Un estudo da USC revela que a poboación española avalaría un endurecemento das medidas antitabaco

O artigo sinala que as propostas con menor apoio son a prohibición de fumar en terrazas e o aumento da idade mínima de venda ata os 21 anos

Un estudo da Universidade de Santiago (USC) revela que a poboación española está preparada para o endurecemento das medidas de control de consumo de tabaco. A investigación, que analiza o apoio da cidadanía a oito medidas lexislativas e mostra importantes diferenzas entre comunidades autónomas, acaba de ser recoñecido como mellor artigo de epidemioloxía publicado na revista Gaceta Sanitaria co I Premio da Sociedade Española de Epidemioloxía (SEE) e da Sociedade Española de Saúde Pública e Administración Sanitaria (SESPAS).

O estudo actualiza e completa a información sobre o apoio social ás políticas antitabaco en España incorporando por primeira vez datos por comunidades autónomas. Os resultados amosan consenso arredor das oito normas avaliadas, con niveis de aceptación elevados en todo o país. As que teñen un maior apoio son a prohibición de fumar en coches en presenza de menores e o empaquetado xenérico, cunha aceptación media do 80% nos distintos territorios. Pola outra banda, as que teñen menos son a prohibición de fumar en terrazas e o aumento da idade mínima de venda ata os 21 anos, aínda que esta última é apoiada por máis do 50% da poboación na meirande parte das comunidades.

Publicidade

De forma destacada, o artigo constata diferenzas de ata 30 puntos porcentuais entre rexións no apoio á prohibición de fumar en espazos exteriores, o que suxire a necesidade de adaptar as estratexias de comunicación ao contexto de cada territorio antes de pór en marcha novas leis.

Modificacións da Lei 28/2005

A investigación cobra especial relevancia nun momento clave pola aprobación en setembro de 2025 do anteproxecto de lei de modificación da Lei 28/2005, que ampliaría os espazos libres de fume a terrazas de hostalaría e as marquesiñas de transporte público. “Coñecer o apoio da cidadanía a estas medidas resulta esencial para garantir o seu éxito”, explica a súa autora principal, a profesora Mónica Pérez Ríos, da Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC e membro do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS).

Publicidade

“O estudo tamén achega evidencia rigorosa no senso de que, en xeral, a poboación está preparada e apoiaría o avance nas medidas de protección fronte á principal causa de morte en España, tal e como apreciamos no noso grupo de investigación en estudos previos”, advirte Pérez Ríos.

O artigo realizouse no marco dun proxecto financiado polo Instituto de Saúde Carlos III. O premio entregouse na XLIV Reunión Anual da Sociedade Española de Epidemioloxía que se celebrou en Pamplona e recolleuno Carla Guerra Tort, coautora do estudo e doutoranda da area. As outras asinantes son Lucía Rodríguez e a profesora Julia Rey Brandariz, todas da Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública.


Referencia: Aceptabilidad de medidas de control del tabaquismo en población adulta española (Publicado en Gaceta sanitaria)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Péptidos para transportar medicamentos xenéticos: a aposta de TraffikGene

A empresa nada na USC, gañadora GCiencia Galicia Spin-Off como Idea Emerxente, desenvolve unha plataforma para conducir ADN e ARN ao interior das células

Radiografía do consumo de alimentos ultraprocesados na infancia: “Estase a perder a dieta atlántica”

Unha investigación con participación galega relaciona este tipo de comida con sobrepreso e obesidade, resistencia á insulina e dislipemias en idades preescolares

A historia de Sancha e do crego Vivian: vivir á marxe do matrimonio no Lugo do século XIII

Un estudo da USC analiza dous textos do mosteiro de Oseira nos que aparece por primeira vez na documentación galega a palabra "concubina" dunha forma non represiva

Que hai detrás dunha axuda Marie Curie? Catro investigadores contan como conseguiron a súa

Atopar un grupo receptor complementario, construír un proxecto sólido e contar con apoio institucional son algunhas das claves que destacan os beneficiarios das bolsas europeas no CiQUS