Un mapa interactivo xeolocaliza os lugares que inspiraron as 69 cantigas de romaría

A ferramenta creada na USC permite acceder a textos orixinais, datos históricos e fotografías actuais dos espazos relixiosos

Imaxina un mapa interactivo onde poidas consultar (e xeolocalizar) información sobre as 69 cantigas de romaría ou de santuario que se conservan. Grazas a un proxecto de colaboración entre a Universidade de Santiago (USC) e a Universidade de Carolina do Leste, en Estados Unidos, xa non fai falla que o recrees na túa mente: o mapa xa é unha realidade. A iniciativa Cantigas de Romaría combina as novas tecnoloxías co estudo destas pezas medievais, catalogadas como un suxénero das de amigo, que compoñen o maior corpus de poesía en voz feminina da Idade Media europea.

As cantigas de romaría remiten a igrexas, capelas e ermidas, evocando un pasado festivo vinculado á devoción relixiosa, como segue a acontecer nas romarías e festas patronais de hoxe. As localizacións referidas nas cantigas de romaría, conservadas principalmente no Pergamiño Vindel e nos cancioneiros da Biblioteca Nacional de Portugal e da Biblioteca Vaticana, levan décadas sendo obxecto de debate.

Publicidade

Referencia

A nova plataforma dixital, froito dunha colaboración de Humanidades Dixitais entre a USC e a universidade estadounidense, pretende servir de referencia no campo de estudos deste corpus; ademais, permitirá explorar mapas interactivos, textos orixinais, datos históricos e fotografías actuais dos lugares mencionados nestes poemas, ampliando a comprensión do patrimonio cultural ibérico.

Dirixido a estudantes, docentes e persoas investigadoras e interesadas no patrimonio cultural ibérico, o novo recurso electrónico busca ampliar o acceso a este legado, situando a lírica medieval nun contexto global grazas a un recurso multilingüe, en galego, castelán e inglés. A localización dos lugares sagrados mencionados nos textos e as fotografías dos mesmos pretenden achegar os espazos reais daquela ‘poesía de santuario’, coa intención de que se poidan visitar e observar a transcendencia de sitios que gozaron dun recoñecemento colectivo. Co paso do tempo, nalgúns casos conservárono a través dos séculos e noutros perdérono, para ser só identificados a nivel local e para caer, en ocasións, no esquecemento e no abandono.

Publicidade

Lírica Galego-Portuguesa

A plataforma dixital foi creada no marco do proxecto Lírica Galego-Portuguesa do Centro Ramón Piñeiro para ser unha ferramenta que promova a aprendizaxe da lírica trobadoresca desde perspectivas de estudo complementarias, unha referencia no campo de estudos da poesía de romaría e unha entrada ao coñecemento do patrimonio galego para novas audiencias. Ademais, aspira tamén a preservar e difundir o patrimonio cultural (material e inmaterial) de Galicia, ao permitir que tanto especialistas como público en xeral participen do coñecemento das cantigas seleccionadas dunha maneira que sería difícil acadar mediante medios tradicionais.

Na plataforma atópanse os textos e autores das cantigas de romaría; táboas cos íncipits dos poemas e as súas localizacións nos manuscritos, vinculados á Base de Datos da Lírica Profana Galego-Portuguesa MedDB; mapas interactivos e fotografías orixinais dos lugares mencionados nas composicións; e unha bibliografía de referencia para quen desexe afondar no coñecemento das cantigas de romaría.


Podes acceder ao mapa premendo nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CiQUS, na elite da ciencia co selo María de Maeztu: “É un recoñecemento ao traballo dos últimos anos”

O investimento previsto para o centro da USC impulsará a captación de talento, a creación de novas infraestruturas e liñas de investigación

Un estudo galego explora o uso de virus para combater as infeccións de ouriña resistentes aos antibióticos

Un estudo liderado dende Galicia analiza un dos patóxenos que máis preocupa nos hospitais e reforza o potencial dos bacteriófagos

O xenoma do anisakis permite desenvolver unha nova ferramenta para o control do parasito

Un estudo con participación galega senta as bases para mellorar os programas de vixilancia e contribuír a un consumo de peixe máis seguro

Atopados os restos óseos dun individuo durante a escavación da foxa de Beira, en Carral

Un equipo da USC busca espazos de violencia franquista na parroquia coruñesa, onde foron enterradas entre agosto e setembro de 1936 un mínimo de 18 vítimas na contorna da igrexa