Unha eclipse e o último solpor: a Costa da Morte vivirá un espectáculo astronómico único en Europa

O proxecto Atlantic Sunset sitúa Galicia entre os mellores enclaves do continente para a observación do fenómeno cunha magnitude de totalidade próxima ao 99%

O vindeiro 12 de agosto, Galicia ofrecerá unha oportunidade única en Europa: contemplar desde un punto privilexiado da fachada atlántica unha eclipse solar case total e, apenas uns minutos despois, a última posta de sol da Península Ibérica na mesma xornada. O enclave é a Costa da Morte, punto integrado na rede internacional do proxecto europeo Atlantic Sunset, coordinado pola Fundación CEER (Rede de Universidades Públicas de Galicia e do Norte de Portugal). O fenómeno poderá verse dende tres puntos: Cabo Touriñán, Cabo Fisterra e Monte Pindo.

Así, rexistrará unha eclipse cunha magnitude prevista próxima ao 99%, situándose entre os mellores lugares da España peninsular para observar este fenómeno astronómico. Ademais, trátase da última posta de sol da España peninsular durante primavera e verán, e un dos catro puntos da Europa continental dende os que pode contemplarse, durante parte do ano, a última posta de sol do continente.

Publicidade

Unha singular experiencia

Esta singular coincidencia de fenómenos naturais pon de manifesto o valor do proxecto Atlantic Sunset, unha iniciativa europea que identifica, investiga e promove os lugares desde os que poden contemplarse as últimas postas de sol dos países atlánticos europeos, convertendo este patrimonio natural nun recurso para o desenvolvemento turístico sostible, a divulgación científica e a valorización do territorio.

Neste contexto, a Fundación CEER desempeña un papel clave como entidade coordinadora do proxecto, impulsando a cooperación entre universidades e entidades de España, Portugal, Francia e Irlanda para crear unha rede internacional de destinos unidos por un patrimonio astronómico e paisaxístico común.

Publicidade

O proxecto permitiu desenvolver estudos científicos, crear unha identidade territorial compartida e dotar os diferentes enclaves de novos recursos interpretativos que facilitan aos visitantes comprender a relevancia destes fenómenos naturais.

Novas instalacións interpretativas

Como parte das actuacións impulsadas por Atlantic Sunset, recentemente instaláronse novos elementos interpretativos tanto no Cabo Touriñán (Muxía) como no Faro de Montedor (Portugal). Na Costa da Morte, o proxecto instalou unha das características placas Atlantic Sunset, identificando oficialmente este enclave como un dos puntos privilexiados de Europa para contemplar a última posta de sol continental durante parte do ano. A instalación reforza ademais o valor natural, cultural e turístico dun dos espazos máis emblemáticos da costa atlántica. Nos próximo meses, faranse novas instalacións en Cabo Fisterra e Monte Pindo.

Unha rede europea de destinos atlánticos

O fenómeno do 12 de agosto poderá observarse tamén noutros territorios integrados na rede Atlantic Sunset. En Finistère (Francia), recoñecido como o lugar das últimas postas de sol do país, a eclipse alcanzará unha magnitude prevista do 96,4%. Máis ao norte, Aghernagallagh, no condado irlandés de Donegal, permitirá contemplar igualmente a eclipse (96%) antes da última posta de sol de Irlanda sobre o océano Atlántico. Xunto con Galicia e o Norte de Portugal, estes catro territorios conforman unha rede europea única que combina divulgación científica, patrimonio natural e cooperación internacional arredor dun fenómeno tan universal como o solpor.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sete segundos de escuridade

Unha experiencia máis sobre a eclipse total do 12 de agosto, escrita por unha xornalista de GCiencia. Por Andrea Veiga

Dende Doniños ata Francia: así viviron as grandes científicas e científicos galegos a eclipse total de Sol

O fenómeno do 12 de agosto reuniu a referentes da ciencia en distintos puntos do mapa, que o viron en praias e xardíns

A eclipse solar vista dende o espazo: así é a sombra que se proxectou sobre a Terra

As imaxes do Meteosat de terceira xeración, tomadas a 36.000 quilómetros de altitude, amosan o camiño da Lúa xusto antes da chegada da noite

Unha noite máxica: estas son as imaxes da eclipse do 12 de agosto en Galicia

O evento congregou grandes grupos de persoas tanto dentro da franxa de totalidade como na de parcialidade