Unha investigación sitúa en 2070 a data crítica para a supervivencia do marisco na ría de Vigo

A tese de Daniel Broullón conclúe que se as emisións de CO2 non mudan, a acidificación do océano porá contra as cordas a especies como a navalla e o mexillón

Cincuenta anos poden parecer moitos, pero en termos históricos e medioambientais non son nada. Segundo unha das últimas teses abaladas polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), menos de cinco décadas é o que lle queda de vida aos principais organismos da ría de Vigo. Iso no mellor dos casos. Se as emisións de CO2 non decrecen (ou incluso empeoran) e a ralentización dalgúns dos procesos fundamentais na renovación das augas costeiras seguen o mesmo camiño, en apenas medio século, os organismos mariños que habitan a ría van estar sometidos a condicións críticas para a súa supervivencia debido aos niveis de pH que se alcanzarán e, sobre todo, á baixa concentración que se espera do ion carbonato de calcio, que é de gran importancia para que moitos organismos xeren as súas estruturas. Nomeadamente, as principais especies obxectivo do marisqueo como a navalla, o mexillón ou a ameixa.

“O primeiro que constatamos foi que o proceso de acidificación está a acontecer en toda a ría, pero que con máis velocidade na zona interna”

DANIEL BROULLÓN, investigador do IIM-CSIC

Esta é unha das moitas conclusións da tese do investigador do CSIC Daniel Broullón, Redes neuronais e o sistema de CO2 da auga de mar. Do océano global á ría de Vigo que vén de defender esta mesma semana e coa que suma argumentos científicos á necesidade dun xiro radical no coidado das rías galegas. A súa escolla por afrontar esta investigación foi case que parte natural da súa vida. De familia mariscadora, este bueués tamén pasou preto de cinco anos indo á navalla na ría de Pontevedra. Logo daquela etapa e co seu mestrado e máis o seu grao en Ciencias do Mar, lanzouse ao doutoramento no Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC en Vigo. E aínda que a pretensión do traballo era analizar os océanos a nivel global, os datos fórono levando ata a ría meridional galega para comprobar, entre outras cousas, o seu estado de saúde. “O primeiro que constatamos foi que o proceso de acidificación está a acontecer en toda a ría, pero que con máis velocidade na zona interna, que poderiamos ubicar dende a altura de Moaña cara adentro“, explica Broullón en conversa con GCiencia.

Publicidade

O investigador do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, Daniel Broullón

A explicación para entender a acidificación das zonas exteriores e parte das interiores é o proceso de captación de CO2 antropoxénico da atmosfera. O equilibrio entre a fotosíntese e a respiración, a precipitación e disolución de carbonato de calcio e os cambios nas achegas de auga doce e a irradiación solar identificáronse como os principais procesos que determinan a variabilidade estacional, para poder identificala e que non distorsionase o diagnóstico. Alén diso, “o aumento da remineralización da materia orgánica probablemente estea a contribuír a explicar as tendencias das zonas interiores”, moito máis aceleradas no proceso de acidificación. “Todos estes achados mostran esencialmente as condicións dinámicas do sistema de CO2 nun ecosistema costeiro dominado por afloramentos (upwelling, en inglés)”, desenvolve Broullón. Os afloramentos son un fenómeno oceanográfico que consiste no movemento vertical de masas de agua, dende niveis profundos cara a superficie. Entre outras cousas, isto dá orixe a zonas pesqueiras moi produtivas e a unha modificación substancial do clima nas zonas de emersión, tanto nas costas como nas correntes mariñas e as áreas que elas atravesan.

No interior da ría está a acontecer que eses procesos de afloramento están reducindo a súa intensidade, polo que o proceso de renovación das augas internas é máis lento. Isto ten unha segunda consecuencia, explica Broullón, e é que a materia orgánica da ría está máis tempo na auga degradándose. Ademais, os resultados da tese deste investigador revelan como os organismos que habitan a ría de Vigo están suxeitos a este dinamismo e como probablemente experimentarán condicións adversas para o seu desenvolvemento e supervivencia antes de finais deste século. “Estes resultados evidencian a necesidade de xestionar o futuro da pesca local e a acuicultura de moluscos tanto por razóns ecolóxicas como polo equilibrio económico“, recalca Daniel Broullón na súa tese de doutoramento.

1 comentario

  1. Algo Tera que ver tamen os anos que as bateas de mexilon levan entorpecendo esa rexeneracion , vital para as nosas rías e o excesivo aporte de materia orgánica que xeneran ,a mais dos recheos e barreiras artificiais que se van construido o longo destes anos coma portos e diques de abrigo convido o autor que leve a cabo o mesmo estudio nalgunha outra ría que non estea exposta a estes factores como por exemplo calquera das da mariña e comprobará que os efectos do entorpecemento de rexeneracion de corrientes e a saturación orgánica das rías baixas están detrás da desaparición do noso marisco.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A fronteira con Portugal é a área de Galicia con maior presenza do mosquito da malaria

O insecto leva anos na comunidade pero o parasito non está en circulación, polo que o risco de transmisión autóctona é baixo

Un equipo logra producir serotonina a partir dun fermento do viño

O grupo de investigación elaborou a chamada 'hormona da felicidade' de forma máis barata e ecolóxica a partir dunha cepa vínica

A reconquista da oliveira galega: “As súas características botánicas fana única no mundo”

Este venres presentouse o ‘Grupo Operativo’ do CSIC que traballa na recuperación do oliveiral tras séculos abandonado na comunidade

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións