Alén Space, os satélites con ADN galego que conquistan o espazo

A empresa gañadora do Selo de Calidade nos Premios GCiencia Galicia Spin-Off segue a medrar cun proxecto incubado na UVigo

O Grupo Aeroespacial da Universidade de Vigo (UVigo), que conta cunha traxectoria de máis de 15 anos de investigación nese sector, é o xerme que deu lugar á creación de Alén Space, a empresa spin-off que dende hai xa case seis anos está a ocupar un lugar destacado no mercado internacional dos satélites de pequeno tamaño. O seu gran crecemento e a súa aposta pola investigación e a innovación levaron á concesión do Premio GCiencia Galicia Spin-Off na categoría de Selo de Calidade nesta última edición dos galardóns. O xurado destacou “que a empresa lograse facer un oco no mercado internacional nun sector onde a constante innovación tecnolóxica é un factor decisivo”. O premio será entregado este xoves 21 de novembro nun acto que se celebrará no Pazo de San Roque, en Santiago.

O coordinador da área Electrónica e socio fundador da empresa, Aarón Nercellas, explica que Alén Space experimentou un crecemento importante dende a súa fundación en xaneiro de 2019, xa que pasaron de sete a 70 traballadores neste período e acadou unha facturación de tres millóns de euros en 2023. “A nosa liña principal de traballo é ofrecer un servizo completo para a realización dunha misión espacial, dende a realización do estudo de viabilidade ata a posta en órbita dos satélites”, indica. 

Publicidade

Múltiples aplicacións

Os dispositivos de pequeno tamaño que deseña e produce Alén Space teñen diversas aplicacións, dende a mellora da cobertura de internet ao seguimento dos avións por satélite, as comunicacións marítimas e as misións científicas e universitarias. Os satélites poden ser deseñados e producidos directamente pola empresa pero tamén está a posibilidade de incorporar equipos realizados por Alén Space a satélites construídos por outras compañías. 

Nercellas apunta que nestes momentos a empresa está inmersa en diversos proxectos, entre os que destaca a posta en marcha dunha misión de catro satélites para a empresa catalá Sateliot. Os dispositivos serán lanzados no próximo mes de agosto e estanse a poñer a punto para que poidan estar totalmente operativos nesa data. A súa misión será ofrecer servizos de internet 5G dende o espazo. 

Publicidade

Outro dos proxectos importantes nos que está a traballar Alén Space e o LEO-PNT, un programa da Axencia Espacial Europea (ESA) para desenvolver satélites CubeSat. Estes dispositivos terán como misión ofrecer un servizo de navegación similar ao GPS pero dende un satélite de órbita baixa, o que permitirá ofrecer cobertura en lugares complicados como túneles. “Esta é un dos proxectos máis destacados nos que estamos traballando nestes momentos e o lanzamento do primeiro CubeSat está previsto para outubro de 2025”, explica Nercellas. 

O fito do XATCOBEO

O grupo de investigación do que naceu Alén Space xa obtivera importantes fitos no sector aeroespacial, como o lanzamento en 2012 do primeiro nanosatélite español, o XATCOBEO. Outro dos momentos destacados na traxectoria da Grupo Aeroespacial da UVigo foi a posta en órbita a finais de 2018 do satélite LUME-1 para colaborar na detección de incendios forestais dende o espazo. 

Os coñecementos que xurdiron do grupo durante case dúas décadas están agora a aplicarse no desenvolvemento de Alén Space. “Todas as misións nas que participamos están a poñer en órbita novas tecnoloxías e nós temos que facer as nosas achegas dende a longa investigación que levamos facendo no terreo dos CubeSat. Hai que ter en conta que estamos falando de dispositivos que teñen o tamaño dunha caixa de zapatos e tes que incorporar tecnoloxía punteira nas diversas áreas de coñecemento que están implicadas nun satélite tan complexo”, sinala Nercellas. 

Cara ao futuro, o directivo de Alén Space apunta que a empresa seguirá a ofrecer aos seus clientes a posibilidade de contratar misións espaciais completas. A empresa española GMV fíxose co capital de Alén Space en 2023 e ofrece a posibilidade á spin-off pontevedresa de acceder a un mercado moito máis grande. “O futuro pasa por seguir medrando e seguramente ir deixando o sector dos CubeSat para pasar a plataformas máis grandes”, indica Nercellas. O que parece claro pola súa traxectoria é que o límite para o desenvolvemento de Alén Space está moito máis alá do ceo. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A galega Alén Space participa nunha misión europea para reforzar a ciberseguridade dos sistemas espaciais

A posta en órbita do satélite marca o inicio dunha iniciativa pioneira na ESA, para a que a empresa de Nigrán deseñou a plataforma CubeSat 3U

Alén Space lidera un proxecto europeo para detectar interferencias de radiofrecuencia dende o espazo

A empresa galega coordina a iniciativa financiada pola Axencia Espacial Europea que terá unha duración de 24 meses

Alén Space pon a proba o seu satélite para manter aos barcos conectados en alta mar

O obxectivo do aparello creado en Nigrán é intercambiar mensaxes entre buques e portos, e mellorar a seguridade e eficiencia do tráfico marítimo grazas á tecnoloxía VDES

Así capta unha fotografía astronáutica a iluminación nocturna de Galicia

Este mosaico constitúe a primeira representación en cor da noite europea, elaborado con máis de 7.000 imaxes tomadas dende a Estación Espacial Internacional