A Delegación do Goberno en Galicia informou o luns 8 de xaneiro que o buque Toconao perdeu seis contedores en augas portuguesas. Un deles verteu ao mar 26,3 toneladas de pellets plásticos e os outros cinco contiñan pneumáticos, filme, latas de tomate e barras de aluminio. Para algúns expertos resulta máis preocupante a nivel medioambiental o impacto desta carga da que se descoñece a súa ubicación. Os pneumáticos son un dos plásticos máis frecuentes e unha das principais fontes de contaminación nos océanos. A catedrática da Universidade da Coruña e investigadora do Grupo de Polímeros, María José Abad, apunta que “como emisión de contaminantes, son moito máis preocupantes os pneumáticos. Son formulacións cargadas de aditivos e tardarán en descompoñerse”.
Nestes momentos, descoñécese a cantidade total de material vertido polo Toconao máis alá dos pellets, así como a súa ubicación. Sospéitase que seguen no fondo do mar a varios metros de profundidade e, segundo informou o Goberno central e a Mariña Mercante sobre a súa localización, non se pode operar nesas condicións para recuperalos. Un informe da Organización Martítima Internacional (OMI) publicado en febreiro de 2023 trala catástrofe de Sri Lanka radica que existen dúas hipóteses cando os contedores se perden no mar: poden afundirse ou continuar á deriva durante un longo período de tempo e despois romperse e liberar a carga ou, pola contra, afundirse intactos cara ao fondo e gardar, de maneira temporal, a carga. Por iso, o organismo recomenda se é “factible” recuperalos do fondo do mar.
Polo momento, non está rexistrada a chegada dalgún destes elementos ás costas galegas. Non se descarta, por parte dos expertos, que poidan chegar en outro momento ao litoral doutro país transportados polas correntes mariñas. “Calquera cousa que botes ao mar está producindo un impacto medioambiental ao ecosistema. Os filmes son algo similar aos granulados de polietileno. Temos que ter en conta que ás praias non chegan só pellets, senón máis residuos. Segundo as mareas e as correntes, o mar de fondo devolve estes obxectos ás praias. Habería que saber o que quedou nos contedores sen romper e sacalos de aí o antes posible”, apunta a investigadora da UDC.
Un novo informe do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) apunta que cada ano se verten arredor de 20 millóns de toneladas de plástico a lagos, ríos e mares. Os plásticos están formados por polímeros virxes aos que se lle engaden aditivos, e son estes os que poñen en risco o funcionamento normal dos ecosistemas e os seres vivos que habitan nel. O documento do CSIC anota tamén que case unha cuarta parte dos plásticos producidos en 2019 acabou en vertedoiros irregulares, foi vertido ao mar ou queimouse “sen ningún tipo de precaución”.
O biólogo e investigador do grupo de Inmunoloxía e Xenómica do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Antonio Figueras, incide en que este tipo de verteduras son habituais nos océanos. “É enorme a cantidade de lixo que descoñecemos. Só temos constancia daqueles dos que informan as navieiras. É importante chamar a atención sobre que os mares non son infinitos. O lixo non é unha gota de aceite na inmensidade do océano. Nestes momentos, hai moitas gotas xa”, apunta. O CSIC, no seu documento, define que vivimos na “era de plástico”: a humanidade comezou a producir este material a mediados do século XX, e, dende entón, fabricáronse 8.700 millóns de toneladas de plástico. Anualmente, prodúcense 390 millóns de toneladas. A Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE) estima que en 2060 a humanidade alcanzará 1.000 millóns, o triplo da cantidade actual.
“Débese impoñer un código de boas prácticas e mellorar a seguridade do transporte. O problema é que nalgúns produtos non hai alternativa e hai que empregar plástico, ou as que sí funcionarían non terían un menor impacto medioambiental”, apunta María José Abad. “Cos métodos actuais de reciclaxe e xestión de residuos é inviable economicamente xestionalos dunha maneira con impacto cero no medio ambiente”. Tras diversos estudos científicos na materia, pódese afirmar que os plásticos forman parte dos seres humanos. Como recolle o documento do CSIC, os plásticos entran na cadea trófica e chegan aos nosos pratos ao consumir produtos do mar. “Unha vez dentro, e dependendo do tipo de plástico e da cantidade á que esteamos expostos, poden penetrar en órganos como o cerebro e a placenta e alterar o seu funcionamiento”.
Tamén, o estudo explica que a nivel celular, describiuse un aumento de “estrés oxidativo, procesos de inflamación disminución da estabilidade lisosomal, danos a nivel de ADN e neurotoxicidade”. Antonio Figueras apunta que a produción e o consumo masivo de plástico pode pararse con catástrofes coma a do Toconao, xa que poden servir para “sensibilizar” á poboación. Tamén alega que son importantes as consecuencias xurídicas para as empresas que desencadean crises medioambientais como a dos pellets. “Son agresións ao noso mar. Non é algo illado, é continuo. Deben haber multas e penas.” Pola súa banda, María José Abad, radica na importancia de reducir o consumo, xa que “é o mesmo que sexan residuos plásticos que outro tipo de materiais”. Así mesmo, considera que en Europa se está facendo un “esforzo” por implementar a economía circular, mais “de nada vale” se noutros países non se avanza nesta materia, xa que os plásticos que se desbotan poden acabar en calquera punto do planeta movidos polas correntes oceánicas.
Nun artigo publicado na Axencia SINC, Auxiliadora Prieto, coordinadora da Plataforma Temática Interdisciplinar Susplast do CSIC, traslada que “se os residuos do Toconao fosen de plástico biodegradable, o impacto ambiental tería sido menor, quizais o material se degradaría só nunhas décadas”. Con todo, os pellets vertidos polo Toconao poden tardar uns 100 anos en degradarse. Un pneumático ata 1.000 anos: xa só o seu uso nos vehículos constitúen entre o 5 e o 10 % da cantidade total de plásticos dos océanos.