Os pellets aumentan a súa toxicidade canto máis tempo pasan no mar

Un estudo da UVigo revela que as bólas plásticas son como esponxas e absorben substancias contaminantes, como os hidrocarburos

“Os pellets continúan chegando ás praias máis expostas de Galicia. Sexan ou non do Toconao, hai un stock permanente de bólas plásticas no mar”, asevera o biólogo Ricardo Beiras. Formou parte do comité asesor da Xunta durante a crise dos pellets e dirixe o grupo Ecotox da Universidade de Vigo (UVigo). O seu equipo foi un dos primeiros en confirmar que os pellets do Toconao eran “relativamente inocuos”. Agora, un ano despois do accidente, o equipo de Beiras vén de publicar un estudo na revista Scientific Reports xunto a investigadores cataláns. Nel revelan que os pellets incrementan a súa toxicidade canto máis tempo pasan no mar.

Os científicos traballaron con mostras recollidas no regato de Sant Ramón e na praia de Pineda, en Tarragona, e no areal de Cavalleria, en Menorca. Isto débese a que na provincia catalá hai unha industria que fabrica pellets, e as súas fugas ocasionais provocan un problema crónico de contaminación ambiental. Esas bólas tamén chegan ás praias de Baleares. Con todo, Beiras asegura que os resultados obtidos neste estudo son extrapolables ao acontecido en Galicia. Os pellets cos que traballaron estaban formados fundamentalmente de polietileno, o mesmo plástico das bólas que perdeu o Toconao.

Ourizo de mar, o mellor modelo

“Son como exponxas. Concentran calquera hidrocarburo ou contaminante orgánico que haxa no medio natural e, por iso, os pellets acaban adquirindo toxicidade conforme máis tempo pasan no mar”, explica Beiras. Para demostralo levaron a cabo un experimento con ourizos de mar na Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat). Usárono como organismo modelo, dado que o habitual en toxicoloxía ambiental é optar por especies de auga doce como o peixe cebra. Porén, hai factores ambientais, como a salinidade e o pH, que difiren considerablemente entre a auga salgada e a doce, e por iso optaron por ensaiar con embrións de ourizo de mar.

O catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo, Ricardo Beiras.
O catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo, Ricardo Beiras.

A exposición destes animais ás substancias que conteñen os pellets recollidos en Tarragona e, por tanto, moi expostos aos contaminantes ambientais polo seu longo percorrido no mar, demostrou o seguinte: “O embrión non se desenvolve á velocidade normal. Isto ten implicacións ecolóxicas, porque as fases embrionarias e larvarias son as máis expostas aos depredadores”. Por tanto, eses pellets que funcionaron como exponxas, que foron adquirindo substancias nocivas, tiveron unha “toxicidade moderada” nos ourizos de mar.

Pese ao uso xustificado deste modelo, Beiras cre que hai que ir un paso máis alá. Hai unha problemática pouco estudada, segundo defende, relacionada cos aditivos plásticos que funcionan como disruptores endócrinos. Isto non o poden probar con invertebrados, como os ourizos de mar, senón que precisan outros de peixes vertebrados. “O metabolismo hormonal é totalmente diferente e hai que buscar os modelos axeitados”, indica. Polo tanto, o estudo publicado en Scientific Reports non analiza que impacto hormonal poderían ter as substancias acumuladas nos pellets noutros organismos mariños.

Que substancias se adhiren aos pellets?

Con todo, durante o estudo non fixeron análises químicas, polo que non identificaron que substancias estaban adheridas ás mostras de Tarragona e Baleares. “Non coñecemos as moléculas concretas pero os contaminantes que habitualmente absorben son os hidrocarburos, que son bastante abundantes. Como son hidrófobas, adhírense aos plásticos. Tamén podería haber pesticidas porque a maioría deles son pouco solubles”, matiza Beiras, poñendo a énfase en que son hipóteses e non conclusións, dado que non puideron realizar as análises pertinentes coas mostras de pellets coas que traballaron.

