A finais do 2015 as praias de Ceuta apareceron cubertas cun manto de algas de cor parda. Nada fóra da normalidade: ao principio identificáronse como as algas de sempre, que ás veces chegan coa arribazón á liña da marea. Pero foron aparecendo, día tras día, dun xeito masivo. Chegado o momento alguén dubidou, e decidiu contactar cunha experta en algas invasoras, que enviou unha mostra a Xapón. A análise molecular foi a sentencia para a costa de Ceuta: tratábase da Rugulopteryx okamurae, unha especie orixinaria do pacífico. Xa estaba aquí.
Dende entón ata agora, a R. okamurae, popularmente coñecida como alga asiática, non fixo máis que aumentar a súa área de influencia nas zonas costeiras: primeiro, en Ceuta, despois no Estreito de Xibraltar, o mediterráneo e ata o Atlántico. España foi o primeiro país onde presentou un carácter invasivo, desprazando ás comunidades de algas nativas e homoxeneizando a paisaxe submarina. Porén, xa supón un problema noutras rexións como Marrocos, Francia, as Illas Azores e a Portugal continental. Por onde pasa, arrasa: “O impacto ambiental que está a producir no leito mariño español non ten precedentes”, explica un informe do MITECO que avalía a estratexia para o seu control. Hai uns días a Xunta anunciaba a creación dun protocolo de actuación ante a posible chegada da invasora á costa galega: Posiblemente cheguemos tarde. Xa está presente nas rías de Vigo, da Coruña e, agora, tamén na de Arousa.
A orixe dun invitado inesperado
A primeira aparición da alga asiática no Mediterráneo remóntase a comezos de século: detectouse no 2002 na lagoa de Thau, en Francia. A súa introdución asóciase á importación de ostras dende unha illa no sur de Xapón e Corea para cultivalas nesta lagoa, a cal exercía como doante de poboacións que despois se transportaban o Atlántico e o Mediterráneo. Aínda que é a teoría máis avalada polos expertos, non é a única posible vía de entrada da alga orixinaria do Pacífico: dado o intenso tráfico comercial marítimo no Estreito de Xibraltar, a introdución da especie nos barcos é outra posibilidade, tendo en conta que a meirande parte das especies de macroalgas son capaces de adherirse aos cascos das embarcacións viaxando miles de quilómetros. O como non é importante nesta historia: esta historia trátase do que.
Non é a primeira macroalga invasora que chega a España. Antes que R. okamurae houbo otras especies foráneas, como Asparagopsis taxiformis, Lophocladia lallemandii ou a coñecida como “alga asasina”, Caulerpa taxifolia. Incluso a popular wakame (Undaria pinnatifida), empregada con fins alimentarios, chegou dende o Pacífico xa na década dos 80. Porén, a alga asiática “exhibe unha capacidade competitiva e de colonización extraordinaria, con un incremento de biomasa desmesurado e nada comparable respecto doutras invasións anteriores”. Ademais, a especie mostrou facilidade para adaptarse a contornas moi distintas, tanto en ecosistemas resilientes como en aqueles que xa están danados. Iso si, a súa capacidade para desprazar ás comunidades nativas é mais efectiva nas zonas máis antropizadas, é dicir, onde a acción do ser humano sobre o medio é mais evidente.
A expansión sen fin da alga asiática
No último mes deuse a coñecer que a alga asiática xa está presente en Galicia, en concreto nas Cíes e na ría de Vigo, de Arousa e da Coruña, onde se detectou hai tan só dous días. A súa aparición no norte peninsular non causou sorpresa á comunidade científica, dada a facilidade desta especie para adaptarse e atopar distintos nichos ecolóxicos: “Esta alga chegou ás Illas Azores en 2019, que están a 1.300 km da costa europea, e foi detectada tan só 4 anos en Xibraltar, ás portas do Atlántico. Isto ilustra a grande capacidade que ten de propagación”, explica Rafael Carballeira, doutor en Bioloxía pola UDC e investigador do departamento de Ecoloxía da Universidade de Valencia.
