As sospeitas confírmanse: Rugulopteryx okamurae, a agresiva alga parda asiática que actúa como unha especie invasora no Mediterráneo e no Mar de Alborán, xa ocupa o seu espazo en Galicia. Así o revela un novo estudo feito por distintas universidades españolas, entre as que se atopan as de Santiago e A Coruña. Aínda que as alarmas xa soaran este verán, trátase do primeiro rexistro académico que comproba a presenza da invasora na comunidade en dous puntos separados por centos de quilómetros: a enseada de San Amaro, no porto da Coruña, e Praia América, próxima ás instalacións de acuicultura e ao porto de Vigo. Os achados amosan a capacidade da alga para expandirse e sinalan un comportamento moi agresivo en determinadas contornas.
Segundo explica Javier Cremades, investigador do grupo BioCost do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) e catedrático da UDC na área de Botánica, a alga asiática parece seguir o mesmo patrón que moitas outras especies invasoras, como a vespa velutina: “Amosan unha capacidade de propagación moi alta, son tolerantes e adáptanse ben a cada contexto”. Foi o que aconteceu no Estreito de Xibraltar, onde xa cobre unha extensión considerable do leito mariño, nalgúns puntos de ata o 80% ou o 100%. No caso de Galicia, conta, os investigadores estaban baixo a expectativa de ver que acontecería, xa que esta especie adoita ocupar espazos de augas máis quentes. De aparecer nesta rexión máis setentrional, comportaríase como unha invasora?
Aínda é cedo para sabelo. Porén, científicos como Cremades traballan arreo para caracterizar os espazos que xa ocupa R. okamurae, deseñar estratexias que axuden a identificala dun xeito máis doado e, o máis importante, estudar se existe algún modo de predicir a súa chegada, de xeito que se poida evitar o seu asentamento.
As zonas máis vulnerables, con tránsito marítimo
A alga parda asiática apareceu por primeira vez no Mediterráneo hai máis de dúas décadas, cando se detectou na lagoa francesa de Thau. Segundo moitos expertos, dita introdución asociouse no seu momento á importación de ostras procedentes dunha illa de Xapón. Porén, tal e como sinala Cremades, o tráfico marítimo tamén puido ser unha vía para que R. okamurae se adentrara en novos territorios: “Moitas veces os buques collen auga nuns lugares e bótana noutros, e nesa auga, no casco do barco, nos cabos… poden ir as algas tamén”. Ao chegar a un novo lugar, se as condicións son as adecuadas instálanse nel.
No caso de Galicia, a hipótese concorda cos lugares onde se atopou recentemente: “Unha cousa que nos chamou a atención é que a alga aparece case ao mesmo tempo en lugares moi afastados uns doutros, e todos eles vencellados ao tráfico marítimo, como a enseada da Coruña e o sur das Cíes”, apunta.
Segundo os resultados do traballo feito polos investigadores, no caso da Coruña a presenza da invasora era extremadamente abundante, “cubrindo localmente o 80-100% do substrato rochoso da enseada de San Amaro ata profundidades de 0 a 10 metros”. En Vigo é moito menos abundante, aínda que tamén se atoparon exemplares illados medrando no substatro rochoso baixo Praia América e pequenas cantidades desta alga á deriva. Ditas exploracións fixéronse a tan só dous quilómetros do porto deportivo.
Non é casualidade tampouco que a invasora ocupe espazos onde a influencia do ser humano é máis que notable: “Nestas rexións hai moita actividade, verteduras, movementos dos sedimentos… todo está moi alterado pola acción humana, e hai menos presenza de especies autóctonas”.
A temperatura, un factor fundamental
Tal e como lembra o investigador da UDC, a temperatura é un dos aspectos clave á hora de determinar a área de distribución das algas. No caso do norte da península, as augas son moito máis frías, cunhas mínimas invernais duns 11 graos en comparación cos 14 ºC do Estreito de Xibraltar. Porén, a temperatura da auga na rexión nativa de R. okamurae é aínda inferior, de 9,2 graos, o cal suxire que a temperatura podería non supoñer un impedimento para a que a invasora se asente en Galicia.
Con todo, para Cremades hai un fenómeno moito máis importante no que respecta ao mar galego, que podería manter a velocidade de expansión da alga asiática: a propia biodiversidade natural do litoral no norte: “Aquí temos un mar máis produtivo, con algas de maior tamaño, o cal dificulta que a invasora as poida ocultar”.
Ademais, o biólogo explica que esta especie apareceu cunha gran abundancia neste verán de 2024, mais nestes intres, coa chegada das temperaturas máis frías, semella non ter a mesma presenza e, de feito, nalgúns puntos desapareceu case por completo. Isto non significa que non estea: “Teñen o mesmo comportamento que algunhas plantas, que teñen un bulbo do cal sae unha flor en determinada época do ano para despois desaparecer”. A flor murcha e cae, pero o bulbo permanece baixo terra e, cando chega o momento, o ciclo repítese. “Son especies que mudan moito e, ao minguar en determinadas estacións, as especies autóctonas poden reconquistar o espazo perdido”.
Tentar ir máis aló
Para Cremades, este estudo é o primeiro paso para coñecer a situación da alga parda en Galicia, mais o obxectivo destes investigadores é moito máis ambicioso: “Non podemos quedar na capa superficial e contemplar como avanza e cales son os seus efectos nos ecosistemas, senón que pretendemos ver se existe algún modo para ter unha detección temperá e loitar dalgún xeito contra a súa chegada ou expansión descontrolada”.
O investigador lembra que, ata o de agora, todos os estudos sobre as implicacións da invasora nas especies autóctonas se fixeran no Mediterráneo e no Mar de Alborán. Porén, o mar de Galicia é dunha natureza distinta, moito máis semellante ao mar da Bretaña francesa e Irlanda. Neste sentido, as investigacións que fagan no norte da península poderán ser de gran axuda nestas rexións: “É unha cuestión de tempo que amplíe a súa distribución así que, todo o coñecemento que academos aquí poderá ser un aviso para Francia e para as illas Británicas, onde aínda non logrou introducirse”.
No caso das especies invasoras que amosan un comportamento agresivo, como R. okamurae, a mellor acción é a prevención, xa que unha vez se asenta nun territorio é practicamente imposible erradicar a súa presenza. Neste sentido, o biólogo subliña a importancia de adoptar un enfoque máis centrado en protexer o posible enfermo, e non loitar contra a enfermidade: “As alteracións dos hábitats son as que fomentan a introdución de novas especies, de xeito que paga a pena esforzarse por recuperar e rexenerar hábitats para evitar non só a presenza de invasoras, senón ter unha saúde xeral dos ecosistemas, que serán máis resilientes”.
Referencia: “Multiple introduction events expand the range of the invasive brown alga Rugulopteryx okamurae to northern Spain” (Publicado en Aquatic Botany)