“Pasou de moda”

Polo de agora, o grupo Ecotox non ten ningunha liña de investigación aberta sobre as bólas plásticas do Toconao, dado que os seus estudos determinaron que eran “relativamente inocuos” porque acababan de entrar en contacto co mar. Ademais, como estaban destinados á industria da alimentación, a súa lista de aditivos estaba máis controlada que a daqueles pellets que se empregan para a fabricación de bolsas e xoguetes. Pero o certo é que un ano despois da crise, da marea branca que tinguiu as praias galegas, Beiras é contundente: “Ninguén fala diso porque pasou de moda”.

O catedrático de Ecoloxía da UVigo lamenta o silenciamento sobre o que aconteceu co Toconao e é especialmente inciviso: “Estamos esperando a que ocorra o mesmo accidente”. Segundo lembra, os sacos que transportaban os pellets eran “totalmente permeables”. É dicir, entraba moi facilmente a auga e non tiñan ningún tipo de embalaxe que os illase do mar. “Os pellets non son un veleno terrible que haxa que levar en bidóns. Pero de aí a non ter ningún tipo de precaución hai un treito”, critica Beiras, ao tempo que reclama medidas.

O ecólogo asegura que as condicións do transporte marítimo son “bastante precarias” e que é preciso mellorar a súa seguridade para evitar que acontezan accidentes como o do Toconao. O buque de carga que non só perdeu 26 toneladas de pellets, senón outros cinco contedores con pneumáticos e papel film. “O medio mariño é moi produtivo pero tamén moi sensible. Esta vez chegou a nós unha vertedura de pellets relativamente inocua pero se foran outro tipo de materiais, o impacto sería ben distinto”, advirte Beiras.

Máis iniciativas para frear a contaminación por plásticos

Amais da toma de medidas para aumentar a seguridade do transporte marítimo, o catedrático da UVigo reclama que se desenvolvan iniciativas capaces de solventar o problema da contaminación por plásticos. Pon o exemplo dun aparello capaz de “pescar” plástico flotante. É un experimento que está a funcionar, segundo explica, en portos como o de Vigo, onde un barco exerce a función de limpar o lixo que flota. “Funciona relativamente ben pero non temos nada parecido para alta mar. Neste caso só toca prevención”, sostén.

A Beiras cónstalle que os pellets continúan chegando ás praias de Galicia. E malia que a situación non é semellante á de Cataluña, cunha industria do plástico que produce verteduras recorrentes, ao litoral galego chegan bólas plásticas de “fontes difusas”. É dicir, procedentes de buques como o Toconao, que se accidentou fronte ás costas de Viana do Castelo, e de tantos outros. A ciencia segue traballando por saber máis sobre este tipo de contaminación aparentemente inocua, e o último estudo de Ecotox demostra que o tempo no mar e a erosión converten as bólas plásticas nun problema maior, aínda que non excesivamente perigoso. De momento.


Referencia: Weathering increases the acute toxicity of plastic pellets leachates to sea-urchin larvae—a case study with environmental samples (Publicado en Scientific Reports)

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Preocupación polos varamentos en Galicia: “A toniña podería extinguirse en 20 anos”

O CEMMA alerta do crecemento exponencial nos últimos anos de animais mariños que chegan ás costas galegas mortos ou en mal estado

Un proxecto da UVigo avanza nunha tecnoloxía máis intelixente para protexer a saúde humana

Un equipo atlanTTic desenvolve unha nova xeración de dispositivos máis sensorizados que poidan adaptarse mellor ás persoas para unha relación "máis natural"

Os incendios forestais xorden cada vez máis preto das casas no norte de España

Un estudo da USC analiza a tendencia e características de máis de 100.000 lumes entre os anos 2007 e 2015 no país e en California

Un estudo con selo galego atopa unha proteína clave para “queimar” graxa

Unha investigación en ratos, na que participa Cintia Folgueira, identifica unha prometedora diana terapéutica contra a obesidade