O caso da sentenza das Conchas: por que a Xunta volve abrir o decreto sobre nitratos da Limia?

A reapertura da consulta pública coincide co primeiro fallo do TSXG sobre o encoro e impulsa o debate para frear a contaminación da comarca

A decisión da Xunta de Galicia de reabrir a consulta pública previa do anteproxecto do decreto sobre contaminación por nitratos de orixe agraria coincide co primeiro aniversario da sentenza histórica do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que condenou á Administración autonómica e á Confederación Hidrográfica Miño-Sil pola súa inacción ante a contaminación do encoro das Conchas. O novo trámite volve situar no centro do debate a resposta das administracións á crise ambiental da Limia.

A decisión suscita unha pregunta inevitable: responde á necesidade de reforzar xuridicamente a futura norma ou supón un novo atraso na aplicación das medidas para frear a contaminación? A Consellería do Medio Rural defende que o procedemento busca elaborar un decreto “máis concreto e executivo” e asegura que “non hai ningunha demora”. Pola contra, o investigador do CSIC Serafín González Prieto, un dos peritos da causa xudicial, sostén que a sentenza “non se está a executar” e que a comarca continúa “igual que hai un ano”.

Publicidade

Un decreto que volve á fase de consulta

A decisión da Xunta non supón a aprobación dunha nova norma, senón a reapertura da consulta pública previa do anteproxecto do decreto sobre contaminación por nitratos de orixe agraria, un dos primeiros pasos da súa tramitación. Este procedemento permite recoller achegas antes da redacción definitiva do texto e, na práctica, implica reiniciar unha fase que xa fora aberta anteriormente.

Desde a Consellería do Medio Rural sosteñen que este novo trámite responde á vontade de dotar a futura norma de “maior seguridade xurídica”. O obxectivo, aseguran, é elaborar “un decreto moito máis concreto e executivo do previsto inicialmente”, á espera de que o Goberno central complete “o estudo de presións agropecuarias, urbanas e outras que poidan considerarse significativas para valorar a declaración de posibles zonas vulnerables a nitratos en Galicia”.

Publicidade

Segundo a Consellería, ese estudo será “determinante” para delimitar as augas afectadas por contaminación de orixe agraria e, posteriormente, designar as zonas vulnerables ás que se aplicarán medidas específicas. Por iso, considera necesario adaptar o texto normativo a ese escenario e rexeita que exista unha paralización do proceso: “Non hai ningunha demora, o decreto segue o transcurso do trámite ordinario”, sinalan.

Que din as evidencias científicas?

A explicación da Xunta dista da que ofrece Serafín González, tamén presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e partícipe no procedemento xudicial sobre o encoro das Conchas. Ao seu xuízo, a situación na Limia apenas mudou dende a sentenza. “É igual que hai un ano. A sentenza non se está a executar. Non se están a tomar as medidas que son necesarias para reverter a situación”, afirma.

Entre as actuacións que considera prioritarias figuran a declaración da Limia como zona vulnerable á contaminación por nitratos, a redución dos aportes de nutrientes e un maior control da carga gandeira e da xestión dos xurros. Na súa opinión, volver abrir a consulta pública do decreto supón un novo atraso. “Estamos nunha situación de impasse, coa Xunta demorando todo o posible a adopción destas medidas”, sostén.

A Consellería argumenta que é necesario agardar polo estudo do Goberno central para avanzar na delimitación das zonas vulnerables. González Prieto discrepa e considera que as evidencias científicas acumuladas durante anos xa son suficientes para actuar. “Podemos seguir mareando a perdiz, que é o que pretende a Xunta de Galicia, ou podemos facer caso ao que di a ciencia e ao que din as estatísticas oficiais”, afirma.

As análises isotópicas do nitróxeno, explica, permiten descartar que a principal fonte da contaminación sexan os fertilizantes sintéticos. A iso súmanse os datos demográficos e gandeiros: mentres augas arriba do encoro das Conchas viven arredor de 25.000 persoas, a carga gandeira da zona equivale á xerada por entre 1,5 e 2 millóns de habitantes. “Mesmo se todas as augas residuais urbanas se vertesen sen depurar, que non é certo, a contaminación de orixe urbano-residual non podería representar máis do 1,5% ou do 2% do total”, asegura.

Na súa opinión, a combinación das análises isotópicas, as estatísticas oficiais e os mapas de presión por exceso de nitróxeno e fósforo recollidos no Plan Hidrolóxico da Confederación Hidrográfica Miño-Sil permite concluír que “polo menos o 98% da contaminación ten a súa orixe na gandería industrial estabulada”. “Non hai máis discusión. Non se pode dicir máis alto nin máis claro”, conclúe.

