De cando as fortalezas foron o bastión dos reis de Galicia e Portugal

Torre de Menagem del Castelo de Melgaço.

Por Víctor López

A fronteira como tal entre o antigo reino de Galicia e Portugal establécese coa sinatura do Tratado de Alcañices no 1297. É unha das fronteiras máis antigas de Europa, pero antes disto xa apareceron limitacións motivadas polo encastelamento que existía entre o reino de Galicia e Portugal, e o de Galicia e Castela e León, que se materializa nunha serie de fortificacións sobre todo de iniciativas señoriais.

A consolidación que se fai cando xorde a fronteira, a instancias dunha iniciativa rexia, ven a reforzar a rede de fortificacións que xa existía ata ese momento en todo o límite entre os reinos e os condados de Galicia e Portugal, como tamén sucedía entre León e Castela. Estas fortificacións estaban ocupando espazos onde había unha vila ou determinados núcleos de poboación que podían ter incluso unha orixe máis antiga.

“En torno ao século XI a maior parte dos señores da zona vanse implantar no territorio utilizando a fortaleza, que pasa a ser non só un elemento defensivo senón tamén un elemento de poder, de ocupación do territorio. Naquel momento o que se chamaban en Portugal os castelos condais, o que fan é ocupar un espazo e apropiarse dunhas terras, o que vén sendo o feudalismo, e a partir de aí constrúen unha serie de castelos”, explica Rebeca Blanco, na súa calidade de Investigadora da Universidade do Minho en Braga como especialista en fortificacións defensivas entre Galicia e Portugal .

“No século XI a maior parte dos señores vanse implantar no territorio utilizando a fortaleza, un elemento non só defensivo, senón tamén de poder”

Rebeca Blanco, Investigadora da Universidade do Minho en Braga

Foi unha iniciativa que preocupou tanto aos reis galegos como aos portugueses, porque os señores estaban usurpando estes territorios que na maior parte eran limítrofes. Xurdiu así unha iniciativa rexia pola que ou ben se ocupaban estes espazos e pasaban a ter un dominio rexio ou cando menos se beneficiaban dunha boa relación cos eñores da zona.

Novo modelo defensivo

“Aquí se inician unha serie de transformacións nas arquitecturas dotándoos dunha nova cerca, adaptándoos ao novo modelo defensivo baixomedieval ou ben fanse construcións de nova planta por iniciativa rexia. En Portugal, o rei Don Dinís, pero tamén Fernando de Castela nas zonas de León e de Galicia como sucedeu con Monterrei ou con Tui”, explica a historiadora especialista en arquitectura medieval e moderna.

Vila Nova de Cerveira.

Sen embargo, a figura máis importante para consolidar as fronteiras vai ser a das cartas forais. Vanse conceder a determinados espazos e deste xeito vaise fixar a poboación a través dos castelos, e isto permitirá aos reis ter un control sobre ese espazo. Estas fortificacións, utilizando un recinto defensivo, non soamente son unha materialización do poder no territorio senón que tamén están controlando á poboación e o pago dos impostos.

“Para facer os castelos necesitaban cartos, por iso é tan importante tela poboación controlada para que paguen os impostos. Con eses cartos contratan un mestre de obras e este a súa vez aos pedreiros, canteiros, albaneis, carpinteiros…todo o que é necesario para levantar un castelo. Hai que ter en conta que facelos levaba mínimo unha década e nese tempo tiñan que seguir ingresando fondos”, apunta a historiadora galega.

