Pasadas as 15 horas da tarde do xoves 30 de outubro, un traballador do porto de Vigo alertou ao servizo de emerxencias sobre unha vertedura de aceite de palma no mar, provocada pola implosión dun silo na terminal de Guixar durante os labores de descarga. O suceso levou á Xunta de Galicia a activar o Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan Camgal), no seu nivel de emerxencia 1. O presidente da Autoridad Portuaria, Carlos Botana, asegura que o vertido é “totalmente inocuo” tanto para as personas como para a fauna marina, pero neste segundo caso estudos e científicos discrepan.
Os Gardacostas de Galicia e a Autoridade Portuaria despregaron barreiras anticontaminación e medios marítimos para recoller o aceite derramado, unas 100 toneladas, según Botana, aínda que a capacidade do silo é próxima as 2.500 toneladas. Esta operación inclúe os buques multipropósito Valentín Paz Andrade e Irmáns García Nodal, desprazados dende Vilagarcía de Arousa, ademais do Ría de Vigo de Marín e unha embarcación auxiliar, así como persoal operativo en Vigo e os servizos centrais de Gardacostas e Sasemar. Sumouse tamén o buque Pelícano, especializado na limpeza da superficie mariña.
Non obstante, o incidente non se limitou á vertedura de aceite: dous traballadores resultaron feridos no momento da explosión. Un deles foi atendido no propio porto de Guixar, mentres que o outro, en situación máis grave, tivo que ser trasladado ao Hospital Povisa.
Desde a Autoridade Portuaria de Vigo —que non informou oficialmente ata pasadas seis horas do accidente— deslizouse nun primeiro momento que o verquido non era “contaminante”. Na mesma liña, a Consellería de Medio Ambiente apuntou o xoves nun comunicado: “O vertido non é tóxico para a poboación nin para o medio mariño, xa que se trata dunha mancha sólida provocada por un produto empregado para a alimentación de gando e aves e, por tanto, non é contaminante“.
Aínda que o aceite de palma en efecto non é tóxico, si é nocivo para o ecosistema mariño, e especialmente para especies como o mexillón. “As afirmacións de que é non contaminante porque se usa para alimentación animal son cientificamente incorrectas. Aínda que menos persistente que petróleo, o aceite de palma causa mortalidade masiva por obstrución física e representa ameaza documentada para ecosistemas mariños e acuicultura”, sinala o doutor en Bioloxía e investigador do CSIC Antonio Figueras.
O aceite de palma non é tóxico, pero é contaminante?
O aceite de palma ten orixe vexetal, extraído do froito da palma africana (Elaeis guineensis). Está formado principalmente por ácidos graxos saturados, monoinsaturados e poliinsaturados, principalmente oleico. No caso da vertedura ocorrida na ría de Vigo, como se pode ver nas imaxes da Xunta de Galicia, o aceite solidificouse formando unha mancha amarelenta na superficie da auga, que se extendeu pola ría e apareceu en Baiona e en Moaña, nas inmediacións dunha zona bateeira.
“Estudos científicos demostran que a estearina de palma inhibe crecemento de microalgas (diatomeas), causa mortalidade en copépodos peláxicos, rotíferos e artemias, e inhibe crecemento de peces e reprodución de copépodos bentónicos. Os mexillóns son particularmente vulnerables: filtran ata 25 litros diarios e son inmóbiles, aliméntanse indiscriminadamente e carecen de capacidade encimática para descompoñer contaminantes”, advirte Figueras.
Un estudo de 2022 realizado pola Universiti Malaysia Terenggany e a University of Alberta de Canadá, revisou casos de derrames de aceites vexetais no medio mariño. Os investigadores explican que estas verteduras e os subprodutos da súa degradación representan unha ameaza para os organismos mariños, porque poden recubrir e asfixiar especies: a capa que se forma na superficie reduce a luz e limita o intercambio de osíxeno, o que pode afectar á vida mariña.
Aínda que hai múltiples estudos sobre degradación e toxicidade, os autores sinalan que o aceite de palma foi pouco investigado. Con todo, o Convenio Internacional para a Prevención da Contaminación por Buques (MARPOL) inclúe os aceites vexetais como substancias líquidas nocivas, consideradas perigosas tanto para os recursos mariños como para a saúde humana.
