A comunidade científica internacional activa as alarmas ante a confirmación de que o fenómeno meteorolóxico de El Niño está desenvolvéndose no Pacífico ecuatorial. Segundo informa a Organización Meteorolóxica Mundial (WMO, polas súas siglas en inglés), existe unha probabilidade do 80% de que este evento se consolide plenamente entre xuño e agosto de 2026, e do 90% de prolongarse ata finais de ano. Os modelos preditivos apuntan a que este episodio adquirirá unha intensidade moderada ou incluso forte despois do verán, alimentado por unha inxente reserva de calor mariña.
Historicamente, o descubrimento deste fenómeno, explica a AEMET (Axencia Estatal de Meteoroloxía), remóntase aos pescadores do norte do Perú, quen bautizaron como “El Niño” unha corrente cálida anómala que chegaba ás súas costas ao redor do Nadal. Esta invasión de augas cálidas reducía drasticamente os nutrientes mariños, o que impactaba de xeito directo nas capturas pesqueiras e provocaba choivas inusuais na rexión. Hoxe sábese que El Niño é, en realidade, a fase cálida dun fenómeno atmosférico e oceánico moito máis complexo denominado ENOS (El Niño-Oscilación do Sur), que actúa de forma cíclica pero aperiódica cada dous ou sete anos.
Como se forma este fenómeno?
O nacemento de El Niño orixínase a partir dunha alteración profunda na dinámica atmosférica coñecida como a Oscilación do Sur. Meteored explica que en condicións normais hai altas presións no Pacífico Oriental e baixas presións no Occidental, o que impulsa os ventos alisios —aqueles que se producen nas rexións tropicais e ecuatoriais— a soprar de leste a oeste. Porén, cando esta diferenza de presión se debilita e o índice da Oscilación do Sur se volve moi negativo, o motor climático invértese e dá comezo o fenómeno.
A debilitación dos ventos alisios permite que a masa de auga cálida retida no oeste se desprace cara ao leste. Este movemento realízase a través das chamadas ondas de Kelvin ecuatoriais, unhas ondas gravitatorias internas que transportan enerxía térmica polo océano. O portal de meteoroloxía indica que se detectaron en 2026 unha sucesión destas ondas que elevaron o nivel do mar fronte ao Perú ata 15 centímetros por enriba da media. Este patrón replica de forma exacta o comportamento previo aos fortes episodios de El Niño de 1997-98 e 2015-16.
Cales son os efectos de El Niño?
A consecuencia máis directa e inmediata de El Niño a escala planetaria é un incremento notable das temperaturas. De feito, como conta a AEMET: “EL Niño explica o 17% da variabilidade da temperatura do mar”. Ao liberarse á atmosfera a calor almacenada no océano, a temperatura media do planeta adoita subir algunhas décimas de grao. E o seu impacto non se limita ao termómetro; a alteración da atmosfera afecta o réxime global de precipitacións, pois intensifica os fenómenos meteorolóxicos extremos.
O mapa de impactos globais de El Niño debuxa un escenario de fortes contrastes xeográficos. Mentres que se agardan choivas torrenciais no sur dos Estados Unidos, o centro de Asia e partes África Oriental, zonas como Australia, Indonesia, o sueste asiático e o Caribe veranse expostas a secas prolongadas. Así mesmo, o fenómeno inflúe na tempada de furacáns, incentivando a súa formación no Pacífico central e oriental, pero freándoa no Atlántico.
Como afectará El Niño a Galicia?
Malia a magnitude global do fenómeno, os efectos de El Niño na península son moito máis indirectos. O clima español está modulado por unha gran variedade de factores e patróns atmosféricos que dilúen a influencia do Pacífico. A AEMET sinala que algúns estudos estatísticos suxiren certa tendencia a que os finais de outono e principios de inverno sexan máis chuviosos baixo a influencia de El Niño, pero isto non sempre se cumpre.
No que respecta ao verán en Galicia, a influencia de El Niño será practicamente nula, dado que o fenómeno se atopará aínda nunha fase incipiente. Porén, as predicións de AEMET apuntan a que o trimestre de xuño, xullo e agosto será máis cálido do habitual e cunha maior actividade de tormentas da que adoita ser costume. Este escenario estival responde máis ben ao quecemento global de fondo do planeta e a dinámicas rexionais propias, como a Oscilación do Atlántico Norte (NAO), e non a un efecto directo de El Niño.
Así e todo, este fenómeno é como un recordatorio cíclico da interconexión dos sistemas terrestres, cuxa adversidade se verá amplificada polo cambio climático global. Aínda que Galicia está xeograficamente a salvo dos seus efectos máis devastadores, as Nacións Unidas insisten en que o mundo debe tratar este evento como unha advertencia importante. O Secretario Xeral das Nacións Unidas, António Guterres, xa fixo notar esta urxencia: “A única resposta eficaz é unha acción climática á altura da crise“.














