Un estudo galego sinala un tipo de dieta baixa en graxas como aliada no tratamento contra o cancro

Os resultados do artigo apoian a necesidade dun enfoque personalizado que teña en conta factores epixenéticos nas terapias fronte aos tumores

A evidencia científica demostrou que unha dieta cetoxénica moi baixa en calorías (VLCKD) é eficaz e beneficiosa no tratamento da obesidade, unha enfermidade que actualmente é a segunda causa modificable de desenvolvemento de cancro. Con esta premisa, un equipo de investigación interdisciplinar do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), liderado por Ana B. Crujeiras, levou a cabo un estudo para comprobar a posible relación deste efecto na loita contra o cancro asociado á obesidade.

“O obxectivo deste estudo foi avaliar o efecto da cetose nutricional na metilación de xenes relacionados con procesos tumorais en pacientes con obesidade e en células de cancro de mama”, explica Ana B. Crujeiras, líder del grupo Epixenómica en Endocrinoloxía e Nutrición.

Publicidade

Este traballo forma parte da tese doutoral de Paula M. Lorenzo, e inclúe a participación doutras investigadoras do grupo de Crujeiras, como Andrea G. Izquierdo e Gemma Rodríguez-Carnero, así como do grupo Oncomet do IDIS e dos hospitais Clínico Universitario de Ferrol e Valladolid.

A investigación, publicada recentemente na revista científica The Journal of Physiology and Biochemistry, enmárcase nun proxecto financiado polo Instituto de Saúde Carlos III, concedido en 2020 e renovado en 2024, e conta ademais co respaldo do CIBEROBN e da Xunta de Galicia a través de GAIN.

Publicidade

A dieta cetoxénica e os xenes ligados ao cancro

A conclusión do traballo é que a cetose nutricional, vía dieta cetoxénica moi baixa en calorías, pode modificar o funcionamento dalgúns xenes implicados no desenvolvemento de tumores en persoas con obesidade.

“Este efecto reflectiuse ademais in vitro en liñas celulares de cancro de mama, en particular no triplo negativo, ao ser tratadas con corpos cetónicos, e observouse nunha dirección diferente á inducida polo secretoma de tecido adiposo visceral relacionado coa obesidade. Os cambios epixenéticos observados in vitro suxiren que os corpos cetónicos e os secretomas relacionados coa obesidade inflúen no comportamento tumoral, posiblemente a través de alteracións na metilación do ADN“, conclúe o estudo.

Evidencia dos beneficios das terapias combinadas

O estudo proporciona evidencia molecular sobre como a dieta cetoxénica pode influír na epixenética do cancro e apoia, aínda máis, a necesidade dun enfoque personalizado ao considerar intervencións metabólicas, como a dieta cetoxénica baixa en graxas, como estratexia complementaria no tratamento do cancro.   

“Os resultados deste estudo, en humanos e in vitro, resaltan o papel potencial de VLCKD como complemento ao tratamento anticanceríxeno en grupos máis susceptibles de desenvolver cancro, como os pacientes con obesidade, promovendo a regulación epixenética a través da cetose nutricional e a perda de peso que poderían estar involucradas na modulación do desenvolvemento tumoral”, explica Ana B. Crujeiras.

Este traballo, froito dun enfoque interdisciplinar en epixenómica, nutrición e oncoloxía, abre novas vías de investigación sobre intervencións dietéticas personalizadas que modulen o epixenoma para previr o tratar enfermidades oncolóxicas asociadas á obesidade.

“Cada vez entendemos mellor que non só importa o tratamento farmacolóxico, senón tamén factores como a alimentación. Coñecer como inflúen no organismo pode axudarnos a deseñar terapias máis efectivas e personalizadas”, conclúe Crujeiras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto galego mellora a detección da deterioración cognitiva mediante análise de sangue 

Unha investigación do IDIS estuda novos biomarcadores para avanzar cara a unha detección máis temperá e un seguimento personalizado
00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto

Un estudo galego revela que os lumes favorecen ás aves máis afectadas polo abandono rural

A USC e o CSIC investigan a Serra do Xurés e analizan a recuperación desigual segundo o hábitat, cunha maior vulnerabilidade das especies forestais

Extraer ADN de amorodos ou resolver unha ‘escape room’ climática: así será a sexta edición da G-Night

A Noite Galega das Persoas Investigadoras terá lugar o 25 de setembro de xeito simultáneo nas sete cidades galegas