No caso de Galicia, a adaptación da alga ás condicións ambientais non será un problema, xa que compartimos o tipo de clima, a temperatura media das augas e ata o tipo de litoral, cheo de rochas, co país nipón: “Para ela é un ambiente moi propicio, no cal poderá medrar sen ningún problema”, subliña Carballeira. É a velutina do mar.
O propio informe do MITECO admite que, unha vez instalada nun territorio, é practicamente imposible erradicar a súa presenza: “Reprodúcese a unha velocidade moitísimo maior que a que nós podemos traballar para identificala e apartala do litoral”, engade o biólogo. A súa capacidade de expansión débese, de feito, ao método reprodutivo que emprega, baseado na formación de propágulos vexetativos e monosporas asexuais. Os propágulos son unha especie de xerme, unha parte da alga que é capaz de desenvolverse e dar lugar a un novo organismo idéntico ao orixinario. No caso da invasora, o xermolo é tan pequeno que non é posible diferencialo na auga.
O impacto nos ecosistemas
As consecuencias da aparición da alga asiática xa son visibles en moitos puntos do litoral español: amais dos impactos vencellados aos sectores turístico e pesqueiro, a expansión de R. okamurae está a provocar desaxuste ambiental sobre as comunidades de algas bentónicas nativas, “reflectido dun xeito inmediato nunha importantísima perda de biodiversidade e, ao longo prazo, nun cambio na estrutura e composición de especies”.
No 2019, un estudo centrouse en comparar a fauna de especies presentes nunha contorna coa presenza da invasora e, doutra banda, noutra rexión cunha maior abundancia da especie nativa máis semellante á asiática, Dictyota dichotoma. Os resultados revelaron grandes diferencias en canto á biodiversidade que son capaces de albergar ambas, sendo moito maior a da nativa malia a súa similitude morfolóxica coa alga asiática.
E iso non é todo: a invasora tamén estaría afectando á poboación de numerosos invertebrados, especialmente aqueles sésiles, é dicir, que viven suxeitos a unha superficie e sen mobilidade na súa etapa adulta: é o caso das esponxas e dos corais. A R. okamurae tamén é culpable do desprazamento dos ourizos. “En realidade, aínda non coñecemos ao 100% cal será o seu impacto sobre os distintos ecosistemas xa que leva moi pouco tempo con nós”, reflexiona o biólogo galego. O que si sabemos grazas á experiencia doutras comunidades como Andalucía, é que alá onde se implanta, deixa un leito mariño repleto case ao completo: “Entre a superficie e os 20 metros de profundidade a cobertura desta alga pode chegar a ser do 90-100%“, explican os expertos do MITECO. Cando aumenta a profundidade diminúe, pero non desaparece: ocupa ata o 30-40% dos substratos duros.
Que se pode facer?
A chegada da R. okamurae preocupa, e moito, ao sector pesqueiro e marisqueiro de Galicia, xa que estas macroalgas adoitan tapar por completo ao marisco asfixiándoo, ademais de afectar e moitas veces colapsar as artes de pesca. A invasora pode chegar coa arribazón ás praias enchéndoas dunha cantidade incrible de biomasa que hai que retirar, o cal xera, tamén, importantes gastos. “Dende logo que o impacto económico non se pode obviar, mais iso si: dende o punto de vista ambiental é unha catástrofe“, subliña Carballeira.
Investigadores galegos traballan arreo para paliar a chegada da invasora ao litoral: é o caso dos grupos BioCost, do CICA (Universidade da Coruña) e BioAplic, da USC, que dun xeito conxunto prepararon unha proposta de sistema de alerta temperá que espera que sexa recibida favorablemente por parte das autoridades.
Con todo, na actualidade non existe ningún método efectivo para erradicar a presenza da alga asiática, e a meirande parte das medidas expostas céntranse na prevención á súa chegada. As accións de ciencia cidadá, moi efectivas para outras especies exóticas como o mosquito tigre, tampouco semellan viables neste caso, xa que non é posible diferenciar á invasora doutras algas pardas autóctonas a simple vista.
“Polo de agora, todo indica que tocará convivir con ela”, admite o biólogo galego, quen aínda así, mantén a esperanza de que no futuro os científicos atopen unha maneira de lidar coa nova ameaza.