Dos sanandresiños ao construtivismo ruso: o universo estético e político de Díaz Pardo

O compostelán, que sempre fuxiu da etiqueta de artista, plasmou en Sargadelos o soño de crear un movemento de renovación asentado na tradición

“As cousas teñen máis valor no futuro se arrastran a tradición”. Son palabras de Isaac Díaz Pardo, protagonista este 2025 do Día das Artes Galegas. O mesmo día que se rendía tributo ao xenial e polifacético creador compostelán, a fábrica de Sargadelos na que plasmou o soño de crear un movemento galego que unise arte e industria saltaba á actualidade, unha vez máis, pola súa xestión.

“O espírito de Sargadelos supón a autenticidade. A autenticidade por riba da empresa concibida como unha asociación de intereses“, relataba Isaac Díaz Pardo, finado nos primeiros días de 2012, en entrevistas nas que, xa con enrugas na cara e canas no pelo, repasaba unha longa traxectoria que comezou nas casas baixas da rúa das Hortas e no obradoiro do seu pai, Camilo Díaz Baliño.

Publicidade

Logo de sobrevivir á guerra, onde o seu proxenitor foi asasinado, despois de permanecer agochado durante meses na casa dun familiar no centro da Coruña, Díaz Pardo consegue unha bolsa da Deputación da Coruña para estudar Belas Artes. “Como fomos os que perdimos, e facer arquitectura era unha cousa moi cara, tiven que facer unha moi barata que era Belas Artes”.

Do medo deses anos, Díaz Pardo labrou unha personalidade disciplinada que o levou a ser un artista e creador cunha alta produtividade. Non tardaría en acadar un éxito que, como el mesmo recoñecía, non era difícil para a xente de talento que quedara na España franquista porque “todos os que valían estaban fóra, no exilio”.

Publicidade

Bebendo da Galicia exiliada

Cando o réxime permitiu certa apertura transcorridos uns anos da fin da guerra, Díaz Pardo visita a Londres para entrar en contacto cos intelectuais galegos exiliados na capital inglesa. Esa viaxe transformaría a súa forma de ver a arte e o país. E serviría para una decisión crucial na vida do compostelán: aparcar a pintura para centrarse no deseño e produción de cerámica.

Díaz Pardo colle de novo a maleta para regresar de Madrid a Galicia e fundar en 1949 a fábrica de Cerámicas do Castro, no municipio coruñés de Sada. Alí investiu os cartos gañados como retratista para montar un pequeno obradoiro nos antigos garaxes do pazo familiar da súa dona, Carmen Arias. O resultado foi un éxito case que inmediato. En menos de tres anos, o taller superaba xa os cen traballadores e convertíase nunha referencia pola calidade e beleza das súas pezas, nas que Díaz Pardo plasmou o seu imaxinario de debuxante e pintor.

Díaz Pardo na fábrica de Sargadelos (Fundación Díaz Pardo)
Díaz Pardo na fábrica de Sargadelos (Fundación Díaz Pardo)

Malia todo, na cabeza de Díaz Pardo, O Castro non era máis que “un laboratorio”, a vía para achegarse á idea que roldaba a súa cabeza dende había tempo. Quería recuperar a fábrica de cerámica de Sargadelos, no concello mariñano de Cervo, logo de máis de cen anos pechada. “O que valorabamos de Sargadelos era o feito de ser un adiantado da planificación industrial en Galicia”. E para iso, analizou desde Sada os caolíns, a arxila branca que, xunto as gamas de cores azuis, caracteriza ás pezas de Sargadelos.

Emigrado en Arxentina

Pero antes de cumprir este soño, Díaz Pardo faría parada en Arxentina. O artista emigrou ao país austral, donde continuaría a súa carreira empresarial e achegaríase, como fixo en Londres, aos pensadores e creadores galegos que se vían obrigados a vivir fóra da súa terra. En concreto, quería mesturarse con tres: Rafael Dieste, Luis Seoane e Lorenzo. Para Díaz Pardo, “o grupo máis moderno de pensamento e máis conectado co que se estaba facendo no mundo e ao mesmo tempo cunha autenticidade grande de pensamento galego”.

Porque falar da produción artística de Díaz Pardo é falar tamén de política, da misión de evitar que Galicia, a súa historia e a súa personalidade caera no esquecemento dos escuros anos do franquismo. Con este obxectivo, funda xunto con Luis Seoane o Laboratorio de Formas, do que xurdiría tanto Sargadelos como o Museo Carlos Maside, Ediciós do Castro ou a recuperación do Seminario de Estudos Galegos Galegos.