“Para facer os castelos necesitaban cartos, por iso é tan importante tela poboación controlada, para que paguen os impostos”

As construcións defensivas articulan o territorio, o espazo fronteirizo, a realidade de Galicia e Portugal como tales na Idade Media. O fenómeno na fronteira é moi curioso xa que crean unha estrutura dual entre o que temos a un e outro lado da fronteira atopando unha réplica do que pasa en territorio galego no terreo portugués. Comezando por Caminha e seguindo cara ao leste, Vila Nova da Cerveira, Valença, Monçao, Melgaço… cos seus correspondentes en Galicia que serían A Guarda de Camiña, Tui de Valença. no que hoxe é Goián, que tiña unha torre defensiva. Por outra banda están o caso de Salvaterra do Miño e Monçao, e Melgaço coa torre de Crecente. “É unha estrutura dual que vai herdar a idade moderna, e unha vez que estas estruturas defensivas quedan pequenas para o crecemento da poboación, vaise buscar unha ampliación cunha nova estrutura como sucedeu co castelo de Monterrei”.

Revoltas Irmandiñas

No século XV estas fortificacións sufriron un ataque directo coas Revoltas Irmandiñas e a introdución da pólvora e a artillería. No século XVII o estado das fortalezas xa era deplorable e quedan desfasadas para as batallas da idade moderna. Xeralmente o pasado medieval considérase como moi glorioso polo que hai un interese en recuperalos por exemplo na República, e por decreto teñen unha protección. No século XIX todas estas arquitecturas víronse moi afectadas pola liña de ferrocarril que pasa moi preto do río Miño e afecta a eses espazos que estaban cara ao río. A maior parte destas construcións duais estaban situadas en zonas de paso de barcas entre un territorio e o outro que é onde se situaban. O que se fai normalmente é destruir a fortificación moderna pero recuperando a medieval.

Tui.

Durante séculos houbo un esquecemento da arquitectura militar con respecto a outras arquitecturas como as Igrexas, pero empeza a aparecer un investimento na recuperación destas estruturas a mediados do século XX coas ditaduras de Portugal e España. “Isto está moi relacionado co auxe dos nacionalismos porque se identifica como a reconstrución dun pasado, falo do nacionalismo españolista franquista, pero tamén en Portugal na ditadura salazarista, Hai un boom por recuperar este tipo de arquitecturas que lembran a época do esplendor dos Reis Católicos en España. Fixeron unha reconstución integral, algo que hoxe en día non fariamos”, sinala Rebeca Blanco.

“No século XX houbu un ‘boom’ por recuperar fortificacións, que lembran a época do esplendor dos Reis Católicos en España”

Na actualidade vívese un momento no que non hai recursos como para recuperar todos estes castelos en Galicia, pero si que se está a traballar nalgúns deles e especiamente nestas zonas fronteirizas tanto no Baixo Miño, como no Alto Miño portugués. A partir do plan director das fortalezas, que recuperaba estas construcións medievais, fíxose unha inversión económica con fondos europeos para a restauración destes edificios.

Para a tamén arqueóloga Rebeca Blanco, a sociedade galega e portuguesa é consciente, e valora a existencia desa paisaxe fortificada fronteiriza. “Estamos traballando moito coas comunidades locais tanto no lado galego como no portugués, unhas veces por iniciativas públicas e outras polas da propia sociedade civil. Para Portugal as fortificacións defensivas modernas son unha materialización da súa independencia, mentres que no caso do lado galego era unha perda dun territorio. En Galicia houbo unha desmemoria arredor da memorial patrimonial. Desde o 2003 estamos facendo unha reconstrución desa memoria e esa construción de identidade a partir do patrimonio é fundamental facela coas comunidades locais”, conclúe a investigadora galega da Universidade do Minho.


Escoita Bailando con Reis e Raíñas en: Google Podcasts, SpreakerSpotifyiHeartDeezer e Podchaser.


BRR1. Un reino agochado
BRR2.Vellos líderes de tribo
BRR3. Raíña despois de morta
BRR4. Unha galega de best seller
BBR5. Galicia, primeira revolución europea
BRR6. Eran os mosteiros os paraísos fiscais da época?
BRR7. Da vella Gallaecia á nova Galicia
BRR8. Galicia e Portugal, unha historia común
BRR9. Fortificacións en réplica

O proxecto Bailando con reis e raíñas foi premiado pola Área de Cultura da Deputación da Coruña no marco do certame Fondos de Proxectos Culturais Reino de Galicia 2021-2022