Dicionario da Galicia histórica, un reino do A ao Z

L de Lírica: ‘morrer de amor’ e insultar con elegancia no Reino de Galicia

As cantigas e os seus variados xéneros estendéronse no século XII e sentaron as bases da poesía que se cultivará posteriormente na Europa occidental

O tópico literario ‘morrer de amor’ xeneralizouse na lírica provenzal que, no caso do Reino de Galicia, emerxeu con forza no século XII. As palabras recitadas polos xograres rimaban e bailaban acompañados cunha armónica e pretendían entreter espertando unha emoción naquela persoa que as escoitaba: dende a profunda tristeza do desamor á risa provocada pola burla. Foron as cantigas e os seus variados xéneros (distinguidos polas súas temáticas) as que sentaron as bases da poesía que posteriormente se cultivará na Europa occidental e que, entre 1170 e 1350, primeiro en Galicia e despois en Portugal, León e Castela, lograron unha gran fama musical e literaria que permitiu conservar máis de 150 nomes de trobadores e máis de 1.650 cantigas. Foi unha innovación cultural que chegou ata nós a través de tres cancioneiros: o da Ajuda, o da Biblioteca Nacional de Lisboa e o Cancioneiro da Biblioteca Vaticana. Organízanse aquí en tres grandes bloques: as cantigas de amor, cantigas de amigo e cantigas de escarnio e maldicir.

Dende o ano 1100 aproximadamente, en Europa occidental esténdese un fenómeno literario e musical que combina coidadosamente letra e música e está composto esencialmente para a nobreza e a realeza. A historiadora medieval Mercedes Brea explica que o ámbito no que se representan as cantigas normalmente ten que ver coa aristocracia e a burguesía, non están relacionadas necesariamente coa alta nobreza. “É o seu lugar habitual de representación no que os mecenas, os trobadores, os reis e grandes señores que ao mesmo tempo son trobadores e xograres presentan as súas propias composicións”, apunta a investigadora. Por unha banda, os trobadores son poetas que crean as letras en lingua romance que serán posteriormente cantadas polos xograres; e estes interpretaban as pezas literarias xeralmente con música, bailes e xogos.

Publicidade

Cantigas de amigo, de escarnio e maldecir

Os temas nas cantigas medievais están relacionados cos propios xéneros. Nas cantigas de amor e amigo a temática principal é o amor visto dende distintas perspectivas. Nas primeiras, o home namorado suplica á dama. “Ten unha morea de matices, ás veces explícalle o namorado que está e require algo de atención e de correspondencia por parte dela; noutras laméntase que ela o despreza; outras di que está desesperado e non quere volver nunca”, explica Brea. Tamén, a morte por amor é moi recorrente e incluso pode haber ameazas por parte das mulleres de cambiar de señor. En moi poucos casos hai algo de alegría por amor correspondido: Pero que eu mui long’estou / da mia senhor e do seu bem / nunca me Deus dê o seu bem / pero m’eu [de]la long’estou / se nom é o coraçom meu mais preto dela que o seu. (Cantiga do Rei Don Denís)

Nas cantigas de amigo é a muller a que fala e pódense establecer dous bloques diferenciados. “Ten que ver coa canción tradicional e é unha elaboración curta, explica Mercedes Brea. Nalgunhas composicións a historia trata dunha moza que normalmente quere atoparse co seu namorado, pregúntase “por que el non vén” e alégrase cando recibe a noticia de que el acaba de chegar. Aquí inclúense as cantigas de romería e de santuario, nas que a muller quere ir a unha festa a atoparse co seu mozo, ou chora tamén por el porque tivo que marchar a servir ao rei. Ás veces, polo tempo que tarda en voltar, cre que pode estar morto. Nas do trobador Martín Códax, a namorada fala coas ondas do mar: Ondas do mar de Vigo / se vistes meu amigo / E ai Deus!, se verra cedo?

Publicidade

Algunhas letras están repletas de símbolos tradicionais porque forman parte do acervo popular e utilizan recursos literarios como o leixaprén, que consiste na repetición dos segundos versos dun par de estrofas como primeiros versos do par seguinte. E, por outra banda, tamén existen as cantigas de amigo nas que a muller se presenta no papel de señora que se encara co namorado porque marchou sen permiso dela, ou por non voltar cando dixo que ía facelo e ela vaino castigar. “Unha muller apoderada que é dona dos seus sentimentos, dos seus actos e ela decide o que vai a facer. É a parte menos coñecida e non foi estudada, con todo é bastante abundante. E tamén, aínda que non é moi frecuente, hai algunha cantiga de amigo que é unha resposta a outra cantiga de amor”, apunta Brea.

Afonso IX

Outro mundo aparte son as cantigas de escarnio: dunha ironía fina e delicada ata a crítica máis soez de política, ás queixas de Afonso IX —coñecido comunmente como Afonso X o Sabio— polos nobres que non o apoiaban, así como burlas á homosexualidade, prostitutas, cabaleiros e fidalgos. As Cantigas de Santa María, de Afonso IX, son unha das coleccións máis importantes da literatura medieval occidental. Na lírica trobadoresca os autores tiñan interés en conservar o seu nome e as melodías. Excluíndo as satíricas que empregaban músicas coñecidas para causar máis sensación, o resto adoitan ser orixinais.

A investigadora Mercedes Brea engade que as que normalmente son mecenas, aquelas persoas que apoiaban aos artistas nas cortes, eran as señoras. “Isto foi estudado e hai referencias a tres señoras: unha infanta, Dona Constanza e Leonor de Trastámara. Está claro cal é o ambiente no que se move esta tradición”. O primeiro trobador do que se conserva a obra é Guilhem de Peitieu, vasallo do rei de Francia pero con máis poder que el. Entre os que continuaron a súa obra atópase Afonso IX, Ricardo Corazón de León, Afonso II de Aragón e o rei de Navarra Thibaut de Champage. O portal O Reino Medieval de Galicia sinala que os nomes máis antigos que se coñecen están relacionados cos nobres de orixe occitano-catalán que se mesturaron posteriormente con grupos da nobreza galega e o norte de Portugal como a familia Traba. “As mulleres daquela familia Traba, cultas e aficionadas aos cantantes que actuaban para elas”.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

1 comentario

  1. Dende o punto e vista da moderna historiografía galega deberíase pu-blicar unha lista dos reis galegos e
    a súa equivalencia española para
    sabermos por exemplo que Alfonso X o Sabio resulta que é ou tiña que
    nomearse como Alfonso IX o Sabio ,
    e así todo …

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un universo para as cantigas: o proxecto que recompila os textos dos nosos devanceiros

Unha iniciativa das tres universidades públicas galegas dixitaliza 1.683 escritos medievais e tamén publicará catro volumes impresos

Un libro recolle por primeira vez ata 704 cantigas de amor

Unha investigadora da USC recompila os textos transmitidos nos cancioneiros medievais da Ajuda, da Biblioteca Nacional e da Vaticana

Un mapa interactivo xeolocaliza os lugares que inspiraron as 69 cantigas de romaría

A ferramenta creada na USC permite acceder a textos orixinais, datos históricos e fotografías actuais dos espazos relixiosos

Un mapa dixital reúne todos os topónimos das cantigas profanas medievais

A maioría dos lugares que se citan nestes textos aínda existen na actualidade, pero moitos deles teñen unha relevancia social moi diferente