Sábado 27 Abril 2024

O bólido que se viu dende Galicia tivo a súa orixe na constelación Pegaso

O fenómeno avistouse no sur do país e no norte de Portugal pero o astrónomo Josep M. Trigo asegura que aconteceu "moi lonxe da costa"

Domingo, 19.27 horas. En Aguete, Marín, unha estela de cor branca rompe o atardecer do ceo. Tamén en Sanxenxo, Vigo, Ourense e en numerosos puntos do sur de Galicia e do norte de Portugal. “Todo apunta a que foi unha bóla de lume cunha traxectoria lixeiramente ascendente que deixou unha estela persistente”, explica o astrónomo Josep M. Trigo, coordinador da Rede de Investigación sobre Bólidos e Meteoritos (SPMN) do Instituto de Ciencias do Espazo (ICE-CSIC) e do Institut d’Estudis Espacials de Catalunya (IEEC). O experto cre que, segundo os datos preliminares, a bóla de lume produciuse pola entrada dun bólido que se desintegrou ao entrar na atmosfera e que tivo a súa orixe na constelación Pegaso. O fotógrafo Florencio Rodríguez, testemuña directa do fenómeno, asegura o seguinte: “Subiu do mar como unha liña brillante e despois comezou a ensancharse ata desintegrarse en pezas”.

Trigo e o seu equipo do SPMN están a analizar os vídeos, as fotografías e as observacións visuais directas para obter máis datos sobre o bólido. As imaxes coas que traballan dende a rede apuntan a un bólido “o suficientemente grande” como para xerar meteoritos. De todos modos, Trigo insiste en que se trata dunha hipótese e de que é preciso seguir recabando información para chegar a datos concluíntes. “Hai pouca información pero se se tiveran formado meteoritos, estes terían caído ao mar”, explica o astrónomo do ICE-CSIC. Ao parecer, aínda que o fenómeno se avistou perfectamente dende Galicia, ocorreu “moi lonxe da costa” e, en todo caso, o meteoro caeu sobre o Atlántico.

Publicidade

Ademais dos numerosos testemuños gráficos que se difundiron nas últimas horas do domingo e primeiras do luns a través das redes sociais, as cámaras que Meteogalicia ten instaladas en Aguete foron observadoras directas do fenómeno. A entidade publicou o vídeo onde se ve claramente como ás 19.27 horas aparece a primeira estela, que despois se distorsiona a causa do vento. “Este tipo de fenómenos deixan unha estela de 30 a 90 quilómetros de altura sobre o nivel do mar. Despois queda sometida ao efecto do vento en cizalla”, explica Trigo. A bóla de lume, que caeu ao oeste de Galicia, parece que se viu en todo o sur do país e no norte de Portugal.

A hipótese de que a bóla de lume se trate realmente dun meteoro é a que colle máis forza na mañá deste luns, despois de que se descartasen outras teorías. Ao principio tamén se barallou que puideron ser os restos do satélite ERS-2 pero a Axencia Espacial Europea (ESA) rexeitou esta hipótese dende a súa canle oficial na rede social X (antes Twitter). “Segundo as últimas informacións das que dispoñemos, o satélite segue intacto e a unha altitude duns 200 quilómetros. Non esperamos a reentrada e a ruptura ata dentro de un ou dous días”, apuntan fontes da axencia.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un bólido cruza a costa de Lugo ata caer no Cantábrico

A segunda bóla de lume visible dende Galicia en apenas dúas semanas procedía da chuvia de estrelas das delta-leónidas

Atopan dous minerais nunca vistos na Terra dentro dun meteorito de 17 toneladas

Os compostos atopáronse dentro dunha porción do meteoro El Ali, que aterrou en Somalia a mediados de 2020

Un bólido cruza o ceo da Coruña e extínguese a 16 quilómetros da costa

As cámaras da Casa das Ciencias detectaron o meteoro, procedente dun cometa, na noite do sábado 10 de setembro

Así se viu o bólido que cruzou o ceo de Galicia a principios de maio

A brillante bóla de lume era un fragmento de roca procedente do cometa Halley e percorreu 73 quilómetros a unha velocidade de 240.000km/h