Innovación, sostibilidade e calidade. Esas son algunhas das bases que sustentaron a I Conferencia Internacional FoodTec, da que foron protagonistas sete entidades da rede Net4Food. O evento, que tivo lugar entre o 27 e o 29 de outubro, centrouse en impulsar e fortalecer unha rede de excelencia dentro do sector alimentario entre Galicia e o norte de Portugal. Contou coa participación de diversos expertos en investigacións avanzadas, solucións alimentarias transformadoras e outros actores claves do sector.
Os relatores debateron sobre tecnoloxías alimentarias innovadoras, as tendencias nutricionais emerxentes e calidade e seguridade alimentaria combinando a experiencia de entidades de distintos tipos: tanto produtoras de alimentos como investigadoras e educativas. Tamén expresaron os seus puntos de vista sobre o comportamento do consumidor, a transformación dixital e desenvolvementos estratéxicos no sector.
Actores que impulsan novas transformacións
En total, once entidades foron claves nesta iniciativa, das cales sete son socios da rede Net4Food. Un deses actores involucrados, por exemplo, é Néboda Farms. A compañía galega conseguiu cultivar alfábegas e verduras de folla verde cunha vida útil maior e utilizando un 90% menos de auga. Solucións que permiten un menor impacto ambiental e unha alimentación máis saudable.
Hai tamén empresas familiares, como Pão de Gimonde, de prestixio internacional polos seus produtos e que están centrados no uso de receitas tradicionais, e entidades como o Grupo Cuevas, centrado na transformación da castaña en alimentos derivados. É o caso, por exemplo, do marrón glacé. Tamén hai outras empresas produtoras como Casa Mendes Gonçalves, que se centra na fabricación e comercialización de vinagres, condimentos e outros produtos.
Como parte da rede Net4Food, estivo presente o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga). A entidade representa a máis de 200 membros entre empresas, centros tecnolóxicos e outros axentes que buscan potenciar a competitividade, a innovación e a internacionalización do sector. As sinerxías xeradas na rede con outros actores como Proenol, centrada na investigación biotecnolóxica para a innovación en produtos vitivinícolas e alimentarios, tamén son visibles.
Landratech completa a lista de asistentes da rede Net4Food cunha actividade dedicada a aproveitar o potencial dos recursos forestais que son propios do territorio para impulsar modelos alimentarios máis sostibles, resistentes e saudables. A súa labor trata de transformar a riqueza natural dos bosques en solucións que reforcen a calidade a través da innovación, do desenvolvemento rexional e a través de redes de cooperación.
O evento tamén contou coa participación de socios estratéxicos, como o Instituto Politécnico de Bragança, a Universidade de Vigo, o Laboratorio Internacional Ibérico de Nanotecnoloxía, Portugal Foods, More Colab e Aquavalor e a propia Clusaga.
Redes transfronteirizas
A conferencia realizada en Bragança, en Portugal, que segue o lema “Shaping the Future of Sustainable Food Ecosystems” (Moldeando o futuro dos ecosistemas alimentarios sostibles), está vinculada ao proxecto Net4Food. Este busca ser un punto de encontro referente en canto á innovación tecnolóxica do sector alimentario e está vinculado á creación do futuro Iberian FoodTec Lab (IFL). Ademais, é unha oportunidade para as empresas do sector de cara a acceder a redes de innovación transfronteirizas e colaborar con centros de investigación de Galicia e do Norte de Portugal.
Un dos obxectivos cruciais do proxecto é acadar unha transferencia efectiva de coñecemento. É dicir, que a potente investigación galega e portuguesa no eido alimentario chegue ás empresas para acadar unha maior sostibilidade, calidade e rendibilidade. Todo grazas a unha rede que deixa atrás as fronteiras para dar paso á cooperación.