O Laboratorio de Formas de Galicia tiña “un sentido de institución filosófica de deseño”, en palabras do propio Díaz Pardo, para traer ao presente os elementos patrimoniais tradicionais de Galicia e mesturalos cas correntes vangardistas europeas co obxectivo de crear un sistema de expresión propio. Das tallas de canterías ás inscricións de pórticos, petroglifos ou chapiteis para remexelas co rupturismo da Bauhaus. Da cerámica de Buño e o encaixe de Camariñas á Escola de Ulm. Das esculturas de pan de San Andrés de Teixido ás formas do construtivismo ruso xurdidas da Vjutemás comunista.

Este proceso foi detalladamente analizado polos deseñadores e profesores universitarios Marcos Dopico e Natalia Crecente e pode consultarse na páxina web da Asociación Galega de Deseño (DAG). O seu estudo pon o foco na gráfica que partiu do Laboratorio de Formas e que quedou plasmado, máis aló das cerámicas de Sargadelos, no deseño de libros, carteis, imaxes corporativas, sinalización ou mesmo na decoración das instalacións do propio complexo industrial de Cervo, que desde 2023 ten a catalogación de Ben de Interese Cultural.

Do pasado ao presente para ir cara ao futuro

Dopico e Crecente subliñan nas súas conclusións que a institución de Díaz Pardo e Seoane desenvolveu un programa de identidade no que os produtos das súas empresas “resultaban recoñecibles grazas á reinterpretación e ao estudo das formas existentes na historia e tradición galegas proxectándoas cara o futuro como propostas innovadoras”.

Debuxo de Díaz Pardo sobre a configuración do Laboratorio de Formas (Fundación Díaz Pardo)
Debuxo de Díaz Pardo sobre a configuración do Laboratorio de Formas (Fundación Díaz Pardo)

Outro dos elementos que salientan é que o traballo gráfico do Laboratorio de Formas non se viu contaminado polo éxito comercial de Sargadelos. Mantivo o seu carácter artesanal, executado por canteiros e ilustradores que, grazas á visión persoal de cada artista, mantivo afastado o Laboratorio de Formas da estandarización.

Os investigadores cren que os deseños do Laboratorio de Formas contribuíron a xerar un sentimento de identificación único entre os consumidores dos seus produtos que, así mesmo, serviu dunha declaración política e identitaria empregada por distintas ideoloxías. Sempre sen afastarse do imaxinario colectivo dos galegos que se mantén anos despois da morte de Díaz Pardo e de Seoane e de que a xestión de Sargadelos se afastase da visión cultural ca que naceu para emprender un camiño centrado no comercial

.”Eu de artista non teño nada. Eu dedícome a templar gaitas e limpar merdas nas empresas miñas. Resbálame moito iso de artista“, decía de si mesmo Díaz Pardo, que se definía como un conservador libertario. O primeiro, polo seu convencemento na necesidade de “conservar as cousas” e, o segundo, porque cría “non hai que seguir as normas”. “Entendo a todos e non fago caso de ningún”.


Referencia: El programa tipográfico del Laboratorio de Formas de Galicia (páxina web da Asociación de Diseñadores Galegos). // Declaracións de Isaac Díaz Pardo extraídas do proxecto documental As miradas de Isaac (2020), de Cecilia Díaz Betz e Jordi Cussó.

Saúl Iglesias
Saúl Iglesias
Licenciado en Xornalismo pola Universidade de Santiago. Despois dunha década facendo de todo un pouco na redacción galega da axencia Europa Press, explorando agora novos camiños desde 2025 en GCiencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha tatuaxe para curar as uñas: a técnica galega para mellorar o tratamento das enfermidades ungueais

Un equipo da USC desenvolve un método minimamente invasivo que aumenta a eficacia terapéutica para patoloxías como a psoriase

Galicia será a primeira comunidade en contar cun centro de radioterapia de precisión no prazo dun ano

O Centro de Protonterapia de Santiago poderá atender anualmente ata 250 pacientes con cancros de especial complexidade

Ciencia e cooperación para unha alimentación sostible: os resultados de Net4Food

A rede de colaboración entre Galicia e Norte de Portugal continuará a través do Iberian Food Lab
00:08:53

Net4Food, a alianza que conecta a innovación alimentaria de Galicia e Portugal

A I International FoodTec Conference é un paso máis para mellorar a transferencia de coñecemento entre grupos de investigación e entidades produtoras