Un universo para as cantigas: o proxecto que recompila os textos dos nosos devanceiros

Unha iniciativa das tres universidades públicas galegas dixitaliza 1.683 escritos medievais e tamén publicará catro volumes impresos

1.683 cantigas a un golpe de clic e tamén en catro volumes, diferenciados por xéneros: amor, amigo, escarnio e outras temáticas. Estes serán os froitos do traballo que hai case 15 anos iniciou un grupo de investigadores das tres universidades públicas galegas baixo a denominación Universo Cantigas. “A edición crítica dixital do corpus completo da poesía profana galego-portuguesa”, detalla Bieito Arias Freixedo, docente e investigador do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da UVigo, que participa no proxecto coordinado por Manuel Ferreiro Fernández, integrante do grupo de investigación Lingüística e Literaria Galega da UDC.

web de Universo Cantigas contén o texto crítico e a paráfrase, ademais de todo tipo de información, desde imaxes dos manuscritos ás transcricións paleográficas dos textos, variantes manuscritas e editoriais e notas xustificativas das decisións editoriais. Está composta polas 704 cantigas de amor e as 500 de amigo transmitidas polos principais cancioneiros medievais (o de Ajuda, o da Biblioteca Nacional de Portugal e o da Vaticana), así como unha parte das de escarnio, cuxa edición está en proceso de revisión.

Publicidade

Así mesmo, recentemente, o Servizo de Publicacións da UDC editaba Universo Cantigas. I. Cantigas de Amor, que recolle “por primeira vez nun único volume, a edición crítica das máis de 700 cantigas de amor, realizada a partir da lectura e transcrición propia dos manuscritos e seguindo uns criterios de edición uniformes”, indica Arias Freixedo. “Cada texto crítico vai acompañado dunha versión en galego actual, para facilitar a comprensión por parte do público profano, porque aínda que os manuscritos non presentasen dificultades interpretativas (o que poucas veces ocorre) a linguaxe medieval e os códigos e convencións poéticas da época, ás veces non son doadas de entender sete séculos despois”, continúa.

O volume en papel inclúe, así mesmo, un código QR que liga cada poema á súa edición dixital completa da páxina web, alén doutras moitas informacións entre as que destaca o glosario do corpus completo, ao que tamén se pode acceder directamente desde o texto crítico clicando sobre a palabra que se desexa consultar.

Publicidade

Unha lectura “galega”

Coa edición dixital de Universo Cantigas na súa última fase e o segundo volume en papel, dedicado ás cantigas de amigo, en período de revisión de probas, Bieito Arias incide no feito de que por normalidade política-cultural, nun caso, e pola procedencia de dous dos cancioneiros, no noutro, Portugal e Italia, respectivamente, foron os países onde máis se traballou “neste noso primeiro monumento literario nacional”.

Por mor do que o docente da UVigo define como “a anormalidade política (cultural e lingüística) de Galicia, que condicionou a investigación neste campo”, antes de 1990 só había dúas edicións de autores individuais ben fundamentadas filoloxicamente: a de Xosé Luis Méndez Ferrín das cantigas de Pero Meogo e a de José Luis Rodríguez das de Joan Airas de Santiago.

“A situación mudou desde entón e realizáronse diversas edicións desde a filoloxía galega. Era moito hora de que os galegos e galegas fixésemos a nosa lectura dos textos que os devanceiros nos transmitiron, que son moito máis que material filolóxico. Como dicía Manuel Ferreiro nunha moi recente entrevista, os trobadores son os nosos primeiros clásicos, e como tales temos que os coñecer, estudar e difundir”, asegura. 

Arias Freixedo lembra que a poesía profana no seu conxunto xa foi editada con anterioridade en volumes colectivos por xéneros. “En particular, as cantigas de amor foron editadas por Carolina Michäelis en 1904 e completadas logo por José Joaquim Nunes en 1932. Mais xa pasou moito tempo, e tanto as condicións de accesibilidade aos manuscritos, como os medios técnicos para a súa consulta, mudaron moito, para mellor, o que permite corrixir algúns erros de lectura e interpretación de edicións previas”, explica o investigador da UVigo.

Sinala tamén que as edicións existentes, colectivas e individuais, seguían criterios gráficos moi diferentes unhas das outras, “o que non ocorre nesta edición, na que seguimos os criterios de edición consensuados en 2006 entre especialistas do ámbito galego nun coloquio específico sobre ese tema”.

Un proxecto colectivo que xa fixo 15 anos

Coa corrección das probas do segundo volume dedicado ás cantigas de amigo iniciada e cos volumes III e IV, centrados nas cantigas de escarnio e noutros xéneros, respectivamente, en perspectiva, o proxecto pecharía a edición en papel das cantigas profanas medievais. Mais esta edición material é só unha das facetas dunha iniciativa que cumpre 15 anos de vida este 2025, “un proxecto colectivo, o da edición dixital do corpus profano completo, elaborado en diferentes fases sucesivas, que en parte coinciden coa edición de cada un dos tres principais xéneros”, explica o investigador da UVigo, que confirma a súa participación en todas as fases e procesos: “Na transcrición paleográfica dos manuscritos, na edición e revisións sucesivas e das notas, nas realizacións das versións ao galego actual, etc”.

Tras máis dunha década de traballo en Universo Cantigas, Beito Arias asegura ser incapaz de citar unha cantiga de amor, amigo ou escarnio preferida. “A variedade, as sutilezas conceptuais, o virtuosismo formal e retórico… son tan ricos que non é posíbel escoller unha única cantiga”. Outro tanto, afirma que lle sucede á hora de elixir un trobador preferido polas súas cantigas de amor. “podería citar algúns autores galegos como o almirante pontevedrés Paai Gomez Charinho, o burgués Joan Airas de Santiago, o cóengo Roi Fernandez de Santiago ou Fernan Velho, e algúns portugueses como Martin Soarez, Joan Garcia de Guilhade ou o rei Don Denis”, enumera o docente e investigador.


Podes ler a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descuberta unha nova área para estudar a asimetría entre materia e antimateria no universo

O traballo, publicado en ‘Nature’, está asinado pola colaboración LHCb do CERN, na que traballan preto de 40 membros do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

Un proxecto galego explora unha nova vía terapéutica contra o cancro de ovario

A iniciativa da UDC, que prevé menos efectos secundarios, recibe 150.000 euros do Consello Europeo de Investigación

Un investigador galego estuda El Niño, o fenómeno que altera o clima do planeta

Rafael Carballeira, investigador do CICA (UDC), colabora nunha investigación clave con Perú para reconstruír a historia deste evento e do seu impacto

O próximo salto do IGFAE: un centro renovado para abordar os grandes retos da física

As súas instalacións, inauguradas en xuño, contan cun espazo de 5.200 cadrados, cunha maior superficie destinada a laboratorios punteiros