Dúas son, polo menos, as xogadas mestras que fixo Cristóbal Colón na súa vida. A primeira, de modo máis ou menos consciente, descubrir un novo continente buscando un roteiro máis curto cara ás Indias; a segunda, sen dúbida, a capacidade de manter en segredo a súa orixe.
Este feito, que normalmente pasa desapercibido como unha anécdota histórica, non o é en realidade se somos conscientes de que viviu nunha época convulsa, época de guerras, conquistas e reconquistas, de traizóns e deslealdades.
A pesar de todo iso e da desconfianza que se xeraba ao redor de persoas de orixe descoñecida ou pouca confirmada, Colón foi capaz de abrirse paso nas máis altas esferas das monarquías de Portugal e de España. Foi capaz de convencer en persoa os Reis Católicos para que o apoiasen na súa proposta –non por todos ben vista– cunha enorme suma de diñeiro, nunha conxuntura económica complexa para as arcas reais, como era a de 1492 tras meses de cercar a cidade de Granada.
E o feito de que máis de 500 anos despois da súa morte o misterio persista pode ser algo así como a guinda no pastel do misterio.
Portugués, galego ou croata?
Hai que dicir, con todo, que a gran maioría de historiadores e académicos universitarios asumen e entenden que Colón é xenovés; italiano pois, tal e como algúns documentos afirman.
Con todo, existen múltiples teorías que, con argumentos coherentes e obxectivos e razoamentos baseados en datos e datas, avogan por unha orixe diferente. Dunha posible orixe portuguesa hai polo menos tres teorías diferentes, todas elas relacionándoo coa casa real portuguesa da época. E cinco teorías vincúlano a unha orixe española: en terras galegas, na Alcarria, en Mallorca, en Navarra ou na zona de Valencia.
Aínda hai máis teorías explicando de onde era o almirante: outras varias de orixe española, e outras que avogan por unha orixe polaca ou croata. Por falta de datos para comparar, e ante a ausencia dun suficiente número de datos históricos, non as consideramos neste momento.
Análise de ADN
O proxecto de investigación para a “confirmación das orixes de Cristóbal Colón” baséase no uso de datos obxectivos, dos que xa existen (documentos históricos) e dos que se poidan xerar coa análise de ADN.
Non é obxectivo do noso proxecto, baixo ningún concepto nin de ningunha maneira, o demostrar que non era italiano porque era español ou portugués. A nosa máxima aspiración, tanto cando comezamos hai 19 anos como agora, é a de xerar datos científicos, xenéticos, que axuden tanto a confirmar a hipótese verdadeira como a descartar as que –lamentablemente– non o sexan.
Restos dun fillo e un irmán
Para realizar as análises dispoñemos dos restos de Cristóbal Colón e do seu fillo Hernando, obtidos da Catedral de Sevilla en xuño de 2003; tamén temos á nosa disposición os ósos de Diego Colón, irmán do descubridor, neste caso desde finais de 2002. Quixese ra mencionar que os restos de Hernando Colón, o fillo, son de especial importancia, xa que morreu e foi sepultado na catedral hispalense, de onde nunca se moveron.
A partir de aí, estamos a traballar con historiadores que defenden diferentes teorías. Hai un grupo delas, ás que chamo “teorías pechadas ou concretas”, que afirman de modo taxativo quen era o pai de Colón e achegan materiais dos mesmos ou dos seus familiares, de modo que se poden establecer comparacións directas para confirmalas ou descartalas. Aquí encaixan as tres teorías portuguesas, a galega, a alcarreña e a mallorquina.
Logo están as que eu chamo “teorías abertas ou xenéricas”, que expoñen unha orixe rexional, pero sen especificar quen é os pais ou familiares. Non hai capacidade de facer unha comparación directa. Entre estas está a teoría máis universal que proclama unha orixe italiana, xenovesa, pero non se coñece onde hai restos dos seus pais ou outros devanceiros.
De modo similar temos a teoría navarra, que avala a orixe de Colón dentro do grupo dos agotes, ou a valenciana, que sostén que era xudeu e que non quería que se soubese a súa orixe como tal; ningunha delas ofrece mostras de familiares, pero tanto a italiana como estas dúas mencionadas poden beneficiarse, se é o caso, da posibilidade que ten a análise de ADN de ofrecer datos sobre a orixe étnica-xeográfica dunha persoa.
Equipo multidisciplinar
Para tratar de conseguir toda a información posible e achegar datos que oxalá resolvan o misterio, hónrome en dirixir e coordinar un grupo de científicos das universidades de Florencia, Tor Vergata de Roma, do Norte de Texas en Fort Worth, que xunto coa Universidade de Granada traballarán intensamente nesta materia.
Obxectivo final: xerar datos da máxima calidade, aceptados cientificamente. Alea iacta est.
*José Antonio Lorente Acosta é catedrático de Medicina Legal e Forente e director científico de Genyo na Universidad de Granada.
Cláusula de divulgación: José Antonio Lorente Acosta non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ninguha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declarou carecer de vínculos relevantes máis alá do cargo académico citado.
A teoría de Colón xenovés é absurda pero como os historiadores só lle interesa o establecido , pois xa lles vale ( A comodidade manda )
… Canto tempo levan para controlar o ADN ?…