Xoves 5 Marzo 2026

A empresa galega Alén Space culmina con éxito o lanzamento do seu novo satélite dende California

O obxectivo do aparello creado en Nigrán é abrir unha nova era no sector marítimo e contribuír á súa dixitalización

O lanzamento do sátelite SATMAR, creado pola empresa galega Alén Space, culminouse con éxito. A compañía con sede en Nigrán confirmou a posta en órbita do aparello, cuxo principal obxectivo será impulsar a dixitalización das comunicacións marítimas a través dun novo estándar.

Segundo informan dende Alén Space, SATMAR despegou o pasado luns 23 de xuño ás 23:25 horas dende a Base da Forza Espacial de Vandenberg (California, Estados Unidos), a bordo dun foguete Falcon 9 de SpaceX. Pouco despois do lanzamento, ás 01:39 horas, a empresa galega estableceu o primeiro contacto co satélite, xa en órbita. A partir de agora, comeza a fase de validación do funcionamento dos diferentes subsistemas e cargas útiles.

Publicidade

Un salto cualitativo para o tráfico mariño

O obxectivo principal de SATMAR é abrir unha nova era para o sector marítimo coa demostración en órbita da viabilidade do estándar de comunicacións VDES, chamado a substituír no futuro ao actual sistema AIS (Automatic Identification System).

Esta nova tecnoloxía permite comunicacións bidireccionais vía satélite na banda VHF, mesmo en zonas afastadas da costa. As novas funcionalidades que ofrece o estándar VDES tamén supoñen unha importante mellora da eficiencia, seguridade e sostibilidade do tráfico marítimo, e novas posibilidades de servizos dixitais en contornas portuarias.

Publicidade

Desenvolto integramente por Alén Space, o satélite SATMAR forma parte dun proxecto no que participa como socio a empresa Egatel e que conta coa colaboración do centro tecnolóxico Gradiant. A iniciativa foi financiada polo fondo Ports 4.0, un programa de apoio á innovación no sector marítimo impulsada por Portos do Estado e polas Autoridades Portuarias Españolas.

O nanosatélite de tipo 6U operará sobre España e as súas augas circundantes, con casos de uso desenvolvidos en colaboración coa Autoridade Portuaria da Baía de Alxeciras e con outras empresas do sector, como Oritia & Boreas.

O equipo de Alén Space seguindo en directo o lanzamento de SATMAR.

Expectación polo lanzamento

O lanzamento reuniu o equipo de Alén Space nas instalacións da empresa en Nigrán (España) para vivir de primeira man a posta en órbita de SATMAR. Profesionais de todas as áreas de traballo da compañía seguiron en directo como despegaba o satélite.

“É un fito moi importante para nós”, explica Guillermo Lamelas, CEO de Alén Space. “Abre as portas a interesantes oportunidades de desenvolvemento de tecnoloxía e de negocio. Grazas a este novo estándar, os barcos poderán manter comunicacións constantes con terra firme mesmo en alta mar, recibirán avisos de emerxencia en tempo real e poderán optimizar as súas rutas para reducir o uso de combustible e os niveis de contaminación, entre outras posibilidades. É unha tecnoloxía que vai ter un impacto moi relevante no día a día das empresas do sector marítimo”, sinala.

Ademais da súa misión principal, SATMAR incorpora unha carga útil secundaria que o converte nun laboratorio en órbita de radio definida por software (SDR). Entre as súas funcións destacan a monitorización do espectro radioeléctrico en bandas VHF, L e S, e a proba de novas tecnoloxías de comunicacións de alta velocidade en banda S.

A bordo do satélite IOD-2 de Startical

No mesmo lanzamento viaxou o satélite IOD-2 de Startical, cuxo obxectivo é validar desde o espazo as comunicacións VHF de voz e datos en tempo real entre pilotos e controladores aéreos. Esta misión, liderada por Startical, incorpora tecnoloxía de radio definida por software (SDR) desenvolvida por Alén Space, a través do seu produto TREVO, aplicado ás cargas útiles de VHF, ADS-B e feeder link.

O equipo da empresa galega encargouse de desenvolver a aplicación específica para carga útil de ADS-B e VHF, que se integra co segmento terreo para a prestación do servizo. Pola súa banda, a carga útil do satélite demostrador foi deseñada por Indra, co apoio de ENAIRE.

Coa súa contribución nestas dúas misións, Alén Space defende a súa posición como axente clave na industria do New Space, con solucións orientadas a sectores estratéxicos, como a xestión do tráfico marítimo e aéreo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Alén Space lidera un proxecto europeo para detectar interferencias de radiofrecuencia dende o espazo

A empresa galega coordina a iniciativa financiada pola Axencia Espacial Europea que terá unha duración de 24 meses

Alén Space pon a proba o seu satélite para manter aos barcos conectados en alta mar

O obxectivo do aparello creado en Nigrán é intercambiar mensaxes entre buques e portos, e mellorar a seguridade e eficiencia do tráfico marítimo grazas á tecnoloxía VDES

Alén Space completa un novo satélite para un instituto tecnolóxico de Corea do Sur

A partida do aparello, creado integramente en Nigrán, está prevista os próximos días desde o Centro Espacial Naro, situado na provincia de Jeolla do Sur
00:04:32

Vigo consolídase como referente aeroespacial grazas ao impulso da Zona Franca

A cidade olívica comeza a configurarse como un epicentro real no mapa europeo do espazo e a aeronáutica grazas ao complexo hub TIC