Ola de novo! 👋🏼 Aquí Andrea,
Dende a redacción de GCiencia lembramos o agosto de 2025 como unha experiencia única e complicada. A miña compañeira Laura e mais eu estivemos cubrindo os lumes que aconteceron en Galicia durante case un mes. Cando saía de traballar, non deixaba de escoitar as palabras “lapas” e “hectáreas” e, ao escribir, non atopaba máis sinónimos para contar o que estaba a acontecer. A historia parece que se repite: segundo informa RTVE, os satélites da NASA detectan 1.136 focos de calor activos en España nas últimas 24 horas, distribuídos en 105 concellos de 33 provincias.
A situación na Comunidade de Madrid e na provincia de Álava levou ao Goberno a declarar a emerxencia de interese nacional, un mecanismo activado por segunda vez en España —a primeira vez foi durante o apagamento do 28 de abril— e a primeira vez que ocorre por un lume forestal. Isto foi a causa da rápidapropagación das lapas, a simultaneidade de frontes activas, a afección a zonas habitadas e o risco para a poboación. Trátase daquelas situacións que requiran a coordinación de distintas administracións porque afecten a varias comunidades autónomas e requiran dunha dirección nacional.
Os incendios de Villa del Prado, San Martín de Valdeiglesias e Burgohondo foron os protagonistas detrás desta medida. Con todo, a pesar de que, durante o xoves, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, declarara o fin da emerxencia nacional, as lapas afectaron á vida de preto de 90.000 persoas.
Con todo, algo tívose que aprender dende o que ocorreu en Galicia o ano pasado. O sistema Copernicus cifrou en máis de 156.000 as hectáreas afectadas sobre nomes que, a min, non se me esquecerán nunca: Oímbra, Chandrexa de Queixa, A Mezquita e Larouco. Este mapa de incendios activos en España creado polo departamento de DatosRTVE, asinado por Jaime Gutiérrez e José Manuel Pina López, sitúan algúns lumes en Galicia; pero nada que ver co mapa queimado que víamos en agosto de 2025.
Durante esas tres semanas de constante información sobre incendios, o meu fiel aliado foi Juan Picos, profesor en Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo. En xuño, falaba con el sobre o incendio de Herbón-Padrón (podes ler a reportaxe aquí), e dábame unha mala nova: cada vez, os incendios son máis intensos e chegan antes. Hai anos, o habitual era experimentar lumes intensos cara ao final do verán. Este é un efecto directo do aumento das temperaturas, xa que as reservas de auga das plantas secan máis rápido, o que explica a velocidade e intensidade que acadan os lumes. Esta situación pódese extrapolar ao resto da península.
Con todo, a pesar da estabilidade actual en Madrid e Ávila, agora toca xestionar o terreo queimado. Os investigadores da Universidade de Santiago (USC) María Luisa Chas Amil e Emilio Nogueira Moure afondan sobre o investimento en medios de extinción neste artigo de The Conversation. Explican que, a pesar de que se destina unha contía moi elevada a avións e brigadas para combater o lume —a cifra en Galicia para 2026 é de 213 millóns de euros—, a verdadeira importancia reside na prevención. Como din eles, “unha gran materia pendente”.
Agora, toca dar a benvida a agosto (espero que sen grandes lumes), e aos temas da semana!
⚫️ Onde NON ver a eclipse do 12 de agosto 👀 A delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, confirmaba o martes unha listaxe provisional con 29 puntos dende onde non estará permitido ver a eclipse por motivos de seguridade, mobilidade e accesibilidade. Aquí podes consultar un mapa interactivo creado dende GCiencia con todas as ubicacións, que inclúen dende a Torre de Hércules ata o Fuciño do Porco.

⚫️ Emerxencia cinexética por primeira vez en toda Galicia 🐗 A Xunta activa por primeira vez a emerxencia cinexética en toda Galicia para controlar os danos do xabaril na agricultura, os accidentes de tráfico e os riscos sanitarios. Isto permitirá a caza “sen límite” do animal. Coñece máis información nesta ligazón.
⚫️ Un achado galego de orixe grega 💎 A escavación no Castro de Esemelle, impulsada pola UDC, acha unha peza dun colar de concas de vidro bañado en ouro que, segundo as primeiras pescudas, podería ser orixinario da illa grega de Rodas. Súmanse os fragmentos dunha vaixela decorada con motivos sogueados, un elemento característico da cultura castrexa. Aquí tes máis información sobre o proxecto.

Ciencia en confianza é unha newsletter de GCiencia que se lanza todos os sábados ás 10 horas para analizar os temas da semana dunha forma persoal e próxima. Se estás interesado ou interesada en recibila no teu correo, subscríbete aquí.