A revisión científica sinala que, aínda que os aceites comestibles son máis biodegradables que o petróleo, a súa persistencia temporal pode causar efectos ecolóxicos significativos mentres se descompoñen, como podería ocorrer na ría de Vigo tras a implosión do silo.
Proximidade ás bateas
Historicamente, unha das primeiras verteduras rexistradas de aceite vexetal tivo lugar no Atolón Fanning, en Kiribati, no ano 1975, cando un barco mercante verteu case 10.000 toneladas de aceite de palma e coco. Un estudo realizado 11 meses despois indicou a morte de peixes, crustáceos e moluscos debido á asfixia e obstrución dos tractos dixestivos. Entón, que podo ocorrer nun emprazamento como Vigo? A Ría de Vigo conta con 478 bateas que producen 33 toneladas anuales cada unha. Un estudo da Universidade de Gales indica os efectos negativos que poden ter os aceites vexetais sobre o crecemento dos mexillóns (Mytilus edulis).
A investigación conclúe que “as taxas de crecemento dos mexillóns despois de catro semanas de exposición aos aceites foron cinco veces máis baixas“, explica. A pesar de que o aceite de palma non é quimicamente tóxico, pode afectar aos mexillóns, aínda que a investigadora Santos Mendes Salgado indica que se requiren máis investigacións para cuantificar o risco real.
O mesmo estudo indica que os aceites vexetais alteran o crecemento da cuncha e o patrón de depósito de calcio nos mexillóns. As análises de seccións radiais pulidas e gravadas das cunchas expostas a aceites vexetais revelaron deformacións no patrón normal de deposición de calcio, mentres que as cunchas do grupo de control mantiveron un patrón regular.
Ademais, obsérvase que a mortalidade dos mexillóns expostos a aceites vexetais despois dunha semana, especialmente se a exposición é prolongada ou se a concentración de aceite é elevada. Por exemplo, o aceite de liñaza provocou a maior mortalidade, con mortes que comezaron despois dunha semana. No caso do aceite de xirasol, despois dunha semana non se rexistraron mortes. Outro factor importante é a osixenación da auga. O estudo explica que “os aceites polimerízanse na superficie da auga, reducindo o intercambio de osíxeno”, o que pode agravar os efectos sobre os mexillóns e outros organismos mariños.
Canto pode tardar en desaparecer por completo?
Aínda que os aceites vexetais son máis biodegradables que o petróleo, a súa eliminación no medio mariño leva tempo. Son poucos os estudos realizados especificamente sobre o aceite de palma, un dos máis comercializados a nivel mundial nos últimos anos.
Segundo un informe de Dinamicline, o aceite pode afectar á cadea alimentaria das especies. “Un sistema acuático pode tardar ata 20 anos en recuperarse dun derrame de aceite”, explican. Así, estímase o cálculo en que un litro de aceite de cocina contamina 1.000 litros de auga.
Isto significa que, aínda que a superficie da auga poida limparse máis rápido grazas aos efectivos despregados pola Xunta de Galicia, os restos depositados no fondo da ría poden permanecer moito máis tempo, prolongando os posibles efectos sobre a vida mariña. No caso de Vigo, ao tratarse de 100 toneladas, segundo a información oficial, a limpeza podería prolongarse ata oito semanas, segundo diversos cálculos.
Os seguintes pasos do Plan Camgal
En casos de contaminación mariña accidental, actívase o Plan Camgal, co obxectivo de seguir un protocolo de actuación definido. Este plan establece claramente os papeis e responsabilidades de cada actor durante unha crise, como no caso do derramamento de aceite de palma sobre o mar.
O propio documento define o concepto de suceso de contaminación mariña como: “Acontecemento ou serie de acontecementos da mesma orixe que supoñan a introdución directa ou indirecta en medio mariño de substancia ou enerxía que provoquen ou podan provocar efectos nocivos (…), e que exixan medidas de emerxencia ou outra resposta inmediata”. Ao activar o Plan Camgal, a Xunta de Galicia catalogou o incidente de Guixar dentro desta definición.
Segundo informa a Xunta, os medios técnicos e humanos continuarán traballando para recoller o aceite vertido e minimizar os posibles efectos sobre o medio mariño.














Rueda de Vil e Autoridade Portuaria de Vigo, fato de mentireiros incomPPtentes