As irmás Traba: as primeiras mecenas da lírica galego-portuguesa?

Urraca, Teresa, María e Sancha foron nobres moi poderosas da segunda metade do século XII e estiveron estreitamente vinculadas co trobadorismo

As ondas do mar de Vigo quedaron inmortalizadas nunha fermosa cantiga escrita por Martín Codax no século XIII. Foi homenaxeado, xunto a Joan de Cangas e Meendinho, nas Letras Galegas de 1998. O seu foi un recoñecemento colectivo aos trobadores da lírica galego-portuguesa que elevaron a lingua a unha posición de indiscutible prestixio. Mais detrás destes nomes masculinos agóchase unha realidade feminina tan anónima como indispensable para o desenvolvemento da poesía máis elevada. Urraca, Teresa, María e Sancha Fernández de Traba foron nobres galegas da segunda metade do século XII. Mais, sobre todo, estiveron intimamente vinculadas, talvez incluso foron impulsoras, do trobadorismo galego-portugués.

Catro irmás que tiveron un protagonismo desigual na política, economía, sociedade e cultura do seu momento. Pero todas procedían dunha estirpe poderosa e relacionada directamente coa monarquía. “As irmás Traba formaban parte da elite máis elevada da aristocracia do momento”, ratifica Miguel García-Fernández, investigador do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS) e da Universidade de Santiago (USC). A pesar de non seren fillas da mesma nai, o seu pai, Fernando Pérez de Traba, era un home dun inmenso poder e influencia nos reinos de Galicia, León e o nacente Portugal. E as súas fillas herdaron a súa privilexiada posición no xadrez da monarquía e da nobreza do século XII.

Publicidade

“A lírica galego-portuguesa foi unha moda literaria da nobreza e unha versión do trobadorismo occitano. Probabelmente chegou a Galiza a través dos Traba porque a maioría dos trobadores máis antigos aparecen vinculados directa ou indirectamente con esta familia, sobre todo por vía feminina”, defende José António Souto Cabo, catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago (USC). As cantigas eran unha manifestación cultural que tiña como palco as casas da máis alta nobreza e na corte. E precisamente as donas do espazo interior, da xestión doméstica, sempre foron as mulleres. De aí que Souto Cabo sosteña a idea de que foron as mulleres Traba, esas catro irmás, as que puideron axudar a plantar a semente da lírica galego-portuguesa.

Urraca

A filla máis pequena de Fernando Pérez de Traba foi Urraca. “O seu testamento de 1199 é un dos testemuños máis interesantes á hora de demostrar a inmensa proxección espacial destas mulleres”, apunta García-Fernández. Esta nobre repartiu a súa herdanza entre máis de 70 institucións diferentes: desde Galicia até Terra Santa. Isto dá mostra do seu poder, da súa riqueza e da súa influencia. Mais a súa contribución no plano cultural é aínda máis apaixonante: foi a nai de Osorio Eanes, un dos primeiros trobadores. “Probabelmente a casa de Urraca fose un dos principais centros dese incipiente trobadorismo galaico-portugués”, opina Souto Cabo, poñendo énfase no papel que desenvolveron as mulleres Traba como impulsoras, talvez como mecenas, desas primeiras cantigas.

Publicidade

De todas as súas irmás, Urraca é a que parece estar máis vinculada con ese inicio do trobadorismo. E a que puido ter un papel máis activo no fomento da lírica galego-portuguesa. O centro desas primeiras cantigas debeu ser, segundo teoriza Souto Cabo, a actual comarca do Ribeiro, onde Urraca viviu. “No mosteiro de Cornoces, en Amoeiro, hai unha enorme inscrición en pedra onde se recoñece que ela foi a fundadora. Tamén sabemos que, ademais de ser moi rica, tiña os seus propios negocios. Era unha socia comercial importantísima da catedral de Santiago”, apunta o catedrático da USC. Unha biografía, a de Urraca, que non só é interesante pola súa capacidade xurídica e económica, senón tamén polo seu interese e fomento do plano cultural.

Teresa

A irmá con maior proxección política foi, sen dúbida, Teresa Fernández de Traba. Tanto ela como Sancha foron fillas de Teresa de Portugal, filla de Afonso VI e irmá de dona Urraca pero, sobre todo, primeira raíña do país veciño. Tanto Teresa como Sancha aparecen na documentación como infantas e, por tanto, tiñan un vínculo directo coa monarquía e coa nobreza máis cortesá. Ela casou con dous homes da elite do momento: o seu primeiro marido era un conde castelán; e o segundo, o mesmo rei Fernando II, criado na casa do seu avó Fernando Pérez de Traba. “Foi raíña consorte e ocupou a máis alta posición social. Representa a unión total entre os Traba e a monarquía. Nese momento era a candidata ideal”, sostén García-Fernández.

