Viaxar no tempo

O día amenceu co ceo cuberto por unha densa masa de nubes. Iso non impediu que fixera unha calor abafante naquel camiño da estación de Pontevedra a Santa Clara. Cheguei sen folgos e cunha vergoña que agora admito: vivira un ano enteiro na cidade, pero tiven que usar o Google Maps para chegar ao convento. Cando entrei na portería invadiume un intenso cheiro a humidade. Non sabía que nas horas seguintes quedaría fascinada por 750 anos de historia agochados entre catro paredes. Percorrín o claustro, o xardín, o lagar, a lareira, o antigo refectorio, varias salas indeterminadas e a igrexa. E saín de Santa Clara cunha sensación inesquecible: aquel 12 de setembro de 2022 tiven a sorte de viaxar no tempo.

Visitei o convento da man do arqueólogo Rafael Rodríguez, que dirixía a primeira intervención realizada no recinto. El xa intuía que Santa Clara era un feixe de sorpresas, e aquela impresión fíxose realidade nas campañas posteriores. Sen ir máis lonxe, catro anos despois daquela visita, fíxose público un achado de relevancia internacional: un cerebro saponificado. Este concepto fai alusión a un proceso químico da descomposición polo que o corpo —neste caso o tecido cerebral— se converte nunha especie de substancia cérea e semellante ao xabón. Pero o máis curioso do cerebro de Santa Clara é que, a diferenza do que adoita acontecer, apenas conservaba o cranio. Esta circunstancia equipárao a tan só tres casos no mundo en Arxentina, Chile e Italia. Pero ollo, que o máis curioso vén agora: todos eran relixiosos. 

Publicidade

Cando se anunciou o achado en rolda de prensa, quedei exactamente igual que estaba. Descoñecía por completo o que era a saponificación, e tiven que iniciar unha investigación minuciosa sobre o fenómeno que lograba converter o cerebro en xabón. Unha explicación sucinta e simple, pero que rompeu por completo os meus esquemas. Non atopei demasiada información, pero si unha clave: o nome de Fernando Serrulla. O forense, que traballa no hospital de Verín e forma parte do Instituto de Medicina Legal de Galicia, falou comigo aquela mesma tarde. Sen apenas datos sobre o achado de Santa Clara, Serrulla explicoume en detalle outros casos nos que participara. É todo un experto na materia: ao longo da súa traxectoria estudou máis de 300 cerebros saponificados.

De todos os casos que mencionou, o que máis me removeu —e foi o tema central da súa tese— foi o da foxa común de La Pedraja, en Burgos. En 2010 viaxou a este xacemento, no que a Sociedade de Ciencias Aranzadi iniciara unha escavación. Descubriron 45 cerebros e un corazón saponificados naquel monte de Burgos, onde as condicións propiciaron a conservación dos órganos. Aquela foxa gardaba a historia de máis dun cento de homes de esquerdas que foran asasinados en 1936. Moitos dos cerebros conservaban os proxectís cos que os executores acabaran coas súas vidas. O tipo de terreo no que se escavou a foxa, xunto coas condicións climáticas, converteron a gabia nunha “bañeira”. A auga impediu a putrefacción e os cerebros, que teñen moita materia graxa, saponificáronse e esperaron máis de 70 anos a ser descubertos.

Publicidade

A maioría dos cerebros saponificados que estuda Serrulla provén, precisamente, de foxas comúns da Guerra Civil. Eu descoñecía o caso de La Pedraja, e cando escoitaba o forense relatar a súa experiencia só podía pensar nas vítimas e nas súas familias. Pensei en La península de las casas vacías, en El maestro que prometió el mar e en todos os libros, películas e series sobre a Guerra Civil que condensan a dor e aguilloan a fe na humanidade. Pensei tamén en Manuel, o irmán de miña avoa, que faleceu un 29 de setembro de 1940 a causa das feridas da guerra e do que apenas hai lembranzas. Teño certa obsesión coa súa historia porque non quero que se esqueza. Sempre resoa en min o que me dixo un día Alfredo González Ruibal nunha entrevista. Que alí onde escavan, sexa en chabolas, destacamentos penais ou campos de concentración, o que atopan é dignidade. 

Vista do interior do convento de Santa Clara antes de que se iniciasen as escavacións. Foto: Gustavo Santos
Vista do interior do convento de Santa Clara antes de que se iniciasen as escavacións. Foto: Gustavo Santos

En canto ao achado de Santa Clara, só queda esperar polas análises. Como di Serrulla, canta máis materia orgánica estea dispoñible, máis información se pode extraer sobre as causas da morte ou, incluso, sobre aspectos relacionados coa vida. Pode que o estudo do cerebro saponificado da monxa de Santa Clara achegue datos sobre o tipo de alimentación que tiña. De momento son todo suposicións, dado que nin sequera está clara unha cronoloxía que oscila entre o século XVII e o XIX. 

