Un novo bólido sorprende en Galicia: como identificar este tipo de fenómeno astronómico

O CSIC confirma que o meteoro se puido observar dende diversos enclaves distribuídos por Ourense, O Porriño, Arteixo e Vigo

O pasado luns 31 de agosto, a Rede de Meteoros Española (SPMN) recibiu testemuñas de diferentes persoas que tiveron a sorte de observar un bólido sobre o ceo arredor das 22:00 horas. Este notificouse na comunidade en enclaves de Ourense, O Porriño, Arteixo e Vigo. Con todo, a institución dirixida dende o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) pide axuda a través da súa canle de X para atopar imaxes do paso do meteoro por Galicia.

A diferenza dun meteoro común, un bólido é un meteoro excepcionalmente brillante. Prodúcese cando un meteoroide entra na atmosfera terrestre a gran velocidade, quentándose pola fricción e deixando tras de si unha intensa estela luminosa. Se algún fragmento consegue sobrevivir á desintegración e chega á superficie, falamos dun meteorito.

Publicidade

Pautas simples para identificar un bólido

Un artigo firmado polos expertos Josep M. Trigo, Jordi Llorca, José Ángel Docobo, Saúl Blanco e Óscar A. Rodríguez sinala cales son os cinco factores que determinan cando un fenómeno é un bólido: duración, traxectoria, brillo, sons, e data e hora de aparición.

Os bólidos poden durar dende un segundo ata 5 ou 10 segundos, raramente máis. Algúns deixan estelas persistentes que poden facelos visibles durante varios minutos. Ademais, caracterízanse por seguir traxectorias bastante rectilíneas, cun núcleo brillante e unha cola máis tenue. En ocasións, fragméntanse en varios trozos, dando lugar a múltiples núcleos luminosos. O seu brillo, superior ao dos planetas, permite recoller información útil sobre o fenómeno.

Publicidade

Tamén poden producir sons. As fragmentacións poden acompañarse de pequenas explosións, que ás veces se escoitan con certo retraso de varios segundos ou minutos. Os bólidos son máis frecuentes cando a Terra atravesa enxames meteóricos, aínda que a maioría dos grandes bólidos son imprevisibles e aparecen de forma inesperada.

Os pseudobólidos

Existe un concepto coñecido entre os astrofísicos como pseudobólido, baixo o que se agrupan todos aqueles fenómenos que, por un instante, se fan pasar por auténticos fragmentos de asteroides: as estelas dos avións, satélites artificiais, globos meteorolóxicos ou mesmo experimentos de carácter militar.

O caso do aeroplano adoita ser o máis habitual. As estelas que deixan poden provocar confusión, e a clave está na luz e na hora do día en que se produce a observación. Ao amencer e ao solpor, cando os os raios solares chegan unha inclinación moi baixa, o ceo pode converterse nun xogo de ilusións.

E é que, aínda que a iluminación na superficie terrestre é feble a esas horas, os avións voan a altitudes moito maiores, onde o Sol segue a brillar con forza. Isto fai que o vapor de auga e os gases de combustión expulsados polos motores, que producen a estela de condensación, se iluminen dun xeito intenso. O resultado é que o avión e a súa traza poden adquirir unha aparencia semellante á dun bólido entrando na atmosfera: unha liña luminosa que avanza polo ceo.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

En 2025 rexistráronse 14 bólidos sobre o ceo de Galicia

A lista recompilada pola rede de investigación SPMN sinala outubro como o mes con máis observacións

Detrás do ‘biotech’ galego

Unha xornalista de GCiencia viaxa a Bilbao con motivo de BioSpain 2026. Por Andrea Veiga

Así é ImageDataSpace, a rede galega de imaxes médicas para acelerar a investigación e o diagnóstico

A iniciativa conecta centros, universidades e profesionais sanitarios para desenvolver novos algoritmos baseados en IA en cardioloxía, anatomía patolóxica e oftalmoloxía

Galicia presenta no Parlamento Europeo unha ferramenta pioneira para avaliar o uso do galego na IA

O Proxecto Nós, impulsado pola USC, amosa os resultados iniciais de “Arena Nós”, que analiza como os grandes modelos comprenden, xeran e representan a lingua