Un problema que segue avanzando

Aínda que a contaminación da Limia non se vai resolver de maneira inmediata, González Prieto insiste en que o tempo xoga en contra da recuperación. “As consecuencias que estamos a ver agora veñen de moitos anos facendo as cousas mal”, explica. Os nitratos que xa alcanzaron o acuífero permanecen a profundidades ás que non chegan as raíces das plantas, polo que a súa eliminación depende dun proceso lento de renovación da auga.

Mesmo se as medidas para reducir a entrada de nitróxeno comezasen a aplicarse de inmediato, a recuperación do acuífero da Limia e do encoro das Conchas levaría décadas. Baseándose na experiencia doutras zonas de España, estima que, cunha redución do 25% da carga de nitróxeno, serían necesarios “mínimo 20 anos” para acadar unha situación aceptable. “Se non adoptamos as medidas, nin sequera vai empezar a contar ese prazo”, advirte.

Mentres non se adopten esas actuacións, os riscos ambientais e para a saúde pública seguirán presentes. González Prieto alerta de que máis pozos particulares e captacións de auga poden deixar de ser aptos para o consumo por exceso de nitratos. Ademais, continuarán os episodios de proliferación de cianobacterias tóxicas no encoro das Conchas, a presenza de bacterias patóxenas resistentes aos antibióticos e os problemas de malos cheiros que afectan á contorna.

Na súa opinión, o primeiro paso debería ser aplicar as medidas previstas na sentenza, entre elas a moratoria para novas explotacións gandeiras e ampliación das existentes e a declaración da Limia como zona vulnerable á contaminación por nitratos. “A carga gandeira é moi elevada, excesiva”, resume.

Un reloxo que segue correndo

As posicións seguen afastadas. Mentres a Consellería defende que a reapertura da consulta responde á necesidade de elaborar un decreto “máis concreto e executivo” e insiste en que a súa tramitación “segue o transcurso do trámite ordinario”, os expertos que participaron no proceso xudicial consideran que a prioridade debería ser acelerar a aplicación das medidas previstas na sentenza para reducir a contaminación.

Entre tanto, o equipo xurídico que promoveu a demanda prepara a solicitude de execución da sentenza para instar ás administracións a cumprir as obrigas fixadas polo tribunal. González Prieto explica que os avogados están a elaborar unha batería de medidas coa colaboración do grupo de peritos que participou no caso, aínda que prefiren non facer público o seu contido antes de presentalo ante a xustiza.

A reapertura da consulta engade un novo capítulo nun conflito que leva décadas aberto na Limia. A incógnita xa non é só cando verá a luz o decreto, senón se a súa tramitación permitirá acelerar a recuperación das Conchas ou seguirá adiando un proceso que, segundo os expertos, necesitará polo menos dúas décadas desde que comecen a aplicarse medidas eficaces.

1 comentario

  1. Non teñen executado a sentenza porque non fixeron ABSOLUTAMENTE NADA. As direccións xerais de medio rural e de medio ambiente (competentes) non son quén de poñerse de acordo entre elas para sacar adiante unha norma obrigatoria por SENTENZA: non se levan, non se falan, é o culmen dunha manifesta INCOMPETENCIA para asumir responsabilidades. Mañá seguirán encolléndose de ombreiros e seguirán mirándose de reollo. Se sacan algunha norma (seica ven), será dilatoria e non executiva a curto prazo. E os veciños seguiremos vivindo nun medio contaminado e lesivo para a saúde d@s nos@s nen@s porque unha banda de TOTAIS INCOMPETENTES prefiren adicarse a mirar e preocuparse por unha subvención para unha ordeñadora de 200.000 € en Silleda antes que mirar polo noso envelenamento. Espero qu algún día lles pase factura.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un programa pioneiro permitirá coñecer as avelaíñas do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia

A primeira mostraxe da Xunta en Cortegada rexistrou 127 exemplares de máis de 40 taxóns nunha soa noite

A Xunta activa por primeira vez a emerxencia cinexética en toda Galicia ante os danos do xabaril

A medida estará vixente ata o 31 de xullo de 2027 e permitirá intensificar as capturas para reducir os danos na agricultura, os accidentes de tráfico e os riscos sanitarios

A Xunta lanza unha iniciativa para modernizar a Administración con tecnoloxías disruptivas

A iniciativa solucionará as necesidades do sector público con IA, datos e 5G para mellorar os servizos e a relación coa cidadanía

Da saúde á loita contra os incendios: estas son as máis de 20 iniciativas con uso de IA da Xunta

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica anuncia dez proxectos en fase de produción, e o resto en desenvolvemento, pilotaxe ou proba