De que morren os galegos? Estas foron as principais causas de falecementos en 2024

As enfermidades circulatorias e os tumores provocaron o 52% de todos os falecementos rexistrados no país o ano pasado

A principal causa de morte dos galegos en 2024 foron as enfermidades do sistema circulatorio, que causaron 8.956 falecementos, un 1,9% máis que o ano anterior. A segunda foron os tumores, con 8.234 decesos rexistrados, un 2,3% menos que en 2023. Estes son os datos que se extraen da última actualización do Instituto Nacional de Estatística (INE), que acaba de publicar os datos provisionais —os definitivos sairán a finais de ano— de defuncións por causa de morte en 2024.

Galicia rexistrou o ano pasado 32.725 decesos —o 52% causados por enfermidades circulatorias e tumores— por diversos motivos que analizamos a continuación para tratar se resolver a gran dúbida: de que morren os galegos?

Publicidade

Enfermidades cardiovasculares

En 2024, o maior número de mortes rexistrado en Galicia debeuse ás enfermidades cardiovasculares. Dentro deste grupo de doenzas, a insuficiencia cardíaca foi a que causou un maior número de decesos, acadando os 1.688. A franxa de idade máis afectada foi a de 90 a 94 anos, con 555 mortes. Salienta especialmente o número de mulleres —que adoitan ter unha maior esperanza de vida— falecidas (360) fronte ao de homes (195).

As outras doenzas cardiovasculares que causaron máis mortes foron as de tipo cerebrovascular —como o ictus—, con 1.680 casos rexistrados; e as hipertensivas, con 1.053 decesos. Tamén hai un apartado de enfermidades non clasificadas baixo o título “outras”, pero consideradas de tipo cardiovascular, que contabilizou 2.175 falecementos.

Publicidade

Se se analizan os datos de 1980 ata 2023 —as únicas series completas dispoñibles no INE— pódese comprobar como as mortes por doenzas cardiovasculares marcan unha tendencia descendente neses 43 anos. Ocorre o contrario cos falecementos por tumores, que van en aumento. Ambas as dúas liñas que marcan a evolución destes dous grupos de enfermidades están preto de xuntarse.

Tumores

A segunda causa de morte en Galicia en 2024 foron os tumores, con 8.234 casos, dos que o 59% se notificaron en homes. Os tipos de cancro que causaron máis falecementos foron o de pulmón (1.610), o de colon (725), o de páncreas (581), o de próstata (484) e o de mama (453). A diferenza de mortalidade entre homes e mulleres é especialmente salientable no primeiro caso, con 1.189 decesos por cancro de pulmón neles fronte aos 421 nelas. Isto débese, principalmente, a que as mulleres de incorporaron máis tardiamente ao hábito de fumar.

En canto ao sexo, a franxa de idade máis afectada varía en función do tipo de tumor, pero o maior número de mortes adóitase rexistrar a partir dos pacientes con máis de 70 anos.

Outras causas

Con 3.908 mortes, as enfermidades respiratorias son as terceiras que causaron un maior número de mortes en Galicia en 2024. As doenzas crónicas das vías respiratorias, como podería ser a EPOC, rexistraron 773 decesos, sobre todo en homes (527). A pneumonía foi a segunda deste tipo en notificar o maior número de falecementos, con 702, sobre todo nos maiores de 85 anos. A terceira enfermidade respiratoria que causou máis mortes en 2024 en Galicia foi a gripe, con 143 casos. A maioría deles tamén se rexistraron nos grupos de máis idade.

O cuarto grupo de enfermidades que causou máis mortes en 2024 en Galicia foron os trastornos mentais e do comportamento cun total de 3.002 falecementos. Os que máis casos rexistraron foron os mentais, senís e presenís, con 2.939 decesos. Os debidos ao uso de alcohol están en segundo lugar, con 19 mortes.

As enfermidades de tipo nervioso son as quintas que rexistraron máis decesos, con 1.811 casos. Entre todas elas, a que máis falecementos notificou foi o alzhéimer, con 710. O 69,8% foron en mulleres. O maior número de mortes rexistrouse a partir dos 80 anos.

As causas externas: dende caídas a accidentes de tráfico

As causas externas de mortalidade, como as caídas e os accidentes de tráfico, deixaron 1.419 falecementos en Galicia o ano pasado. O 59,7% deles producíronse en homes. Dentro deste grupo, o que máis número de mortes rexistra son as caídas accidentais, con 604 casos: 278 homes e 326 en mulleres. A meirande parte dos decesos por esta causa notifícanse en maiores de 75 anos, aínda que hai casos en todas as idades.

O suicidio e as lesións autoinfrinxidas están segundas na lista, con 291 decesos, maioritariamente en homes (203 fronte aos 88 das mulleres). O maior número de casos dáse na franxa dos 45 aos 49 anos. Séguena os accidentes de tráfico (123) nos que perderon a vida 96 varóns fronte a 27 mulleres.

E por provincias?

Amais de analizar as causas de morte, o informe estatístico debulla os datos por provincias. Por exemplo, A Coruña rexistrou 13.194 falecementos en 2024. A principal causa, que coincide co total de Galicia, foron as enfermidades do sistema circulatorio (3.700) seguidas dos tumores (3.375).

O escenario, aínda que con diferentes cifras, mantense en Lugo, que rexistrou 4.912 decesos. A principal causa volven ser as de tipo circulatorio (1.450) fronte ao cancro (1.080). En Ourense acontece o mesmo, con 4.703 falecementos cuxas principais causas foron as doenzas circulatorias (1.293) e os tumores (1.095).

Pontevedra é a provincia que rompe a tendencia das tres anteriores. Con 9.916 mortes, o cancro é a principal causa, ao notificar 2.684 falecementos. Moi preto están as enfermidades circulatorias, con 2.513 casos.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

1 comentario

  1. Bos días Laura é tamén a Galiciencia. Laura me resulta pra min moi interesante o teu traballo de investigación. Grazas. Saúdos

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As consecuencias das chuvias torrenciais sobre Ourense

MeteoGalicia rexistra 5.990 raios nas últimas 24 horas e un máximo de vento de 71,6 km/h en Viana do Bolo, un dos concellos máis afectados

Un potente anticiclón chega a Galicia: estamos ante a primeira onda de calor do ano?

As temperaturas poderán ser as máis altas rexistradas para esta época do ano entre finais da semana e comezos da próxima

Dos ventos do sur aos eucaliptos vellos: os factores tras o primeiro grande incendio da tempada en Galicia

A combinación de factores no lume de Herbón-Padrón, con 350 hectáreas queimadas, confirma unha mudanza nos patróns de propagación

Crista subtropical sobre Galicia: os modelos europeos anticipan temperaturas extremas

A chegada dunha masa de aire cálida traerá unhas anomalías positivas de 6ºC no litoral galego e ata 10ºC no interior