Xoves 28 Marzo 2024

Esta é a idade á que debes deixar de fumar para reducir o risco de morte

Un estudo liderado por investigadores estadounidenses constata que o óptimo é abandonar o tabaquismo antes dos 35 anos

Un estudo liderado por investigadores estadounidenses constata que deixar de fumar antes dos 35 anos reduce o risco de morte asociada ao tabaquismo. De feito, o estudo demostra que as taxas de mortalidade das persoas que deixan de fumar neste rango de idade logran equipararse ás dos nunca fumadores transcorrido un período de tempo. Aqueles que deixan o tabaco a idades máis avanzadas, malia que tamén obteñen beneficios substanciais do abandono desta práctica, tiveron taxas de mortalidade superiores aos do primeiro grupo.

Máis en detalle, os que deixaron o tabaco entre os 35 e os 44 anos mostraron un 21% máis de posibilidades de morrer por calquera outra causa en comparación cos non fumadores. Unha cifra que aumenta considerablemente naqueles que deixaron de fumar entre os 45 e os 54 anos: teñen un 47% máis de probabilidade. “Deixar de fumar, sobre todo a idades temperás, asociouse con reducións substanciais no exceso relativo de mortalidade asociado co tabaquismo”, indican os investigadores nun estudo publicado esta semana na revista JAMA Network Open.

Publicidade

“Este é o terceiro gran estudo que suxire que os 35 anos son a idade óptima para deixar de fumar, sobre todo para aqueles que se iniciaron moi novos no tabaquismo”, indica John Pierce, profesor emérito da Universidade de California. “Sábese dende hai tempo que canto antes se deixe de fumar, mellor. Pero este estudo dá un paso máis e mostra unha idade específica”, explica o investigador, que non participou no estudo.

Datos de máis de 500.000 persoas

En relación á investigación, empregáronse datos dunha enquisa nacional sobre saúde realizada en Estados Unidos, así como o índice nacional de mortalidade. A análise incluíu datos de enquisas de máis de 550.000 adultos que completaron cuestionarios entre xaneiro de 1997 e decembro de 2018. As idades dos participantes oscilaron entre os 25 e os 84 anos. Entre todos eles había persoas que nunca fumaran, outros que o deixaran e outro grupo que seguía a consumir tabaco.

Segundo o índice nacional de mortalidade, case 75.000 destes suxeitos faleceran a finais de 2019. En comparación cos que nunca fumaran, os fumadores actuais mostraron unha taxa de mortalidade significativamente máis alta por todas as causas. De igual maneira, mostraron taxas máis altas de morte por cancro e enfermidades cardíacas e pulmonares. “Estes resultados lembran que reducir o número de cigarros ao día debería de ser un dos obxectivos do programa de control de tabaco”, indica Pierce.

Deixar de fumar a idades avanzadas tamén reduce o risco de morte pero non te forma tan drástica

Ademais, o estudo tamén demostrou que canto máis tempo pasara desde que unha persoa deixara de fumar, máis próxima era a súa taxa de mortalidade á de quen nunca fumara. “Ter unha data límite de 35 anos podería ser motivador para os fumadores novos que están intentando deixar de fumar”, afirma Pierce. “Sen un obxectivo próximo, é tentador seguir fumando amparándose en frases como realmente non preciso facelo agora. Este estudo brinda os datos suficientes como para establecer unha meta“, continúa analizando o investigador.

De igual modo, os autores do estudo queren subliñar que non todo está perdido despois dos 35 anos. Como suxire o artigo, deixar de fumar a idades más avanzadas tamén reduce o risco de morte, pero non de forma tan drástica.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Confirmado: fumar prexudica as defensas incluso anos despois de deixalo

O tabaquismo produce alteracións na inmunidade innata e adaptativa, así como cambios epixenéticos que se manteñen durante décadas

Fumadores pasivos: respirar o fume alleo segue causando estragos

Este contaminante ambiental pode producir enfermidades como o cancro de pulmón, a cardiopatía isquémica e a morte súbita do lactante

Funcionan os novos fármacos para deixar de fumar? “Se non cambias a conduta, a posibilidade de recaída é alta”

Mónica Pérez Ríos, investigadora da USC, explica que estes medicamentos teñen unha pauta de consumo de 25 días

Canto tempo pasa entre que se inicia o consumo de tabaco e aparece o cancro de pulmón?

A investigadora Carla Guerra Tort estudará a relación temporal entre as mortes derivadas desta enfermidade e o tabaquismo