Rúas baleiras, centros de ocio pechados e, por desgraza, millóns de falecidos. Hai cinco anos, a pandemia da covid-19 cuestionou todos os protocolos de actuación e puxo no límite a un sistema que tiña que enfrontarse a un inimigo descoñecido. Hoxe, os expertos traballan en tratar de mellorar os protocolos e, sobre todo, evitar chegar a un escenario coma o de 2020. Entre eses expertos está a doutora María Eugenia Puentes. A exdirectora de I+D en CZ Vaccine en Biofabri foi nomeada o pasado mércores 2 de abril académica numeraria da Real Academia de Farmacia de Galicia (RAFG). A científica ten claro que debemos prepararnos ante a posible chegada do que chaman a enfermidade X.
–Que é a enfermidade X?
–A enfermidade X é toda aquela enfermidade que se descoñece. A covid foi unha enfermidade X, por exemplo. Representa todo o que descoñecemos. É unha enfermidade nova, da que saberemos moi pouco cando apareza por primeira vez, que pode ou non ser mortal ou moi contaxiosa. A enfermidade X pode chegar a ser unha ameaza para a nosa forma de vida.
–Hai algún tipo de patoloxía máis probable de converterse nesa enfermidade X?
–Despois da epidemia do ébola, a OMS comezou a traballar cunha lista prioritaria de patóxenos. Xa no seu momento considerouse que a ameaza que podamos ter para unha futura pandemia son os virus. Sobre todo os virus ARN, porque teñen unha alta taxa de mutación. Por poñer un exemplo, o virus da gripe ou o coronavirus. Tamén estableceron prioritarias as enfermidades emerxentes e enfermidades como o virus ébola ou o virus Marburg, dos que non tiñamos nin reactivos de diagnóstico nin tratamentos nin vacinas, e que tiñan unha alta taxa de mortalidade.
Máis adiante, o que se fixo foi incluír dous virus ARN que se transmiten por vectores (por mosquitos). Nese momento foi cando se deron conta de que, ante o número tan elevado de virus descoñecidos que existen na natureza, había que establecer unha estratexia para desenvolver medidas que incluísen múltiples ameazas á vez, que fose por familias de virus.
“O obxectivo que se pon agora é que un gromo se aborte aos 100 días desde que teña lugar”
–A chamada ‘misión 100 días’ fala de crear prototipos de vacinas para patóxenos representativos. De cantos prototipos poderíamos estar a falar?
–Os virus que infectan aos humanos proceden de 25 familias. Entón o que se está considerando é que se desenvolvan estratexias que poidan ser válidas para un prototipo de patóxenos de cada unha delas. En principio, establecéronse como prioritarias dez familias. O que é imposible é ir contra todas as ameazas á vez. Pero, por poder avanzar dentro de múltiples ameazas dentro dun único prototipo vacinal, estase a falar do concepto de familias virais.
–Que impacto tivo a actuación mundial fronte a covid á hora de afrontar estes novos desafíos epidemiolóxicos?
–Hai diversos factores que influíron na rapidez. Entre eles o contexto da pandemia. A alta presión política que houbo. Iso levou a un forte investimento e a dar prioridade e recursos humanos para dedicarse á procura de vacinas, reactivos de diagnósticos e tratamentos desta enfermidade. Esta prioridade tamén fixo que parasen outros proxectos de investigación. Logo, tamén no caso da covid, o forte financiamento que houbo. Como exemplo, nun ano para o desenvolvemento da covid investiuse como mil veces máis cartos que o que se dedica para a investigación para a tuberculose.
A nivel de avances científicos e o que sen dúbida beneficiou á covid é o concepto que se aplica agora: ver todo o coñecemento previo que había no deseño de vacinas fronte a outros membros da familia do coronavirus e a experiencia de anos nestas plataformas vacinais de resposta rápida, que permite, unha vez coñecida a secuencia xenética, adaptar unha vacina ao novo patóxeno.
–A cuestión é, entón, que estean xa preautorizadas?
–Claro, realmente o obxectivo que se pon agora a Coalición para as Innovacións en Preparación para Epidemias (CEPI) é que un gromo se aborte aos 100 días desde que teña lugar. O que é importante é que se avance moito no desenvolvemento destes prototipos de vacinas representativas de múltiples familias virais. E o dito, ter unha plataforma tecnolóxica de resposta rápida.
