Xoves 25 Abril 2024

O conflito entre percebeiros e mexilloeiros: “O problema real está na falta de calcio na ría”

O biólogo José Pelayo explica que este composto é indispensable para a cría de mexillón e a súa supervivencia

A “guerra da mexilla” dispútase dende hai anos entre percebeiros e mexilloeiros. Comezou en 2019 cando a Xunta aprobou a protección do percebe impedindo nesas zonas a retirada da semente do mexillón. Isto molestou os bateeiros, xa que a escaseza da cría medra cada ano e precísana para manter o negocio. Ambos subsectores do marisqueo queren ter acceso ao litoral galego e algúns cren que son dúas actividades de imposible convivencia. Dende unha perspectiva científica, non o son. De feito, a solución pasa por abordar un problema nos ecosistemas mariños derivado da sobreextracción de bivalvos: a falta de calcio nas augas interiores da ría.

O biólogo José Pelayo Míguez estuda dende hai 40 anos a diminución deste elemento, indispensable para producir a semente: a concha dos mexillóns está constituída entre un 95% e un 99% de carbono cálcico. Dende o ano 1954 que se instalaron as primeiras bateas na costa do país arrincáronse miles de millóns de toneladas de carbono cálcico, non só durante a actividade extractora de mexillóns, senón tamén dos bancos naturais do berberecho e da ameixa. “Cantas reposicións deste composto se repuxeron ao medio? Ningunha. Estamos nunha zona en que os ríos non achegan calcio, só temos acceso a el nalgunhas zonas do norte debido ás correntes mariñas”, engade Pelayo.

Publicidade

Actualmente o mexillón tarda ata tres veces máis en medrar e no fondo da ría de Vigo non hai berberechos nin ameixas. Para o biólogo os bancos naturais están “practicamente extinguidos”. Cando diminúen as zonas para retirar marisco, xéranse os conflictos entre os profesionais do mar por lideralas e soster a súa economía. Hai 30 anos recollíase a semente do mexillón nas cordas amarradas das bateas. A creación da mexilla é unha das fases máis importantes para o proceso de cría do bivalvo e nos últimos anos hai un problema indiscutible no sector galego para conseguila.

“Ou se toman medidas co calcio ou non hai futuro”

JOSÉ PELAYO MÍGUEZ, biólogo

Que haxa menos mexilla coa que traballar significa que dentro de dous anos cando o mexillón estea listo para recoller, a cantidade para ofertar nas lonxas será moito máis pequena, e por consecuencia, moitos menos ingresos. Debido á desaparición do calcio, a mexilla non ten capacidade de fixación nas bateas e os mexilloeiros teñen que buscala nas rochas onde operan os percebeiros. En opinión de Pelayo, a solución pasa por “abandonar a extracción en zonas naturais e recorrer á produción artificial“. Por exemplo, en zonas de “posteado”: móbiles de plástico que se cobren de cemento mesturado con cuncha de mexillón moída ou propiamente con carbonato cálcico.

Actualmente, institucións como o Instituto Español de Oceanografía (IEO) están realizando estudos neste ámbito e segundo explica Pelayo, demóstrase que “a mexilla se produce a unha velocidade formidable e é a que debería empregarse para producir mexillón nas bateas”. Ademais, incentivando a creación de negocio, xa que a mexilla se vende nas lonxas da mesma maneira que o peixe e o marisco. Para o biólogo, “ou se toman medidas co calcio ou non hai futuro”.

A extracción dun molusco afecta a outro, e viceversa

Polo xeral, os lugares onde se extraen percebes e mexilla non son os mesmos. Así o explica o biólogo. As rochas onde se atopan as máximas concentracións de poboación de percebe son en zonas esculpidas e de quebra, onde os extractores de semente non entran; a cría de mexillón dáse normalmente en rochas limpias e abertas, poden existir percebes pero son ocasionais e non chegan a formar “piñas”. No caso de que coincidan é “indubidable”, comenta, que a extracción de percebe afecte á mexilla e viceversa, é bidireccional. Porén considera que é algo perfectamente compatible para ambas profesións xa que a afección real técnica é “relativamente pequena”.

Percebes.

Nos últimos días, os percebeiros denunciaron que a apertura para os bateeiros de 20 e 25 quilómetros de costa para extraer mexilla danaría a produción do crustáceo, e alegaron noutras ocasións que as rochas onde se asentan ambas especies teñen rematado desfeitas tralo paso dos bateeiros. “A extracción do percebe é un problema que hai que xestionar dende o punto de vista científico“, sostén Pelayo. É un crustáceo hermafrodita que se autofecunda co macho ou coa femia que estea ao lado.

As larvas do percebe saen do pecio e vanse deslizando e aséntase na base da criatura ata que forman piñas. Cando se recolle o percebe nos cantís, non só se extrae o adulto: cada crustáceo leva dende catro ata oito xuvenís adheridos. “É un problema a efectos de xestión do recurso. Dende o meu punto de vista, habería que establecer zonas de protección periódica absoluta de percebe e de mexilla. Ir pechando e abrindo estes lugares para garantir a estabilidade poboacional das dúas especies“, comenta.

Acidificación dos océanos

O cambio climático atenta contra a flora e a fauna. Nos últimos 200 anos, os océanos absorberon un 30% das emisións de CO2, que aumentan a ritmos máis rápidos do que o planeta pode soportar. A acidificación dos océanos provoca que os organismos mariños estean sometidos a unhas situacións críticas para a súa supervivencia. Unha das consecuencias deste fenómeno nos moluscos é a dificultade de reunir calcio para formar as súas cunchas, o que pode provocar que se desprendan con máis facilidade e perdan biomasa.

En varias partes do mundo estúdase a resposta do marisco ás augas ácidas: os resultados non son bos e en Galicia especialmente, xa que é un sector estratéxico e posúe os maiores niveles de producción a nivel estatal. O investigador do CSIC Dani Broullón publicou un estudo onde afirmaba que menos de cinco décadas é o que lle queda de vida aos principais organismos da ría de Vigo, principalmente a navalla, o mexillón ou a ameixa. Por iso, a mirada científica está posta en ofrecer alternativas para a produción de determinado marisco que permita operar nas rías, mais tamén o seu descanso e rexeneración. Para así -se é posible- chegar a un equilibrio entre as poboacións de criaturas mariñas e a actividade marisqueira.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un parasito infecta o 30 % dos berberechos do pulmón marisqueiro da Ría de Arousa

O CIMA recomenda pechar Os Lombos de Ulla para recuperar a produción e protexer as especies que non medraron
00:01:29

A imaxe desoladora do marisco morto en Noia e Rianxo: a borrasca Domingos arrasa toneladas de bivalvo

As praias de Testal e A Torre protagonizan outro episodio de mortandade nun contexto de caída en picado da produción

Un Nadal sen marisco?: “Desaparece moito máis rápido do que pensamos”

O sector reservou zonas para extraer moluscos e salvar a campaña nun contexto no que a produción vive as súas horas máis baixas

Os mariscos cultivados polo home son máis resistentes á extinción

Os moluscos bivalvos como as ostras, as vieiras e os mexillóns filtraron auga e alimentaron os humanos durante milenios