Así avanzan os incendios en Portugal: unha app permite seguir a evolución en tempo real

A aplicación de Pyro, baseada nos datos dos satélites MODIS e VIIR da NAS, visualiza os lumes activos de cada concello

Cinco días despois do inicio dos incendios masivos en Portugal, o balance segue a ser estremecedor: máis de 10.000 hectáreas queimadas, sete mortos e máis de 5.000 bombeiros traballando contra o lume. Varias estradas permanecen pechadas no país veciño, e nalgunha localidade a poboación vese obrigada a desprazarse para fuxir dos incendios máis próximos. O índice de calidade do aire empeora por momentos, e os avisos non deixan de aparecer nos móbiles dos cidadáns portugueses alertando dun novo foco preto de onde se atopan.

Manterse informado nun episodio coma este é crucial e, nese sentido, as aplicacións en tempo real poden ser unha axuda moi valiosa. É o caso do mapa Bseed Watch elaborado por Pyro, unha empresa especializada en extinción e prevención de lumes forestais. A páxina web permite rastrexar a cada momento os focos activos na península ibérica grazas ás imaxes e datos facilitados polos satélites MODIS e VIIRS, ambos da NASA.

Publicidade

Os incendios en Galicia

A aplicación permite consultar os puntos quentes de cada rexión, a hora á cal se iniciou o lume e o momento no que os satélites tomaron os datos. En Galicia, segundo o mapa actualizado de Pyro, hai activos unha serie de focos distribuídos polas provincias de Pontevedra, Ourense e Lugo: o máis virulento atópase no municipio ourensán de Barxa, con máis de 100 puntos quentes, a meirande parte deles activos dende hai dous días. En Castromil, tamén en Ourense a situación é máis estable dende hai máis de 48 horas; porén, aínda mantén máis de 40 puntos quentes segundo o mapa de Pyro e a superficie queimada estímase que xa chega aos 12 quilómetros cadrados.

Imaxe dos focos activos en Galicia e no norte de Portugal. Foto: Pyro.

Os outros focos activos, de menor tamaño, atópanse preto da Serra do Xistral, no concello da Cañiza, no Irixo e no municipio de Toques preto de Melide. Hai menos de 12 horas activouse un novo lume no municipio pontevedrés de Fornelos de Montes e, na madrugada de hoxe, outro en Guitiriz.

Publicidade

Información dos puntos quentes de cada icendio forestal. Foto: Pyro.

Con todo, en Galicia a principal preocupación nos vindeiros días non será ocasionada polos incendios forestais activos na comunidade, senón pola chegada masiva de fume froito dos incendios no territorio portugués.

Sobre os incendios forestais

No caso de detectar un lume forestal, podes chamar ao teléfono gratuíro 085. Se sospeitas dunha actividade delituosa incendiaria da que teñas sospeita ou coñecemento, podes chamar ao 900 812 085, tamén gratuíto e anónimo. Se queres información actualizada sobre os incendios forestais que acaden as 20 hectáreas podes consultala na conta @incendios085

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto galego crea ferramentas para detectar a sarcopenia a partir de imaxes radiolóxicas lumbares

Unha iniciativa do IIS Galicia Sur analiza datos clínicos con IA para extraer biomarcadores arredor dunha enfermidade ligada ao envellecemento e o sedentarismo

Do bloqueo anticiclónico ao aire norteafricano: por que Galicia supera os 38 graos ás portas do outono

O alivio térmico podería chegar a partir do venres pero non se prevén chuvias no que queda de setembro

Laura Castro, Premio Nacional de Investigación: “A eólica mariña podería facernos enerxeticamente independentes”

A catedrática da UDC participa tres proxectos sobre enerxías renovables e defende o potencial de Galicia para desenvolver sistemas flotantes no mar

Volven as G-Night: máis de 150 actividades científicas nas rúas das sete cidades galegas

Máis de 500 investigadores achegar experimentos, obradoiros e demostracións a públicos de todas as idades o 25 de setembro