Galicia será a primeira comunidade en contar cun centro de radioterapia de precisión no prazo dun ano

O Centro de Protonterapia de Santiago poderá atender anualmente ata 250 pacientes con cancros de especial complexidade

O Centro de Protonterapia que se constrúe en Santiago recibiu nas últimas semanas o equipamento avanzado que permitirá contar co primeiro centro destas características en España, cunha entrada en funcionamento prevista para finais de 2026 ou principios de 2027. O novo centro permitirá tratar anualmente ata 250 pacientes de cancro de alta complexidade.

O investimento total na infraestrutura e no equipamento acada os 60 millóns de euros, dos que a Fundación Amancio Ortega —que financia tamén outros nove centros deste tipo en España— contribúe con 28 millóns de euros. As obras contan con orzamento comunitario a través de fondos FEDER.

Publicidade

As obras do novo centro están actualmente moi avanzadas —máis do 91% de execución— co que o centro galego é o máis adiantado dos 9 que se están a construír en España, o que converterá a comunidade galega na primeira en ofrecer este tratamento de radioterapia de precisión a través da sanidade pública.

Hai dúas semanas comezou no centro a instalación do acelerador ciclotrón, que é a peza fundamental para a realización dos tratamentos. O Proteus ONE é un equipo compacto de nova xeración pensado para optimizar os tratamentos, reducir a exposición dos tecidos sans e mellorar a calidade de vida dos pacientes con tumores de localización complexa.

Publicidade

Actualmente, os traballos están centrados na instalación do equipo completo no búnker do propio centro de protonterapia. A posta en marcha do ciclotrón será un proceso moi complexo e estritamente regulado, que esixe múltiples verificacións técnicas e protocolos de seguridade antes de entrar en servizo.

O doutor Manuel Sánchez García —un dos facultativos do equipo do Complexo Hospitalario de Santiago que traballa na posta en marcha do centro— explica que os pacientes que serán atendidos serán aqueles que teñan cancros con localizacións complexas e nos que os efectos do tratamento a longo prazo sexan especialmente relevantes. A gran vantaxe da protonterapia radica na maior conformación de doses en torno ao tumor, especialmente nos niveis de doses máis baixos.

Vantaxes da protonterapia

Fronte á radioterapia convencional mediante fotóns, a protonterapia ten a vantaxe de minimizar as doses medias e baixas innecesarias sobre os tecidos sans circundantes, segundo explica a oncóloga do CHUS, Victoria Fernández. “Esta vantaxe dosimétrica non sempre supón unha vantaxe clínica relevante pero si hai grupos de pacientes para os que esta técnica se considera beneficiosa e indicada como os tumores pediátricos, as localizacións complexas próximas a órganos críticos, as reirradacións e os pacientes con síndromes xenéticas”, explica Fernández.

O centro de Santiago ten previsto incorporar unha liña de investigación que, segundo indica Sánchez, supón un factor diferencial co resto de centros de España e intégrase nunha infraestrutura xa existente de investigación biosanitaria en Galicia. “Isto vai ter relevancia cara á industria, que xa manifestou interese no centro, e tamén cara á atracción de talento a Galicia. Neste sentido xa tivemos boas novas a través do programa Oportunius”, sinala Sánchez.

Primeiros pacientes

Ademais dos traballos que se están a realizar para concluír as obras no edificio que albergará o centro e calibrar o equipamento técnico, tamén se está a traballar no deseño do cadro de persoal ao que durante o ano 2026 se incorporarán catro oncólogos, catro radiofísicos e sete técnicos de radioterapia. Unha vez finalizada a construción do centro e a configuración do equipamento técnico os primeiros pacientes poderán chegar ao centro, algo que está previsto para finais de 2026 ou principios de 2027.

1 comentario

  1. Algaradas dos PPodres mentres as listas de agarda son de 6 meses ou máis. Non hai médicos especialistas, os doentes de cancro sen medicinas… Rueda de Vil incomPPetente!

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un modelo da UDC simula como se comportará a rótula tras unha operación de prótese de xeonllo

A ferramenta desenvolvida no CITENI permite comparar diferentes escenarios cirúrxicos e adaptados ás características de cada paciente

Carmen Álvarez e Ángel Carracedo, recoñecidos nos Premios Nacionais de Investigación

Dos dez galardóns que concedeu o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, dous recaeron este ano en recoñecido persoal investigador da USC

Ciencia sen mans

Sen financiamento suficiente para persoas, equipamento e planificación a longo prazo, a excelencia científica convértese nun obxectivo difícil de acadar. Por Xunta de representantes de InvestiGal

Un estudo da USC analiza como transformar os aceites de cociña usados en combustibles e bioplásticos

O investigador Brais Vázquez avalía o impacto ambiental e económico de diferentes vías de aproveitamento para avanzar cara a unha dinámica circular