. Estase acabando coas árbores autóctonas e o que desemboca no mar non é o natural da nosa terra”, sostén.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como afectan as chuvias extremas á contaminación na ría de Arousa?

Un modelo da UDC simula a viaxe dos refugallos ata o mar e estuda como as precipitacións intensas axudan no proceso

O traballo silencioso da muller galega no mar: “Non facían dobre, senón tripla xornada”

A investigadora da USC Luisa Muñoz Abeledo publica un libro para honrar os labores femininos, que supoñían o 30% dos ingresos familiares

Cantos días con máis de 35ºC haberá en Galicia a finais de século? Consúltao neste mapa

A provincia de Ourense, Monforte e os vales do Sil e do Miño, serán os que experimenten un ascenso máis acusado

Cambio climático e incendios: as principais ameazas das bolboretas en Galicia

As especies comúns están a salvo a curto prazo, mais os factores antrópicos supoñen un perigo para a preservación destes artrópodos