Galicia vive unha semana de récord con mareas vivas históricas

Este xoves, as mareas vivas sacudirán as augas galegas a causa da aliñación de Terra, Lúa e Sol nun mesmo plano, con efectos maiores sobre a ría de Foz

Galicia é dende o luns un territorio cun mar revolucionado. As mareas vivas esténdese por toda a costa, con diferenzas perceptibles no territorio. Trátase dun fénomeno astronómico, pois coinciden cando Lúa, Sol e Terra están situados, máis ou menos, en liña recta. O satélite e a estrela exercen unha forza gravitacional sobre os océanos do planeta, pero a Lúa, máis cerca del, ten unha influencia maior. Así, cando están aliñados, fan que as forzas gravitacionais da Lúa e do Sol se sumen, aumentando a atracción dos océanos e a amplitude das mareas.

Así, este xoves será o día no que se percibirá con máis forza este fenómeno, mais non hai unha explicación concreta. Ten que coincidir o máximo gravitatorio do Sol e da Lúa, influíndo ademais a posición da Terra con respecto ao Sol. Como ocorre neste caso, o día máis forte pode coincidir coa segunda ou a terceira marea da lúa chea, como informan dende Meteogalicia.

Publicidade

Con todo, “isto xa está rematando”, explica un dos técnicos deste organismo, pois esta etapa da lúa produciuse na noite do mércores, e a partir de hoxe comezará a adoptar a súa forma minguante. Con todo, son mareas equinocciais, que se repiten dúas veces cada ano: en setembro e marzo. Aínda así, non sempre se producen coa mesma intensidade.

Fenómeno astronómico, pero tamén meteorolóxico

Esta semana, o factor que marca a diferenza é o perixeo, o punto máis próximo ao centro da Terra na órbita da Lúa. Polo tanto, a atracción gravitatoria aumenta, e a forza que exerce sobre o mar é máis forte do habitual. Así, provócanse estas mareas vivas máis elevadas.

Publicidade

Gráfico da altura das mareas vivas, con notorias oscilacións
Gráfico da altura das mareas vivas esta semana. Foto: Meteogalicia

Ademais do notorio compoñente astronómico deste fenómeno, que é máxima a causa da confluencia entre Sol, Terra e Lúa no mesmo plano, pode contar tamén cun factor meterolóxico: o nivel do mar. No caso actual, en Galicia hai unha situación de estabilidade sen borrascas próximas, o que favorece a falta de posibles consecuencias negativas.

Normalmente, xa que se producen con frecuencia, os litorais están deseñados para facer fronte ás posibles adversidades das mareas. Mais, con meteoroloxía adversa, pódense producir inundacións importantes. Un exemplo son os furacáns, que producen baixadas no mar moi profundas e subidas de nivel moi importantes, como ocorreu no Katrina. Dende Meteogalicia consideran que, “ás veces, o peor dos furacáns poden ser as mareas, máis que o vento ou a chuvia”.

Diferenzas no territorio

Aínda que as mareas vivas se perciben ao longo da costa galega, os diferentes puntos da xeografía están a vivir este fenómeno de xeitos diferentes. Entre os municipios galegos, Foz convértese no máis afectado, pois a preamar podería alcanzar unha altura de 4,6 metros ás 18 horas de hoxe, segundo datos de Meteogalicia.

Deste xeito, poderíase confirmar o xoves como “o día grande” destas mareas. En Vigo e Vilagarcía, nas Rías Baixas, as augas poderían chegar aos 4,2 metros de máxima. Mentres que, na Guarda, a maior altura chegará pola tarde, con 3,8 metros, unha das cifras máis baixas.

No norte do territorio, na tarde de Corcubión, a preamar acadará os 4,3 metros. En Ferrol prevense 4,4 metros de altura. E en Muros e Ribera ocorrerá un fenómeno semellante, con 4,3 e 4,4 metros, respectivamente. Con todo, a partir do venres as mareas volverán ao seu cauce. 

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ata 44 toneladas de metano ao ano: así deixa a súa pegada o gas no fondo da ría de Vigo

Un novo estudo revela que este composto pode achegar un terzo do carbono presente nas cunchas de microorganismos bentónicos

A USC deseña un sistema pioneiro de monitorización da humidade en cultivos de mosca soldado negra

O proxecto desenvolve un modelo que permita aumentar a produción de proteínas, graxas e fertilizante de forma máis eficiente e sostible

Científicos galegos lideran o primeiro estudo español para predicir risco personalizado de cancro de mama

O proxecto MamoRisk recabará datos de 10.000 mulleres seleccionadas aleatoriamente entre participantes nos programas de cribado de 14 comunidades autónomas

Que é o verme soldado? A gran praga que ameaza os cultivos de millo en Galicia

A Consellería do Medio Rural advirte a agricultores e gandeiros sobre o risco das plantacións en concellos como Mazaricos e A Baña