Martes 8 Outubro 2024

Así afecta ao corpo humano a exposición ao fume dos incendios

O transporte masivo de partículas tóxicas activa en Galicia alertas pola mala calidade do aire nos concellos de Vigo e de Cee

Non hai nada máis necesario para o corpo humano que o aire que respiramos. Cada vez que enchemos os pulmóns, iníciase unha cadea complexísima de accións e reaccións no organismo que permiten nada menos que que sigamos vivos. Pouca cousa. Por iso, a calidade do aire é tan importante para a nosa saúde, e son moitos os estudos que vencellan un envellecemento máis rápido, o desenvolvemento de enfermidades respiratorias e cardiovasculares e ata un maior risco de sufrir un ictus coa mala calidade no aire. Xa no 2022, a ONU estimaba que o 99% da poboación mundial respira aire contaminado. Con todo, hai eventos ou episodios que poden empeorar esta situación: é o caso dos incendios forestais, onde se liberan unha chea de substancias e partículas químicas que son transportadas polo vento.

O Sistema de Vixilancia Atmosférica Copernicus Sentinel alertaba no día de onte da chegada dun transporte masivo de fume nos vindeiros días cara o norte da península, que terá unha influencia especialmente notable en Galicia. Cales poderían ser os seus efectos sobre a saúde humana, e que se pode facer para evitar na medida do posible a súa exposición tóxica?

Publicidade

A composición do fume

Segundo o Centro para o Control e a Prevención das Enfermidades (CDC), “ata unha persoa sa pode enfermar se hai unha cantidade suficiente de fume no aire“. A exposición ás partículas do fume pode ter consecuencias inmediatas como a tose, a dificultade para respirar con normalidade, ardor e irritación nos ollos e na gorxa, dor de peito e de cabeza, latidos cardíacos acelerados… Porén, os seus efectos poden ser moito maiores e deixar secuelas na vista e no aparato respiratorio, amais de agravar outras enfermidades. Por suposto, e como con todo, hai grupos de maior risco: os nosos anciáns, as mulleres embarazadas, os nenos e as persoas con afeccións prexistentes son máis susceptibles de verse afectados. Con todo, ninguén pode vivir sen aire, co cal toda a poboación está exposta aos síntomas orixinados pola exposición ao fume.

Concentración de monóxido de carbono na atmósfera na tarde do venres. Foto: Aplicación meteorolóxica Windy.

Os factores a ter en conta

A gravidade e os danos potenciais dependen de distintos factores, comezando pola distancia á que se atope o incendio, o tempo e cantidade de exposición ao fume e ata ás características daquilo que arde: nos incendios forestais non só temos o fume procedente das árbores, senón que todo o que se atope minimamente cerca — casas, coches, plásticos — pode botar ao aire partículas potencialmente tóxicas. A composición química de cada incendio é distinto, o cal tamén dificulta a avaliación dos riscos dun xeito xeneralizado.

Publicidade

O impacto da contaminación presente no aire na saúde coñécese dende hai moito. Porén, non son moitos os estudos que avalían as consecuencias no longo prazo dos incendios forestais e do fume, en parte pola dificultade que supón diferenciar os efectos da contaminación atmosférica, constante, do impacto específico do fume dos incendios forestais, moito máis puntuais.

Cantidade de partículas de aerosois presentes na atmósfera na tarde do venres. Foto: Aplicación meteorolóxica Windy.

Impactos na saúde

Segundo o coñecemento científico acadado ata o de agora, a exposición ao fume pode danar e desbordar a función dos macrófagos, as células dos pulmóns encargadas de eliminar as partículas tóxicas e limpar o sistema. Outro dos riscos amplamente descrito é a maior susceptibilidade ás infeccións respiratorias, algo que se constata tendo en conta o aumento nos casos de gripe despois dunha tempada con moitos incendios activos. No 2017, un estudo realizado no estado de Montana, nos EEUU, propúxose analizar a saúde dos habitantes de Seeley Lake, que estiveron expostos a perigosos niveis de concentración de partículas de fume durante uns incendios forestais que duraron 49 xornadas. Os resultados amosaron unha diminución xeneraliza na función pulmonar de todos os cidadáns.

E o dano non sempre ocorre nas rexións do corpo máis obvias: o fume tamén afecta ao cerebro, e ata ao esperma.

Malia que o cerebro estea moi ben protexido grazas á barreira hematoencefálica, existen tres vías polas cales os contaminantes e tóxicos do fume poderían chegar a el: a través do sangue osixenado desde os pulmóns, polo tracto olfativo ou como consecuencia dunha resposta inflamatoria nos pulmóns. Unha vez chegan poden causar diferentes tipos de secuelas, ou ben danando ou ben matando directamente ás neuronas. As investigacións feitas ata o momento suxiren que é probable que se produzan secuelas a longo prazo na capacidade neurolóxica, e que a exposición ao fume dos incendios pode aumentar o risco de padecer demencias e outras enfermidades dexenerativas do cerebro.

Como protexernos

Unha vez xorde un incendio forestal e o seu consecuente fume, hai unha serie de pautas que podemos seguir para tentar minimizar o seu impacto na nosa saúde.

  • Atende ás mensaxes emitidas polas autoridades competentes de saúde pública.
  • Presta tamén atención aos índices de calidade do aire.
  • Evita na medida do posible estar ao aire libre.
  • Mantén o interior do teu fogar tan limpo como sexa posible, coas portas e as xanelas pechadas.
  • Se a concentración de fume é moi alta, tenta non acender ningún dispositivo que queime, como por exemplo unha cheminea ou lareira.
  • Non pase a aspiradora, xa que isto movería aínda máis as partículas que xa se atopen dentro do fogar.
  • Se é fumador, evite na medida do posible facelo, xa que isto tamén aumenta a contaminación presente no aire.
  • Para protexer os pulmóns pode empregar unha máscara N95. As outras máscaras non protexen fronte as partículas do fume dos incendios, moito máis pequenas.

Podes consultar o índice de calidade do aire de Galicia na páxina web de MeteoGalicia. Nos vindeiros días, a calidade do aire será mala nas zonas de Cee e Vigo.

Previsión da calidade do aire en Galicia para o día 19 de setembro. Foto: MeteoGalicia

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha exposición honra o Matemático Rodríguez, o primeiro científico galego internacional

A mostra, que recolle a vida e traxectoria do Científico galego deste 2024, poderá visitarse na igrexa da Universidade de Santiago ata o 12 de novembro

Foz, Cacheira ou Estebiño: estes son os apelidos en perigo de extinción en Galicia

O proxecto da USC coordinado por Ana Boullón e Xulio Sousa establece cales son os sobrenomes con orixe galega con menos ocorrencias

Galicia enteira activa a alerta laranxa ante chegada do exfuracán Kirk: como afectará?

A potente borrasca atravesará a comunidade activando avisos nas catro provincias; agárdanse importantes acumulacións de auga e fortes temporais no litoral con olas de ata sete metros

Matemáticos galegos empregan algoritmos para analizar a recorrencia dos incendios

Un proxecto do CITMAga procura mellorar a xestión dos labores de extinción nos lumes grazas ao emprego de mapas de calor e de risco