Fumar cigarros continúa sendo un grave problema de saúde que fai que cada ano morran prematuramente máis de 52.000 persoas fumadoras en España. Isto significa a morte de 142 persoas cada día que podería evitarse abandonando o consumo de tabaco. O equipo da Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que dirixe o profesor Elisardo Becoña e coordina a profesora Ana López, ofrece este ano un novo tratamento para deixar de fumar. Para iso, desenvolveu unha nova aplicación que conducirá as persoas fumadoras ao longo de todo o seu tratamento, dun modo doado e cómodo, para que deixen de fumar.
“Moitas das persoas que fuman queren deixar de fumar, pero, ás veces, non saben como facelo ou non atopan o tratamento que se adapte ás súas necesidades”, explican os profesores da USC. Unha das principais vantaxes que ten este novo tratamento para deixar de fumar é que non require presencialidade, xa que se realiza en formato en liña, a través de videochamadas e cunha aplicación desenvolvida especificamente para esta experiencia polo equipo de expertos da Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos. Isto facilita que as persoas poidan seguir o tratamento comodamente desde a súa casa, deixando de fumar nun período de oito semanas.
Máis de 40 anos de experiencia
A intervención que se realiza baséase en técnicas psicolóxicas que mostraron, ao longo dos máis de 40 anos de experiencia cos que conta esta unidade, ser eficaces para deixar de fumar e para o posterior mantemento da abstinencia. Como aspecto adicional, este novo tratamento para deixar de fumar aborda distintos problemas que con frecuencia están asociados ao consumo de tabaco, como son a tensión, o baixo estado de ánimo ou a baixa actividade física.
A elevada eficacia dos tratamentos para deixar de fumar que se levan a cabo nesta Unidade convertérona nun centro de referencia a nivel estatal e internacional para o tratamento do tabaquismo. A iso súmase a alta satisfacción que sempre manifestaron as máis de 17.000 persoas que participaron no tratamento ao longo destes 40 anos. O tratamento que se ofrece é gratuíto ao contar co financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación.
As persoas interesadas en participar no Programa para deixar de fumar poden chamar ao teléfono 881 81 39 39, contactar por correo electrónico (unidad.tabaquismo@usc.es) ou encher o formulario en liña dispoñible na web da Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos. Tamén se pode consultar información do Programa nas páxinas de Facebook (@UTTA.USC) e Instagram (unidade_tabaquismo_usc).














