Notar a presión do tempo. Todo ten que estar milimetrado: a salsa, complementada con algo de pementa negra e de noz moscada está case preparada. O reloxo xa marca o minuto exacto. O grao de cocción é o correcto. Toca escorrer. Satisfacción e alivio. Os teus spaghettis de universitario xa están listos.
Pode que moitos non sexan os maiores cociñitas da casa, pero si notan algo de tranquilidade ou de orgullo cando rematan de facer as comidas. Ou pode que, sinxelamente, teñan interese polo mundo hostaleiro. Non é tan raro: a súa actividade é un dos motores económicos do país e representa un 6,7% do PIB segundo a Confederación Empresarial de Hostalaría de España (CEHE).
Tanto para estar nos fogóns ou xestionando unha empresa hostaleira, os camiños levan ao Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG), un dos máis importantes centros de estudos do seu ámbito en toda Europa. A institución, que celebra dúas xornadas de portas abertas durante o sábado 28 de xuño e o 5 de xullo, busca atraer a aqueles mozos que lles guste o sector. Especialmente, daqueles interesados no seu grao, centrado na formación de directivos hostaleiros e con dous especializacións: de gastronomía e de hoteleiro.
Inserción laboral de máis do 90%
O grao está organizado de forma moi práctica, xa que para o seu remate os alumnos acadan ata 15 meses de experiencia en empresas de todo o mundo. E esa é outra das súas claves: a mobilidade. O CSHG ofrece a posibilidade de viaxar a distintos países, coñecer distintas empresas e ter unha bagaxe importante.
A inserción laboral deste grao supera o 90% e é unha das mellores opcións en canto a saídas profesionais. Desde o centro explican que a necesidade de persoal no sector aumentou nos últimos anos. Especialmente, tras a covid. Temporalmente, provocou un descenso de demanda no mercado de traballo de perfís turísticos. Agora, o seu rexurdimento é máis forte ca nunca. Porén, para traballar no sector precisa de certo grao de vocación. “Ten que gustarche, ten que encaixar, pero o abanico de posibilidades que ofrece é moi grande”, explica José Paz, director do CSHG.
Xornada de portas abertas
Moitos dos galegos pasan uns anos fóra, ás veces en grandes cadeas, collendo experiencia. Logo, a maioría volve para comezar un proxecto pola súa conta ou, tamén, para incorporarse a algunha empresa do sector galego. “As posibilidades de traballo son moi amplas”, sinala o director do centro. Tamén destaca que a especialización dos últimos anos tamén axuda a ter moitas máis opcións de traballo, con departamentos de calidade, de revenue management e de sustentabilidade, por exemplo.

Aquelas persoas con interese poderán visitar as instalacións nas xornadas de portas abertas que se desenvolven de 11:00 a 13:00 horas o próximo 28 de xuño e 5 de xullo. Con todo, desde o centro favorecen que calquera persoa poida visitar as instalacións noutros días da semana, adaptando os seus horarios. Os visitantes estarán acompañados polo persoal do CSHG e percorreran as aulas, o simulador de restaurante e hotel e a residencia estudantil. Tamén recibirán información sobre as titulacións, as prácticas e as estadías de cada curso en hoteis, os requisitos, prezos e posibles bolsas de estudo. “Se che gusta este mundo, viaxar, coñecer outros sitios… o centro ofrece as mellores posibilidades a nivel nacional e posiblemente de Europa”, destaca Paz.
Bolsas da Xunta
Para promover o acceso a este centro, a Xunta ofrece bolsas. A maioría delas (31), para o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras. Hai de tres tipos e inclúen distintos beneficios. Unha das máis importantes supón o pago do 80% da matrícula, reducindo os custos a 800€. 18 bolsas terán unha rebaixa do 50% do prezo da matrícula. Porén, a parte máis importante destas bolsas é que supón o financiamento da residencia do CSHG nun cuarto compartido con réxime de pensión completa, de luns a venres, durante todo o curso académico. Esta está valorada en 3.138,28€.
As bolsas poderán outorgarse tanto aos alumnos de nova incorporación como para aqueles que obtivesen a axuda en cursos anteriores, baixo as mesmas condicións. Entre os requisitos, acreditar que na proba de acceso á universidade acadou máis dun 5 ou, no caso de algunhas bolsas, ter determinados niveis de renda.

Tamén haberá seis bolseiros para aqueles que fagan o Curso Superior de Chef de Cociña e Pastelería e outro tipo de axudas. Por exemplo, a pesar de que o centro ten subscritos acordos con cadeas hoteleiras para ter aloxamento gratuíto nas súas estancias e inclúe exencións no prezo da matrícula, a Xunta ofrece cada ano un apoio económico a aqueles residentes no estranxeiro.
Para o director do centro, estas axudas son “un éxito”. “Que máis da metade dos alumnos teñan algún tipo de exención ou bolsa é importantísimo”, segundo Paz, para que todos os estudantes brillantes “e sen importar a súa renda” poidan realizar os estudos. Desde o centro aspiran a encher un ano máis a promoción. Algúns dos seus casos de éxito son Diego de Ponga, director da cadea Port Hoteis ou Inês Ruivo, a directora xeral máis nova no Intercontinental Hotels Group (IHG).
Un sector en auxe
O sector turístico galego está a vivir o seu mellor momento da súa historia en termos económicos. O ano pasado a comunidade acadou os 8 millóns de turistas. Este último abril foi o récord histórico en canto a número de noites que pasaron os viaxeiros internacionais: 171.224, segundo o INE. A rendibilidade económica hoteleira tamén creceu un 6,7% no último ano, segundo a Xunta.















É un centro universitario? A titulación ten recoñecxemento oficial?