Isto, o que ten todo o mundo claro, é que o seu desenvolvemento ten que chegar a polo menos probarse a súa seguridade e eficacia en ensaios clínicos. Para aproveitar toda esa información que se xera de fabricación, de preclínica, de toxicoloxía, de biodistribución, de distribución da dose… Así, poderase deseñar a vacina para o novo patóxeno e ter garantía de que xa se pode ir a un ensaio fase 3 na poboación máis vulnerable. Poder atallar un brote dunha epidemia podendo ter unha vacina segura e eficaz en 100 días para poder actuar sobre a poboación máis en risco.
–Cal é a media de tempo que se tarda en crear unha vacina tradicional?
–Uns 15 anos. Nós comezamos a traballar na vacina da tuberculose no 2010, estamos no 2025 e estamos a avanzar a fase 3 en nenos e iniciando a fase 3 en adultos.
“Nós comezamos a traballar na vacina da tuberculose en 2010; estamos no 2025 e imos na fase 3”
–A misión 100 días tamén fala de mellorar ese proceso de fabricación. Como se busca mellorar a eficacia de fabricación desas vacinas?
–O obxectivo é que neses 100 días póidase dispoñer de vacinas para actuar sobre esa poboación. Unha vez que se consiga a autorización, xa sería continuar co ensaio fase 3. Logo, ir facendo toda a transferencia tecnolóxica da fabricación para poder producir gran cantidade de vacina. O que se está facendo é ter unha rede de plantas en fabricación que están activas e que están a traballar nesas plataformas de resposta rápida. O que se pretende durante esta fase prepandemia é o desenvolvemento de métodos de produción que sexan rápidos e que ademais sexan rápido de transferir.
–Como podería mellorarse esa transferencia?
–Por exemplo traballando moito a subministración de materiais. Tamén ter certa harmonización entre as instalacións… Que todo estea pensado para facilitar a transferencia de tecnoloxía. Hai que traballar en protocolos que permitan de forma rápida a produción da vacina deseñada.
–En que consistiría o concepto “Unha soa Saúde”?
–A maior parte das enfermidades ten unha orixe zoonótica, procede de animais. Ou iso, ou son transmitidos por vectores, por mosquitos. O que contén o concepto dunha saúde única é que nesta vixilancia epidemiolóxica non só se teña en conta a saúde humana, senón tamén a animal, o medio ambiente e como interactúan. Todo para poder detectar canto antes o risco dun patóxeno potencialmente pandémico.
Cada vez, con máis frecuencia, están a aparecer brotes de enfermidades emerxentes. Isto é motivado en parte porque hai unha poboación crecente, unha gran mobilidade e expansión das redes de viaxes e comercio, ademais de que o ser humano invade o hábitat dos animais salvaxes, está o cambio climático, a deforestación… E tamén hai unha expansión de enfermidades producidas por mosquitos. Cantas noticias temos de enfermidades producidas por mosquitos en Barcelona ou o sur de Andalucía?
“O noso plan non funciona se non existe un compromiso a nivel mundial”
–Sería tamén importante entón aumentar ou investimento na saúde animal?
–O que eles están a considerar é ter unha rede de vixilancia robusta que inclúa ese concepto de ‘One Health’, a nivel mundial. Para así poder detectar esa rede temperá. Por suposto, tamén é importante a parte de saúde animal, agora mesmo vese coa gripe aviaria, por exemplo.
–Entendo que é necesaria unha gran cooperación a nivel internacional entre administracións.
–É fundamental. O plan non funciona se non existe ese compromiso a nivel mundial. Ademais non só inclúe a países ricos senón tamén con ingresos medios e baixos. Hai o compromiso entre todos os países que forman parte da G7 e do G20. A estratexia que se expón forma parte dos plans estratéxicos dalgúns gobernos como en Xapón ou en Europa. Se non existe ese compromiso, isto non ten sentido.
–Cre que hai ese compromiso a nivel mundial?
–No caso de Europa, nós formamos parte dunha rede de fabricantes e, doutra banda, dentro dos plans de financiamento europeo participamos nun proxecto para o desenvolvemento de vacinas contra a enfermidade de Malburg baseados en vectores virais con dúas plataformas.
–Por parte de Europa se que hai e os seus programas contemplan esta estratexia. E no resto do mundo?
–Xapón tamén, nos Estados Unidos non sei como está agora con esta situación, pero ata o momento estaba tamén.















A entrevista é interesantísima, pero o uso dos pronomes enclíticos no subxuntivo fai dano nos ollos! Falar de ciencia non é incompatible co coñecemento da lingua, por favor…