A poboación de píllara das dunas mostra unha tendencia positiva e acada a cifra máis alta dende 2014

A Consellería de Medio Ambiente contabiliza 93 parellas reprodutoras da especie vulnerable en 25 praias galegas

A píllara das dunas (Anarhynchus alexandrinus) é unha ave que nidifica en areais e sistemas dunares, e o seu estado de conservación está catalogado como vulnerable. Porén, hai boas noticias sobre a súa situación en Galicia. Xa se contabilizan 93 parellas reprodutoras en 25 praias, a cifra máis alta rexistrada dende o 2014, cando se puxo en marcha o seu plan de conservación. Así o trasladou este xoves a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángelez Vázquez, ao abeiro do proxecto IBERALEX, no que se enmarca o programa de conservación da pílla das dunas.

A responsable autonómica vinculou a tendencia positiva na poboación da especie a outro plan de cría ex-situ —é dicir, fóra do seu hábitat natural— destas pequenas aves que arrincou en 2017. Segundo os resultados trasladados, voaron con éxito 178 polos incubados de forma artificial e posteriormente criados nos centros de recuperación de fauna autonómicos que ten a Xunta en Oleiros e Cotobade.

Publicidade

Conservación de praias e zonas húmidas

O proxecto IBERALEX é unha iniciativa europea para mellorar a conservación da píllara das dunas como ferramenta que permita avanzar na compatibilidade dos usos humanos e da biodiversidade no espazo transfronteirizo formado por Galicia e Portugal, que suma uns 2.600 quilómetros de costa e máis dun milleiros de praia e humidais.

Cun orzamento global de 1,9 millóns de euros, cofinanciado ao 75% con fondos europeos FEDER, o obxectivo co que naceu este proxecto —que rematará o vindeiro 30 de setembro— era dar un paso máis no compromiso con esta especie e na conservación das praias e zonas húmidas ibéricas a través da execución dunha serie de medidas e accións nas que colaboran a Xunta, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e outras institucións académicas e conservacionistas de España e Portugal, cun total de sete socios.

Publicidade

Manter a vixilancia

Neste sentido, a responsable autonómica insistiu en que os resultados conseguidos nos últimos anos grazas ao labor de seguimento e protección da píllara das dunas e ás actuacións de conservación e investigación que se desenvolven tanto dentro como fóra das praias son “unha boa noticia” para o futuro en Galicia desta especie vulnerable, unha das máis características e singulares da costa galega.

En todo caso, insistiu en que “non hai que baixar a garda” xa que se trata dunha cifra aínda pequena como para que poida deixar de estar incluída na categoría de vulnerable. Por iso, avanzou que a Consellería seguirá traballando na mesma liña coa fin de consolidar o aprendido, manter o seguimento activo destas aves e mesmo trasladar as boas prácticas adquiridas a outros areais e espazos para compatibilizar o uso recreativo e público destas áreas co respecto ás zonas de cría e á biodiversidade.

Con este obxectivo, instaláronse 87 parcelas de exclusión no que vai de 2026 para reducir a posible incidencia nos niños dos depredadores, balizáronse 19 áreas de nidificación en areais galegos coincidindo coa época reprodutora —que vai do mes de marzo ata agosto— e recolléronse 17 niños abandonados polos seus proxenitores ou en situación de risco de perda polas mareas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Benvida ás candorcas

Hai dúas normas principais: non atacar e conservar a estes cetáceos son medidas fundamentais para mellorar a súa supervivencia. Por Andrea Veiga

Cóntame que leva a túa perovskita, e direiche como contamina: alternativas para materiais emerxentes

O grupo de Inmunoloxía do CINBIO leva anos estudando a toxicidade na escala 'nano' co obxectivo de establecer un emprego seguro

Un novo bólido sorprende en Galicia: como identificar este tipo de fenómeno astronómico

O CSIC confirma que o meteoro se puido observar dende diversos enclaves distribuídos por Ourense, O Porriño, Arteixo e Vigo

Unha masa de aire africano trae temperaturas por enriba dos 30 graos en Galicia a partir do xoves

O fenómeno elevará as máximas ata 37ºC en Ourense e deixará valores próximos aos 30ºC en boa parte do territorio, con aviso amarelo no interior