Non só me fascinou o achado do cerebro saponificado da monxa de Santa Clara, senón os outros descubrimentos que quedaron totalmente eclipsados: os restos de dous menores, un deles con zapatos; e a indumentaria completa dun capelán; ademais dos corpos de varias monxas. O convento, como vaticinou Rafael hai catro anos, é un ir e vir de descubrimentos, a cada cal máis fascinante. Por exemplo, en 2025 atopáronse unha pinturas “únicas” do século XVI

Cando penso en Santa Clara, e na miña visita de 2022, tamén me lembro de Maior Pérez. Foi unha das nobres máis poderosas do seu tempo e pasou á historia pola súa capacidade e estratexia empresarial. Foi unha grande emprendedora. O máis fascinante é que doou ao convento de Santa Clara de Pontevedra uns baños públicos con actividade comercial e que, probablemente, contaban con salas de auga fría, quente e morna. Un balneario, a fin de contas. E esta historia, que me relatou o historiador Suso Vila para a serie Raíñas de Galicia, sempre vén á miña memoria cando recordo Santa Clara. Porque a historia de Maior Pérez coñecémola, pero cantas máis haberá soterradas.

O convento pechou as súas portas en 2015, cando só quedaban tres monxas, despois de 750 anos en funcionamento. Un dos detalles que máis me sorprendeu na visita foi un ascensor ao lado do lagar que evidenciaba esa convivencia obrigada entre o pasado e o presente. Pregúntome canto quedará por descubrir deste enclave histórico, e canto nos revelarán as escavacións arqueolóxicas e as análises dos restos humanos e das fermosísimas cerámicas que se puideron recuperar. Pregúntome como era o convento na época de Maior Pérez e como debeu ser a vida desa monxa que, por cuestións de azar e ciencia, puido chegar a nós a través do seu cerebro.

E pregúntome cantas historias máis, fóra dos muros de Santa Clara, estaremos perdendo por desleixo. 

Agora si, imos cos temas da semana!


Entre redes socias e IA 📲 Despois de que un extraballador de Anthropic advertira dos riscos de que a intelixencia artificial nos mate antes do 2030, o debate está servido. Os expertos galegos cos que falamos foron máis precavidos, pero os xestores das grandes compañías, como OpenAI, están tomando medidas para frear o seu avance. Esta semana, tamén Europa propuxo regulacións dirixidas a adolescentes en relación ao uso das redes sociais. Sen dúbida, foron dos temas máis sonados da semana. 

Novo dinosauro 🦕 Se ti tamén es fan de Piecito, o protagonista de En busca del valle encantado, esta noticia vaiche gustar. Identificáronse en Teruel restos dun dinosauro do xénero Diplodocus. Ata ode agora, unicamente fora recoñecido no Xurásico de América do Norte.  

Ilustración de diplodocus. Foto: Carmelo López do grupo de investigación FOCONTUR.
Ilustración de diplodocus. Foto: Carmelo López do grupo de investigación FOCONTUR.

Avance en cancro 🔬 Un equipo do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) foi premiado por un estudo no que probaron unha terapia combinada en pacientes con cancro de colon metastásico. Un de cada cinco permaneceu polo menos nove meses sen a progresión da enfermidade. 


Recomendación semanal 🪶

A recomendación vai implícita no artigo desta semana. Pero máis alá do que me gustou La península de las casas vacías, a miña mención especial é para El maestro que prometió el mar cun Enric Auquer soberbio. A película narra a historia real de Antoni Benaige, e ata aí podo contar. Tamén hai un ensaio fantástico, que se titula igual, e que afonda na figura do mestre. Eu quedei estremecida.

Fotograma da película El maestro que prometió el mar.

Ciencia en confianza é unha newsletter de GCiencia que se lanza todos os sábados ás 10 horas para analizar os temas da semana dunha forma persoal e próxima. Se estás interesado ou interesada en recibila no teu correo, subscríbete aquí.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

De catacumbas a foxas comúns: o forense que estudou dende Galicia máis de 300 cerebros saponificados

Fernando Serrulla é unha referencia no estudo de órganos conservados, sobre todo no contexto da Guerra Civil española

O equipo de Santa Clara cre que o cerebro saponificado pertenceu a unha monxa de entre os séculos XVII e XIX

O órgano atopouse durante e escavación de tres tumbas no coro baixo da igrexa e agora está depositado nunha cámara frigorífica da USC para garantir a súa conservación

A escavación no convento de Santa Clara saca á luz un cerebro ben conservado, un achado único na península

O equipo detrás do descubrimento asegura que só hai tres casos máis no mundo en Arxentina, Chile e Italia de características semellantes

Penso, despois leo

O último informe PISA advirte da drástica caída da comprensión lectora en Galicia (e no resto do mundo). Por Laura Filloy