Maior Pérez e o seu instinto empresarial na Pontevedra do século XIV

A nobre de orixe compostelá, unhas das máis poderosas do seu momento, impulsou uns baños públicos únicos na Galicia medieval

A comezos do século XIV, preto do antigo convento de Santa Clara de Pontevedra, había un balneario. Si, uns baños públicos con actividade comercial que probablemente contaban con salas de auga fría, quente e morna. Talvez estaban dotados de vestiarios e patio interior. O certo é que apenas hai información, máis alá de que foron doados a Santa Clara en 1327 pola súa promotora. A mente detrás desta iniciativa empresarial en plena Idade Media foi Maior Pérez, unha nobre carismática e moi poderosa. “É un feito extraordinario”, define Suso Vila, doutor en Historia da Arte e xestor cultural. Naquela altura, fóra do termalismo de Ourense —e do que Pontevedra carecía— non existía nada comparable en Galicia.

“Era unha muller poderosa e con máis influencia da que se pensaba. É un exemplo de gran xestión patrimonial“, indica Vila. Maior Pérez era orixinaria de Santiago de Compostela e proviña de dúas importantes liñaxes: os Moscoso, por vía paterna; e os Ulloa, de parte da nai. Polo tanto, tivo no seu poder unha inxente herdanza que soubo xestionar con intelixencia. “A construción duns baños públicos en Pontevedra supón o reflexo dunha mentalidade que se afasta da imaxe rendista de moitas familias nobres”, indica Suso Vila nun artigo publicado en 2023 na revista Murguía: revista galega de historia, no que analiza precisamente a figura de Maior Pérez e o seu indispensable papel na consolidación dos conventos de Santa Clara de Pontevedra e Santiago.

Publicidade

Dous matrimonios

Da súa vida persoal, como da meirande parte de personaxes relevantes do Reino de Galicia, apenas hai información. Tan só podemos rastrexar a súa traxectoria vital a través das doazóns aos conventos e outros arquivos que se conservan, mais non foi posible atopar o seu testamento, que talvez vertese moita luz sobre a vida de Maior Pérez, que probablemente naceu no último terzo do século XIII. Sábese que tivo un primeiro matrimonio con Afonso Sánchez e que esta unión estivo motivada polos intereses da liñaxe. Cando queda viúva, casa de novo con Fernán Núñez de Aldán: “Esta unión é realmente interesante. Parece que foi un bo matrimonio e con intereses máis culturais que puramente estratéxicos”.

Suso Vila pon énfase en que isto tan só é unha hipótese, dado que se carece de elementos documentais que apoien esta tese. Pero todo apunta, coa información que se ten hoxe sobre Maior Pérez, que tivo certa liberdade para escoller o seu segundo casamento. “Ela xa era viúva. Tiña ingresos e capacidade tanto económica como para iniciar negocios”, apunta o historiador galego. Polo tanto, a súa unión con Fernán Núñez de Aldán, que a levará a centrarse máis nas Rías Baixas que nas terras de Compostela, apunta a un casamento no que ela, en certo modo, tivo capacidade de decisión e elección.

Publicidade

Por que constrúe uns baños públicos?

“É ela quen constrúe os baños públicos. O misterio é que exemplo toma ela para desenvolvelos. Era un tipo de negocio que, fóra da peculiaridade de Ourense, non existían en Galicia. Ou, polo menos, non aparecen recollidos na documentación medieval”, indica o xestor cultural, poñendo en valor a pioneira iniciativa de Maior Pérez. A súa hipótese é que acompañase ao seu home, próximo a Sancho IV —fillo de Violante de Aragón e Afonso X O Sabio— á corte castelá. É dicir, que xuntos percorresen boa parte da península con paradas en Toledo ou Todesillas. “Contaban con baños de tipo árabe. Talvez se inspirou neles e decidiu facelos en Pontevedra, onde estaba asentada”, sostén Suso Vila. Como o negocio debía ser próspero, en 1327 dóaos ao convento de Santa Clara, no que ela tivo un papel extraordinariamente relevante.

A orde de Santa Clara, entre Santiago e Pontevedra

Nos primeiros anos do século XIV fai varias doazóns ao convento de Santiago, da mesma orde, e do que foi abadesa a súa irmá. Non obstante, conforme transcorren os anos céntrase en Pontevedra, onde se supón que vivía debido aos seus vínculos matrimoniais. Vai apoiar a fundación do convento en 1310, que probablemente foi iniciativa da súa primeira abadesa, Leonor Rodríguez. “Pode que houbera unha unión familiar entre elas”, teoriza Suso Vila, ao tempo que explica que sería a mellor forma de xustificar a grande implicación de Maior Pérez co convento de Pontevedra. “Ela continúa doando ata que falece, arredor de 1330, diferentes propiedades e casas. O obxectivo era garantir que o convento tivese o patrimonio suficiente para que puidera seguir adiante”, afirma o investigador. E así foi, dado que pechou as súas portas en 2021, hai apenas catro anos.

Unha gran xestora

Detrás da súa implicación coa fundación do convento había unha grandísima capacidade económica que se explica tanto a través da súa familia de orixe como a de matrimonio. Ela céntrase na área de Pontevedra non só pola súa unión con Fernán Núñez de Aldán, senón polas propiedades que herda do seu pai e da súa nai nas Rías Baixas. Tamén mercará terras para investir e impedir que o seu patrimonio, talvez incluso a súa memoria, desaparezan. “É toda unha iniciativa de xestión da propia Maior Pérez en toda a contorna de Pontevedra”, engade Vila.