Malia que estivo situada no primeiro nivel da aristocracia, tanto por vía materna como paterna, o seu matrimonio con Fernando II de León e Galicia durou pouco. Ela faleceu en 1181, tan só tres anos despois do casamento, sen que ningún fillo en común puidese chegar á idade adulta. “Foi o membro da familia dos Traba que chegou máis lonxe e, ademais, foi moi querida polo seu marido”, sinala Souto Cabo. A súa relación co trobadorismo, menos directa que a que sostivo e fomentou Urraca, tamén parece evidente: “O trobadorismo difúndese nas casas dos nobres pero, sobre todo, na Corte real. Probablemente ela, como raíña consorte, tamén fose difusora deste movemento”, afirma o catedrático da USC.

Mulleres nunha ilustración das 'Cantigas de Santa María' de Afonso X O Sabio.
Mulleres nunha ilustración das ‘Cantigas de Santa María’ de Afonso X O Sabio.

María

María Fernández de Traba é a maior das catro irmás e filla do primeiro matrimonio de Fernando. “Foi unha personalidade moi importante e casou cun conde de orixe catalá. El era o avó de Joam Velaz, un trobador. E é posible que esta fose a vía pola cal o trobadorismo chegou aquí”, sostén Souto Cabo. Por tanto, todo apunta a que a rede que se teceu na casa de María Fernández de Traba se estendía a través dos seus vínculos con trobadores occitanos, e que esa influencia puido ser un aliciente para o desenvolvemento da nosa propia lírica. “Ela pasou a ser avoa de feito dun dos primeiros trobadores coñecidos. É dicir, podemos afirmar que no grupo familiar dos Traba xorde o primeiro trobador”, ratifica o catedrático da USC.

Non obstante, o filólogo recalca que as súas teorías sobre o papel das irmás Traba no fomento da lírica galego-portuguesa se apoian en indicios, dado que a reconstrución da historia medieval non sempre é doada. Adoita sosterse por documentación indirecta, como informes de compra-vendas, que impiden unha comprensión máis clara da realidade do momento. Non obstante, os vínculos están aí, e as Traba foron axentes culturais de primeira orde naquela incipiente lírica de finais do século XII. María, alén do seu papel cultural, tamén foi unha muller moi poderosa que exerceu o poder, de forma case igualitaria, co seu marido: “É un caso bastante excepcional. Foi unha especie de tenente na zona de Sanabria”.

Sancha

Sancha Fernández de Traba foi irmá de Teresa tanto por vía materna como paterna. Por tanto era unha descendente directa da monarquía e tamén foi tratada como infanta. O seu vínculo co trobadorismo talvez sexa o máis indirecto das catro irmás: casou con Álvaro Rodríguez de Sarria, parente de Joam Velaz, o primeiro trobador. E máis alá de ser criada nunha familia emparentada directamente coa monarquía e pertencer á máis alta aristocracia, non se atopan vínculos máis directos coa lírica que se estaba a xestar no momento. Talvez contribuíu tanto ou máis que as súas irmás, pero a día de hoxe non é posible afirmalo nin refutalo.

“Outórgalle legados a numerosos mosteiros ao longo e ancho de Galicia e xunto ao seu marido Álvaro Rodríguez foi fundadora do mosteiro de Santa María de Meira”, sinala García-Fernández. Sancha, ao igual que a súa irmá María, desempeñou un papel de “tenente” que demostra o poder e a riqueza dos que dispoñían. Xunto aos testamentos conservados de María e Urraca, e as inscricións pétreas desta última, o investigador do IEGPS fai un chamamento: “Elas deixaron constancia da súa memoria. As fontes están aí. Somos nós os que non as podemos esquecer cando recuperamos e falamos do noso pasado”. Así argumenta o inescusable borrado de figuras tan relevantes como as Traba, ou como tantas outras mulleres silenciadas ao longo da historia.

Máis alá do seu papel como activadoras, impulsoras ou quen sabe se mecenas da lírica galego-portuguesa, as irmás Traba son un exemplo irrefutable de poder feminino na segunda metade do século XII. Como xa o fora a raíña dona Urraca uns anos antes, María, Teresa, Sancha e Urraca —a homonimia como trazo característico do medievo— formaron parte da elite máis prestixiosa do seu momento. O seu pai xa fora aio de Fernando II, o primeiro rei galaico-leonés. E elas, dunha maneira ou doutra, criáronse nese ambiente de proximidade á monarquía e tamén á cultura que fomentaban as elites. Todas compartiron un escenario que lles permitiu aos poetas trobar. E que hoxe as ondas do mar de Vigo non só sexan ciencia senón, sobre todo, poesía.


Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que se executaba á xente hai 1.000 anos?

A Idade Media non inventou a pena de morte, un procedemento que xa existía no mundo romano e que perviviu ata non hai tanto en Europa occidental

Da forca á decapitación: as principais formas da pena de morte no noroeste ibérico durante o medievo

A investigación da USC de Abel de Lorenzo, recollida nun libro, documenta os perfís sociais de quen padece e executa este tipo de condenas e como se orixinan

Catro mapas históricos para percorrer Galicia a través dos séculos

O Instituto Xeográfico Nacional conserva cartografía antiga datada entre o XVII e XIX e amosa a evolución do territorio ao longo de máis de 200 anos

Unha historia de resistencia na Galicia do século X: a neta que denunciou o avó por violación

O investigador Abel de Lorenzo rescata os casos de violencia sexual na Alta Idade Media no noroeste peninsular