Unha rede máis sólida ante un desafío complexo: que a investigación chegue á cidadanía a través de novos produtos. Ese é un dos resultados acadados pola rede Net4Food, dous anos despois da presentación do proxecto. O proxecto conseguiu unir e xerar sinerxías entre diferentes actores do sector de Galicia e Norte de Portugal a través de eventos e accións conxuntas que culminaron o pasado 29 de outubro coa celebración da I Conferencia Internacional FoodTec.
O obxectivo de Net4Food é lograr unha maior colaboración entre entidades investigadoras e empresariais, coa intención de favorecer a innovación. Por iso, eventos como o FoodTec uniron a expertos, investigadores e empresarios que poden levar a cabo novas ideas.
O resultado son produtos que poidan ser máis sostibles e eficientes e manter ou ata mellorar a súa rendibilidade. Ademais, fano en distintos puntos. Desde no cultivo de plantas, como é o caso de Néboda Farms ou coa mellora de produtos concretos como as de Landratech (coas landras) e a Casa Mendes Gonçalves cos vinagres e condimentos, principalmente. En xeral, unha unión entre empresas que consegue que os produtos finais melloren. Por iso é especialmente clave a participación de empresas históricas como Pão de Gimonde ou Cuevas e Cía. E, especialmente, das máis de 200 entidades adscritas ao Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga).
En conxunto, Net4Food é un espazo de conversa entre os distintos actores do sector. Agora, o proxecto xa acadou os seus principais obxectivos. Por exemplo, a creación dun plan de boas prácticas, un banco de probas e unha serie de eventos que potencien a colaboración. Así, tras a conclusión do Net4Food darase paso ao seguinte punto: o Iberian Food Lab.
O laboratorio do futuro
O Iberian Food Lab está pensado como un centro de conexión entre todas estas entidades do ámbito alimentario en Galicia e o norte de Portugal. A idea é continuar poñendo en contacto a diferentes actores do sector alimentario.
A creación do laboratorio foi un dos puntos centrais da FoodTec Conference, celebrado en Bragança. A idea é continuar coa transferencia de coñecemento evitando institucións ou órganos paralelos, cunha estrutura común que aglutine todos os elementos tanto de Galicia como do norte de Portugal. Faise como continuación da rede Net4Food e utiliza parte de esa estrutura.
Que os custosos recursos de I+D cheguen a esa parte da industria que non se pode permitir ter un equipo de innovación propio é esencial para que o sector alimentario poida seguir medrando. Todo nun sector clave para a economía galega e que sustenta milleiros de empregos na comunidade.