En canto ás propiedades do seu home, do que enviuvará, hai un elemento especialmente destacado. “Fernán Núñez de Aldán non era un guerreiro, senón un home de confianza da corte. E probablemente a súa familia estaba vinculada coa poesía trobadoresca do momento e co propio Xohán de Cangas, como patrocinadora na súa pequena corte señorial”, apunta o historiador. Debido ao seu papel destacado e próximo a Sancho IV, as viaxes de Fernán Núñez de Aldán ao epicentro do reino debían ser frecuentes. E é probable que Maior Pérez o acompañase, dado que a imaxe de mulleres estáticas e inmóbiles non se corresponde, en absoluto, co coñecemento da xeografía que tiña a nobreza do momento.

“Sancho IV concédelle a Fernán Núñez de Aldán unhas fincas na horta de Murcia, pero eses terreos estaban moi lonxe da casa familiar, así que as vende á orde de San Xoán. Páganlle e estímase unha renda anual que ten que cobrar el, pero tamén a súa muller, Maior Pérez”, engade Suso Vila. Polo tanto, nese documento ela tamén ten un papel relevante e continuará cobrando os cartos da orde ata a fin dos seus días. “É un contrato realmente suculento e moi beneficioso para a familia. Non era habitual poñer as mulleres nestes tipos de contratos”, matiza. Pero alí estaba Maior Pérez, o que dá conta do papel relevante non só dentro do matrimonio, senón tamén na sociedade da época.

“É un contrato moi especial. Como el transforma e pide permiso a Sancho IV para vender as terras e beneficiarse economicamente. De aquí é de onde temos que pensar que Maior Pérez conseguiu o diñeiro para financiar as obras dos baños públicos de Pontevedra, comprou novas fincas e reinvestiu toda esa prata en novas propiedades”, explica con detalle Suso Vila. Isto demostra, de novo, a gran capacidade de xestión de Maior Pérez, cun inxente patrimonio no seu haber. Pero que foi máis alá da visión rendista da época e decidiu facer un investimento real, protoempresarial e, sen dúbida, comercial. Unha especie de balneario que, presuntamente próspero, acabou doando ao convento de Santa Clara.

O patrimonio do convento

Leonor Rodríguez foi a abadesa fundacional pero o papel de Maior Pérez foi imprescindible para a consolidación da institución clarisa. A nobre compostelá doou unha gran cantidade de propiedades que deixaron un inmenso patrimonio ao convento, que xa naquela altura ía dende a área de Cambados, nas Rías Baixas, ata o Miño. “Eran propiedades moi esparexidas porque estas familias recibían moitas herdanzas. Non obstante, non sabemos exactamente cales son porque non aparecen debulladas”, lamenta o investigador. O que si se sabe é que en 1310, cando se pode situar a fundación de Santa Clara, Maior Pérez deixa unha pequena nota na que refire o seu interese de entrar no convento. Non hai constancia de que o fixera, e talvez só foi unha salvagarda por se, no futuro, quería coller o hábito.

Isto era un movemento bastante habitual. De feito, a súa irmá foi abadesa en Santiago despois de enviuvar. “Entrar no convento tamén é unha estratexia familiar para controlar máis propiedades. O interese é real, a pesar de ser unha orde mendicante”, refire Suso Vila. Outros dos obxectivos polos que algunhas nobres collían o hábito, sobre todo xa de avanzada idade, era para rematar os seus días “coa maior humildade posible e favorecer o seu ascenso ao ceo”. Pero o historiador insiste en que non temos ningún tipo de referencia que confirme ou rexeite a tese de Maior Pérez como clarisa. Non se conserva o seu testamento nin tampouco se sabe onde foi enterrada. Pénsase que faleceu cara a 1330 porque deixa de haber referencias documentais dela e porque, daquela, xa debía ter entre 50 e 60 anos.

“Talvez está enterrada en Santa Clara pero falta a escavación dentro da igrexa, onde sabemos que hai tumbas e unha utilización moito máis densa do espazo. Sería un lugar importante pero fáltanos información”, apela o investigador. Aínda que tamén baralla a hipótese de que, no último momento, Maior Pérez decidise enterrarse en Santiago, de onde era orixinaria e no convento no que era abadesa a súa irmá. O que está claro é que os últimos anos de vida de Maior Pérez son un misterio. E só temos a constancia de que foi unha muller carismática, poderosa e respectada polas casas nobiliarias da Galicia da época. Suso Vila non ten dúbidas, e conclúe con contundencia: “Un respecto que nin sequera espertaron moitos homes naquela altura”.


Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

1 comentario

  1. “Fincas” é a tradución ao galego do castelán “hincas”? Pobres leiras e predios que xa ninguén fala deles…

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Xunta activa a alerta vermella por episodio de calor extrema no interior de Pontevedra

O Goberno galego advirte de que os avisos poderán manterse durante varios días polos posibles efectos adversos para a saúde da poboación

A Xunta activa a alerta vermella por calor extrema no interior de Pontevedra

As temperaturas superarán os 35 graos en 16 concellos pontevedreses durante a xornada pola chegada dunha masa de aire africano

MeteoGalicia activa a alerta por temperaturas superiores aos 36 graos

A área do Miño de Ourense e Pontevedra, Ribeira Sacra e as Rías Baixas serán as máis afectadas pola dorsal subtropical

Por que se executaba á xente hai 1.000 anos?

A Idade Media non inventou a pena de morte, un procedemento que xa existía no mundo romano e que perviviu ata non hai tanto en Europa occidental