Aceite de palma na ría: calma oficial, ciencia ausente

Durante os últimos días, a vertedura de aceite de palma no porto de Vigo encheu os titulares e os comunicados oficiais. Desde o primeiro momento, as autoridades insistiron en transmitir tranquilidade: aseguran que non hai perigo nin para a poboación nin para o mar, e que o produto é “inocuo” porque se usa en alimentación animal. Pero esa afirmación, tan rotunda como cómoda, non se sostén nin científica nin loxicamente.

O argumento de que “se se come, non contamina” pode parecer de sentido común, pero é un erro de manual. Que algo sexa comestible para unha vaca ou un pito non significa que o sexa para un peixe, unha microalga ou un mexillón. No medio mariño, o dano non sempre vén da toxicidade química, senón do efecto físico: o aceite forma unha capa que bloquea a luz solar, impide a fotosíntese do fitoplancto, asfixia os organismos filtradores e pode taponar o sistema dixestivo dos animais que o enxiren. Dito doutra forma, pode provocar mortes sen necesidade de ser “velenoso”.

Publicidade

A ciencia internacional é clara. Desde 2007, a Organización Marítima Internacional, a través do convenio MARPOL, clasifica os aceites vexetais —incluído o de palma— como substancias perigosas para o medio mariño. Non o digo eu, dino as normas internacionais que España asinou. E non é só teoría: hai precedentes moi documentados. En 1975, unha vertedura de aceite de palma e coco no Pacífico causou a morte masiva de peixes, moluscos e crustáceos durante case un ano. Más recentemente, un estudo da Universidade de Hong Kong sobre unha vertedura de 200 toneladas de estearina de palma mostrou danos evidentes en microalgas, copépodos e peixes, cunha recuperación que tardou meses en producirse.

Aquí, en cambio, as declaracións oficiais falan de calma absoluta, pero sen ofrecer nin un só dato. Ninguén publicou a composición exacta da vertedura, nin o volume total, nin os resultados das análises da auga nin dos organismos afectados. Tampouco se mencionaron os mexillóns, que deberían ser os primeiros en estudarse. Na ría de Vigo hai case cincocentas bateas que producen máis de quince mil toneladas ao ano e sosteñen miles de empregos. Os mexillóns filtran ata vinte e cinco litros de auga ao día e acumulan contaminantes con concentracións centos de veces superiores ás da contorna. Son os mellores sentinelas do estado do mar. Pero ninguén os está mirando. Iso, sinceramente, preocupa.

Publicidade

En calquera país con protocolos ambientais serios, unha vertedura así desencadea análises inmediatas da auga, estudos de plancto e moluscos, peches preventivos de zonas de marisqueo e un seguimento durante meses, con resultados públicos e transparentes. Aquí, en cambio, dáse por resolvido o asunto nuns días, con fotos de praias aparentemente limpas e titulares optimistas. Pero que non se vexa aceite non significa que non haxa impacto. O dano invisible, no fondo, nos organismos filtradores, nas redes tróficas, pode tardar semanas ou meses en facerse notar.

A contradición final resulta case cómica: no mesmo comunicado oficial en que se afirma que a vertedura “non é contaminante”, recoñécese que “podería afectar a aves, peixes e bateas de mexillón”. Entón, en que quedamos? É inocuo ou non? Se hai posibilidade de dano, por que non se toman precaucións?

A ría de Vigo, a súa biodiversidade e a súa industria do mexillón merecen algo mellor que unha campaña de tranquilidade. A calma só ten sentido cando se basea en datos, non en suposicións. A ausencia de análise non é proba de que non haxa dano, e o mar non entende de titulares compracentes.

Ao final, quizais teñamos que afacernos a unha nova moda gastronómica: mexillóns con aceite… pero de palma.


Referencias científicas:

—Zhou, G.J. et al. Accidental spill of palm stearin poses relatively short-term ecological risks to a tropical coastal marine ecosystem. Environ. Toxicol. Chem. 38, 2788-2802 (2019).

—Russell, D.J. & Carlson, P.R. The ecological impact of the wreck of the tanker MV Lindenbank, Fanning Atoll, August 1975. (Kiribati Atoll Research Program, 1978). [Cited in ref. 3]

—Salam, M.A., Bakar, A.F.A., Zakaria, M.P. & Yazid, M. The degradation and toxicity of commercially traded vegetable oils following spills in aquatic environment. Sci. Total Environ. 813, 152531 (2022).

—International Maritime Organization. International Convention for the Prevention of Pollution from Ships (MARPOL) – Annex II. (IMO, 2007

—Meistertzheim, L. Mussels, ‘super-filters’ that can help beat water pollution. Phys.org (2019)

Antonio Figueras
Antonio Figuerashttp://iim.csic.es/es/estructura/11-inmunologia-y-genomica
Profesor de investigación do Centro Superior de Investigacións Científicas no Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC)

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo da USC valida novos sistemas para eliminar contaminantes emerxentes nas augas residuais

A tese de Matías Rivadulla demostrou que algúns métodos innovadores permitiron eliminar máis do 90% dalgúns compostos farmacéuticos

Como detectar contaminantes na auga a través de materiais 3D: así é a solución da UDC

Investigadoras do CITENI desenvolven estruturas poliméricas que reteñen substancias nocivas e avalian a calidade do medio acuático

Unha aplicación da UVigo permite detectar contaminantes na auga a través do móbil

O proxecto Aquasense emprega dispositivos portátiles de baixo custo para facilitar a vixilancia ambiental en contornas con poucos recursos

O océano está cheo de oíntes… e a maioría escoita mellor ca nós

O son viaxa aproximadamente 4,5 veces máis rápido en auga de mar que no aire. Por Antonio Figueras