Unha bóla de lume cruzou o ceo de Galicia o arredor das 19.30 horas do domingo. Numerosas fotografías captaron unha longa estela de orixe descoñecida. Pouco despois, a Rede de Investigación sobre Bólidos e Meteoritos (SPMN), despois de indagar sobre o caso a través de imaxes e testemuñas directas do fenómeno, concluíu que se trataba dun “superbólido”, é dicir, un meteoro que se desintegrou ao entrar na atmosfera. Segundo explica Josep Trigo, coordinador da SPMN, o bólido tivo a súa orixe na constelación Pegaso e malia que se puido ver dende distintos puntos de Galicia, ocorreu sobre o Atlántico e “moi lonxe da costa”. Agora, un vídeo do portal solpor.eu mostra a secuencia completa do “superbólido” dende o cabo Fisterra.
“O vídeo exemplifica a magnitude dese evento meteórico. Tras o seu paso, a columna de po meteórico é movida polo vento”, explica Trigo nun fío de X (antes Twitter). O tamén investigador do Instituto de Ciencias do Espazo (ICE-CSIC) e do Institut d’Estudis Espacials de Catalunya (IEEC) explicou nunha peza publicada en Gciencia que este bólido foi “o suficientemente grande” como para xerar meteoritos. Aínda que tan só é unha hipótese, de haber restos terían caído ao mar. Isto débese a que o bólido desintegrouse sobre o Atlántico, malia que se puidera ver á perfección dende distintos puntos do sur de Galicia e do norte de Portugal.
O primeiro vídeo que se difundiu sobre o fenómeno fíxoo público Meteogalicia, despois de que as cámaras instaladas en Aguete, Marín, gravasen parte da estela do bólido ás 19.27 horas do domingo. Agora, un vídeo é capaz de captar a secuencia completa grazas ás cámaras do portal solpor.eu, unha rede de puntos de observación que busca a posta en valor do Sol como referente da paisaxe. A iniciativa de Wireless Galicia e LuzLux, que conta coa colaboración do profesor Jorge Mira da Universidade de Santiago, ten cámaras instaladas en Cabo Fisterra que captaron o momento preciso no que o bólido cae sobre o Atlántico e deixa unha longa estela de po.